Miguel Calvo: “Escribir foi terapéutico, no libro parto de feridas persoais coa violencia”

"O protagonista do libro ten 37 anos, e sufriu toda esta violencia nos 90", explica o vigués sobre “As esquinas”, o seu debut literario

Miguel Calvo: “Escribir foi terapéutico, no libro parto de feridas persoais coa violencia” | Gonzalo Pamies

Miguel Calvo Marques (Vigo, 1984) visitou o set de Atlántico TV para presentar “As esquinas”, o seu debut literario. Orientador e membro da xunta Coordinadora da Rede educativa de apoio LGBTIQ+, gañou o premio Pinto e Maragota cunha historia dura sobre os traumas e os efectos que os malostratos deixan na familia.

Cando comezou a escribir “As esquinas” foi consciente da súa crueza?

Si. Eu sabía que ía ser duro, era o meu obxectivo que o fose porque trata sobre a violencia de xénero, sobre como afecta a muller que a sufre, pero tamén ao fillo. E como esa violencia de xénero tamén inflúe na súa propia relación entre nai e fillo, na comunicación, nos silencios, na falta de afectos.

Tamén aborda a busca da identidade, non é?

Si, o personaxe principal, que é un rapaz de 37 anos, está agora sumido nunha depresión profunda e unha das súas angustias é saber que partes de si mesmo son propias da súa personalidade e cales son froito desa violencia da que foi testemuña dende que naceu ata os 23 anos.

O protagonista tenta buscar ese refuxio escribindo a súa propia experiencia. Foi o seu caso?

Si, de feito, a miña motivación para escribir esta primeira novela xurdiu un pouco de aí, do meu impulso persoal por escribir a mestura de emocións que eu sentía como autor por experiencias persoais similares. Comecei a escribilo dentro dun proceso terapéutico e logo se transformou nisto. Cando o escribía non sabía que se ía transformar nunha novela. Era un proceso terapéutico.

Trata temas moi duros como a violencia de xénero, a homofobia, pero dende unha cotidianidade moi familiar. Hai de algo de autobiografía nesta historia?

Cústame moito responder esa pregunta, porque si que hai algo de realidade, unha realidade distorsionada Parto de moitas feridas persoais relacionadas coa violencia e logo se foron transformando en ficción en canto a que o personaxe principal, que pode ser bastante similar a min, a súa psicoloxía non é igual á miña. É unha persoa deprimida que utiliza as esquinas para golpearse, é o seu cargador emocional. Non ten unha rede de afectos, nin comunidades, porque eu quixen relatar tamén unha vítima da violencia de xénero errática, complexa, que non só sexa a vítima que a sociedade pensa que é.

Hai un capítulo especialmente duro para min, no que se centra na actitude dos veciños mentres acontecen ese terror familiar. É unha chamada á reflexión?

O protagonista do libro ten 37 anos, e sufriu toda esta violencia nos 90. Eu quería relatar unha comunidade de veciños nas que aínda non había tanta sensibilización ante a violencia de xénero. Había moito silencio. O meu obxectivo tamén era investigar e narrar esa forma como sociedade temos de detectar a violencia familiar, pero non nos vamos involucrar moito e o deixamos pasar, que nos 90 era bastante habitual, quizais agora non tanto.

Cres que libros como este contribúen a visibilizar o maltrato?

Penso que si. O feminismo evidentemente, penso que é o principal impulsor para que isto se fale. Estamos sensibilizadas, houbo un avance dos 90 até o de agora, e iso está aí. Non sei se o libro vai axudar a visibilizar máis, dende logo o meu obxectivo era falar do outro tipo de vítimas, tanto a nai como o fillo, ademais das vítimas de violencia de xénero. A eles afectoulles a súa relación, son erráticas, toman malas decisións, e iso me interesaba moito.

E no fondo parece tamén o tema do éxodo rural.

A personaxe da nai foi moi pouco tempo a escola. Era pastora, que se dedicaba ás cousas da casa, do campo. Quixen a presentala como algo deprimida, nun mundo no tampouco encaixaba. Cando chega á cidade inicialmente, cando aínda non coñece ao seu marido, parece que está desfrutando desa saída da aldea, pero cando se atopa coa violencia, volve a esa depresión que parece coa que naceu.

Contenido patrocinado

stats