Nervo: “‘Olgulho’ vai pola clase obreira, estamos a meter bastante caña social”

Integrante de Rebeliom do Inframundo

Entrevista a Nervo. | Vicente Alonso

Nervo é cantante do grupo de rap Rebeliom de Inframundo. Presentan o próximo 26 de febreiro o seu quinto albume, ‘Orgulho’. Xa teñen confirmadas actuacións en Barcelona, Bilbao e Madrid, así coma na sala Capitol o próximo 8 de maio. E máis sorpresas aínda non anunciadas.

Novo traballo con ‘Orgulho’, por que ese nome?

Ten unha connotación moi grande. Vai dende o orgullo por nós como grupo, porque ninguén nos regalou nada e levamos loitando dende sempre. Como moitos grupos, e hai que estar orgulloso diso. Pero tamén orgullo de clase obreira, de xente que loita día a día. Neste tempo no que estamos, onde cada vez hai máis individualismo e menos oportunidades, temos que ter orgullo de terra. Dos nosos avós e bisavós por ter sobrevivido a unha guerra civil. Orgullo de ser.

Vaise manter esa esencia de Rebeliom neste traballo?

Non se vai perder. Incluso o outro día, falando os do grupo, dixemos que neste traballo estamos a meter bastante caña social. Pero é o normal. Estamos nun momento onde a extrema dereita está a subir, e temos que dar a nosa opinión.

Tres temas de momento xa presentados, un de eles co rapeiro Kaze.

Coñecémonos dende hai anos. Falamos e tanto él coma nos tiñamos claro que queríamos traballar dende cero. Foi quedar pola maña e en dous días xa tiñamos a letra, o instrumental e gravado. Hai moi bo rollo e é moi fácil traballar con colegas ao final.

Outra canción, ‘Bate Fado’, fai unha referencia as cantigas tradicionais galegas e lusas.

Levo xa varios anos vivindo en Candeán. Alí, moitas veces retomamos as cantigas de taberna e os cantos populares. Entón, nunha letra tan dura como a que ten Bate Fado, meter esas cantigas éncheme de orgullo. Porque por moi fodido que estea todo, canta e imos a por todas. Ademais, o Sacristán de Coimbra pode ser top 3 das miñas cancións favoritas.

Os vosos concertos respiran enerxía por parte do público. Notades iso enriba do escenario?

Totalmente. Notamos unha simbiose moi grande, de entrar en trance. De comezar arriba e rematar moito máis arriba. Despois dun concerto non nos podemos mover, temos que estar 45 minutos ou unha hora a descansar. Pero iso vai na adrenalina, porque o estás dando todo. Concibimos que, se unha persoa paga a entrada e está gastando horas da súa vida e cartos por verte, tes a obrigación de dalo absolutamente todo. Se non, estás faltando a ética, a túa moral como persoa e como artista. E seguiremos haxa 10.000 persoas ou haxa só 5. O respeto é o mesmo. Eu, en cada actuación, deixo a miña familia na casa. Quero que estean orgullosas de que estou por e para algo, e non perdendo o tempo.

Canto de complexo é vivir da música?

Moitísimo. Sobre todo porque hai un problema moi grande, que falla un circuíto de música en galego. O comparas co que hai que Cataluña ou no País Vasco e deixa moito que desexar. E xa no noso caso ou parecido, con bandas de 6 ou 7 persoas, a facturación ten que ir moi para arriba para vivir ben disto.

De Torneiros (Porriño), como empeza na música?

Mudei cos meus pais a Ponteareas con 15 anos. Alí fixemos un grupo moi grande onde rapeábamos todos no que chamábamos o inframundo. Aos 19 xa vin para Vigo e xunteime co que agora é a miña familia. Paro a pensar e estou moi orgulloso de que estamos facendo, porque era moi complicado fai dez anos que festivais apostasen por un grupo de rap tan duro como o noso. Por exemplo, Revenidas para nós xa e coma a nosa casa e vamos estar en máis festivais este ano.

Contenido patrocinado

stats