María Xosé Queizán: “Fixen o que quixen sempre, nunca me ocultei, paréceme triste ter que facelo”
Escritora, intelectual e activista feminista, vén de recibir unha nova homenaxe, desta por parte do Consello da Cultura Galega
María Xosé Queizán (Vigo, 1939), escritora, intelectual e activista feminista, vén de recibir unha nova homenaxe, desta por parte do Consello da Cultura Galega coa reedición de dúas das súas obras, “Recuperemos as mans” e “Evidencias”. Con tal motivo pasou por Atlántico TV para repasar a súa traxectoria.
A publicación destes libros, tras máis de 40 anos, amosan a vixencia das súas reflexións. Non é?
Falan de feminismo. Xa os títulos indican que eran evidentes os problemas das mulleres.
Como mudou a situación dende que comezou no feminismo activo?
A sociedade non para nunca de evolucionar. Evidentemente, nese sentido, non é igual. Agora, de tódalos xeitos, non temos unha igualdade na sociedade como os homes, a verdade é que non. Hai mulleres que creen que si a teñen e non lle parece ben que se diga o contrario. Eu, que son unha muller avanzada e que non teño problemas, nin sequera estou casada, doume conta de que nos queda moito, tamén en cousas moi pequenas, aparentemente moi parvas, notamos esa diferencia. Pouco a pouco foise avanzando e aparecen novos temas de debate.
Como é o debate das mulleres trans. Que opina das distintas posturas do feminismo ante isto?
A min non me gusta nada iso das trans. Paréceme que na sociedade actual cada muller pode facer da súa capa un saio, comportarse como queira, ninguén se mete na súa vida privada. O trans é un pouco cuestión de modas. Non sei o que significa realmente ou o que queren que signifique, porque unha muller é unha muller e un home é un home. Somos diferentes, temos unhas características evidentes. Entre ser muller e ser home hai diferencias físicas, non só sociais que esas son outra cousa.
Na súa autobiografía; “Vivir ao galope” afirma que nunca calou nada.
Acostumo a ser moi sincera. Non paga a pena estar ocultando cousas, por que motivo? Unha é como é e se comporta como se comporta.
Hai algo que lle dea pudor falar?
Non, non creo que sexa necesario, a non ser que sexa unha persoa transgresora ou que fai cousas que non debe. Unha muller non ten a liberdade de que ten un home, aínda que semelle que si. Ten que ter máis precaucións, algunha ata ten máis pudor ou prexuízos. En fin, cada quen ten a súa vida e o seu criterio. Eu creo que non é necesario estar ocultándose de nada, pero, evidentemente, hai mulleres que si.
A sexualidade tampouco é un tema tabú?
Non creo, non o debe ser. O tempo modificou cousas nese sentido. As mulleres tiñan unha vida bastante acoutada, reducida. Hoxe en día, non.
Nese libro, publicado no 2018, lamenta a falta de recoñecemento para a súa obra. Manteno?
Non, non existe. Lin onte algo dunha muller que se queixaba diso publicamente nun xornal, é dicir, que as cousas aínda son así.
Tras unha vida tan longa e activa, arrepíntese dalgo?
Non, a verdade é que fixen o que quixen sempre. Nunca me ocultei, paréceme triste ter que facelo. Non o fixen e non me gustaría facelo tampouco.
É máis unha ocasión dixo que non lle gustan moito os recoñecementos á súa persoa, máis nos últimos anos ten recibido unhas cantas.
Si, ultimamente si. Espero que rematen, pero estou atravesando un momento con moitos actos. En realidade son unha persoa que non necesito esa loubanza. Non me parece importante, nin precisa, non lles dou valor. O que si valoro é o cariño da xente, iso sempre. Fai algo porque me queren e iso ten un valor.
O Ernestina Otero, do Consello da Muller, máis tamén o premio Laxeiro, están nos seus últimos galardóns.
Laxeiro era moi amigo meu, entón ese premio encántame. Laxeiro e eu pasabamos horas e horas recorrendo Príncipe e falando. Teño un retrato de Laxeiro cando tiña nove anos, porque xa coñecía a miña nai, a miña familia. Téñoo colgado na casa como ouro en pano. Admíroo moito. Levábamos ben, aínda que non tiñamos ideas semellantes nin nada.
Formou durante moitos anos matrimonio con outra referencia da literatura galega, Méndez Ferrín. Existiu colaboración?
Vivíamos moi tranquilamente á marxe diso, quero dicir, que non había nada. Non había admiración, tampouco prexuízos ou envexas.
É unha das poucas persoas que en vida desfrutan de un parque adicado na súa cidade.
Faime ilusión. Fastidia que quede tan afastado da miña casa, no outro extremo e non o podo desfrutar habitualmente, pero gústame moito, é bonito, agradézoo moito.
Contenido patrocinado
También te puede interesar