Casares: “Temos que ir a votar para defender o modelo europeo, aberto e con dereitos”

Entrevista ó candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo

"Lanceille unha luva aos candidatos do PP e do BNG para que, nada máis tomar posesión, facer forza nos nosos grupos para que haxa un comisario de Pesca", di o eurodeputado e candidato do PSOE ao Parlamento Europeo

Nicolás González Casares no set de TV de Atlántico.
Nicolás González Casares no set de TV de Atlántico.

O lalinense Nicolás González Casares repite como candidato ao Parlamento Europeo. Cita como o seu principal logro da pasada lexislatura a reforma do mercado eléctrico. O candidato pasará a xornada electoral na casa porque acaba de ter un fillo, en plena campaña.

As eleccións europeas teñen menos repercusión na xente. Por que teñen que ir votar?

Porque moito do que inflúe nas nosas vidas, o 75% do ordenamento xurídico, ven de decisións das institución europeas. Ademáis creo que nestas elecións hai outros motivos. Temos que ir votar tamén para defender o modelo europeo no que, maioritariamente, cremos os españois, os galegos e as galegas. Unha Europa aberta, solidaria, que crea dereitos e que nos deu moitísimas oportunidades.

En países como Francia ou Países Baixos a ultradereita vai encabezando as enquisas. Como ve este xiro?

Con moita preocupación. Sobre todo cando ves que en España a dereita tradicional ábrelle as portas a esa ultradereita, mimetízase con eles nos discursos e mesmo forma gobernos con eles. Mencionaba Francia, e alí nunhas presidenciais todo o mundo trata de frenar á ultradereita. Hai países como Polonia e Hungría onde estes modelos xa foron ensaiados. Din que son europeístas, pero son todo o contrario. Recortan dereitos, recortan liberdades e perseguen á comunidade LGTBI. Temos que paralos.

Que logro seu diría que foi importante en Europa?

A reforma do mercado eléctrico nun momento de crise enerxética e que o resultado é que a xente está menos preocupada pola factura da electricidade ou que a ninguén lle vai cortar a luz nunha situación de vulnerabilidade. Foi unha proposta miña e é un motivo de satisfacción.

Nesa reforma tamén España e Portugal conseguiron ser diferentes.

Houbo primeiro a excepción ibérica, que foi a inspiración do que veu despois. A vicepresidenta Teresa Ribera, que é a cabeza de lista, foi moi vocal liderando estes asuntos e conseguimos liderar Europa e un cambio. Porque esta reforma ninguén a esperaba e foi motivada porque España fixo ver a outros Estados membros que era necesaria e unha forma de loitar contra a dominación que tiña Putin no mercado enerxético.

Un área que afecta moito a Galicia é a política pesqueira, como ten visto o comisario Sinkevicius?

Sinkevicius representa un modelo que nós non queremos para Galicia. Nós queríamos un comisario de Pesca, non un comisario de medio ambiente, océanos e a pesca como unha cousa menor. Vexo que estes anos déuselle maior prioridade ao piar medioambiental que ao económico e social. Lanceille unha luva aos candidatos do PP e do BNG para que, nada máis tomar posesión do escano, facer forza nos nosos grupos para loitar para que haxa un comisario de Pesca.

No caso dos fondos Next Generation, como están chegando?

Nos Fondos de Recuperación Next Generation recibimos moito máis que a parte de débeda mutualizada que nos toca pagar. De tal xeito que son moi beneficiosos para España. Non entendo cando Feijóo di que é só débeda, cando en Vigo estase vendo que están producindo unha dinamización de industrias que precisan modernizarse e adaptarse. Vai haber moitos beneficiarios en Vigo que está axudando á nosa economía e ao noso modelo produtivo, facelo máis sostible e moderno. Os fondos son como un vento en popa que fai que o barco navegue máis rápido.

Cal vai ser a súa labor prioritaria no Parlamento Europeo?

Con respecto a Galicia, nos asuntos da transición ecolóxica e dixital temos unha oportunidade única e temos que perseverar e avanzar. No sector do automóvil temos que axudalo e darlle empuxe, para que a competencia internacional non nos coma e teña esa innovación que sempre tivo Vigo. Tamén na Pesca e na agricultura temos que seguir traballando. Eu me comprometo cos galegos e as galegas non só a ser a voz, porque en Bruxelas hai que ter voz e influencia. Nós podemos comprometernos a influír no noso grupo, que é o segundo da Cámara e aspiramos a ser o primeiro, en que todas as decisión que teñan que ver con Galicia pasen por nós e cambiar o voto do grupo ao noso favor. Cando non sexamos capaces eu manterei a niña independencia en favor de Galicia.

Contenido patrocinado

stats