Marcos Calveiro: “A literatura infantil é moi complexa, non hai lector máis crítico que un rapaz”
Director de edicións en Galaxia e autor de “Unha Galaxia Viguesa”
Marcos Calveiro é agora director de edicións da editorial Galaxia, que cumpre 75 anos sendo referencia na literatura galega. Por iso, Calveiro adentrouse nun proxecto titulado “Unha galaxia viguesa”, un conto que estará só dispoñible nos colexios e en bibliotecas municipais, coas ilustracións de Mara Méndez.
Cal é a aventura de “Unha galaxia viguesa”?
Conta un pouco a historia da editorial dende 1950, pero está pensado para rapaces. Hai un dragón, que representa un dos fundadores de Galaxia, Xaime Illa. Gustáballe debuxar e creou o logo da editorial. Como ten tres cabezas, os outros dous son Paco del Riego e Ramón Piñeiro. Eles son as tres patas da editorial. A historia vai dunha nena viguesa que, aburrida na Alameda, descubre un dragón de pedra que cobra vida e vaise recorrer Vigo con él. Así, conta un pouco a historia da editorial e tamén a de moitas esculturas da cidade. E interesante, non moita xente mira para elas. Evidentemente, como aventura infantil que é, hai un malo que hai que loitar contra él.
Localizacións perfectamente recoñecibles.
Dende logo. A Alameda e as súas esculturas de Nogueira, visitan o Sireno, o edificio de Abanca, os cabalos… Iso para rematar co ferreiro da praza da industria. Seguramente sirva tamén para o público adulto, para así coñecer estatuas que seguramente non teñen constancia delas por non fixarse.
Os nenos e adolescentes, cada vez len máis?
Os datos económicos indican que na facturación do libro galego, o 40% é de literatura infantil e xuvenil. Tamén é certo que está ligado coa lectura nos centros. Ademais, temos grandísimos autores e autoras, estean ou non en Galaxia, nos que a súa obra se traduce ao castelán. A literatura infantil é un dos xéneros máis potentes da literatura galega, tamén a nivel de premios nacionais.
É moi diferente escribir para nenos e facelo para adultos?
Primeiro, reivindicar a literatura infantil como o que é. Literatura. Algúns pensan que son só contos para os nenos. É das máis complexas de facer porque non hai lector máis crítico que un rapaz. É un público moi determinado e eles non se cortan un pelo. Nas charlas que acudo, a hora de ser honestos, son os que máis. Se non lle gusta ou lle parece aburrido, o din a primeira. Se atopan algunha errata, tamén. Dentro da literatura galega e da súa historia, un dos campos máis importantes é a literatura infantil. Temos un montón de premios nacionais, os autores galegos tradúcense constantemente o castelán. Incluso a linguas europeas. Eu, fundamentalmente, procedo da literatura infantil e xuvenil. Teño libros de adultos, pero a miña produción está enfocada aos nenos. Cando se entra no mercado adulto, facelo en galego é moito máis difícil, porque miran moito menos para a periferia ou para outras linguas peninsulares, pero sempre houbo unha moi boa conexión na literatura infantil. Sobre todo nos premios nacionais, porque admiten todas as linguas do Estado español. Cousa que non pasa, por exemplo, nos premios Planeta.
75 anos de Galaxia. Cal é a fórmula da súa lonxevidade?
Son moitos anos. Naceu en tempos difíciles, en 1950, e os seus fundadores son uns auténticos heroes da nosa cultura. Para os que estamos agora, énchenos de orgullo. Fixemos moitas cousas este ano. Exposicións, coleccións específicas… foi un pouco tolo todo. O 4 de decembro pecharemos os actos con unha exposición en Afundación. E que siga 75 anos máis. En non vouno ver, pero gustaríame que a nosa lingua siga aí no poleiro y que, xa sexa a nosa edición ou calquera editora de libros en galego, que non desapareza das mesas de novidades.
Contenido patrocinado
También te puede interesar