Manuel Reigosa, reitor en funcións da UVigo: “Quero volver ao laboratorio, teño unha longa lista de cousas pendentes”

O reitor saínte da Universidade de Vigo desexa “sorte e éxito” á sua sucesora no cargo, Carmen García Mateo

Manuel Reigosa, rector en funcións da UVigo: “Quero volver ao laboratorio, teño unha longa lista de cousas pendentes” | Atlántico

Manuel Reigosa (Vigo, 1958), reitor saínte da UVigo, afronta os seus derradeiros días ao cargo coa satisfacción do deber cumprido, as ganas de volver á actividade investigadora e a ilusión de que lle sucederá no cargo a primeira reitora da institución.

Como viviu o proceso electoral?

Con interese, obviamente. Había moito tempo que non había tres candidaturas, moi boas as tres, e a comunidade universitaria elixiu a que quere que a goberne durante os vindeiros seis anos. E dende logo, si que é unha satisfacción que teñamos unha reitora, que xa era tempo.

Diría que cumpriu todas as promesas feitas en 2018 e 2022?

Algunha cousa quedou no tinteiro porque ás veces, aínda que teñas a mellor vontade do mundo, non se dan as condicións para levar adiante algún dos puntos que tes no programa de goberno. A nosa idea foi sempre acometer todo o que estaba previsto e a que me queda mágoa de non ter acadado é a modificación global da modificación de postos de traballo (RPT) do persoal administrativo. Pero tamén é certo que no primeiro mandato levamos a proposta de funcionarización, a cal conseguimos e os propios representantes sindicais pedíronnos que non avanzásemos na RPT mentres non estivese rematada a funcionarización, que rematou ao principio deste segundo mandato. Logo dende Europa chegáronnos os procesos de estabilización de interinos e pedíronnos de novo que mentres non estivese rematada esta, non fixésemos a RPT. Hai moitas cousas que se poden mellorar e só pode facerse cunha nova RPT.

Un dos seus anhelos era devolver á UVigo ao posto 500 do Ránking Shanghai. Cre que se pode lograr pronto?

Si. Hai unha parte na cal se xogan 150 ou 200 postos que ten que ver cos científicos altamente citados, unha categoría que depende da empresa Clarivate. Aí pasamos de ter entre un e tres a non ter ningún. Iso pode mudar porque moitos dos nosos investigadores están no 'top' e chegar a ese punto de ser investigador altamente citado é case azaroso, polo que en cada momento poderemos dar ese salto. Noutros ránkings importantes como o QS, publicado recentemente, seguimos subindo.

“Cada vez a sociedade é máis consciente de que a UVigo vai ser unha peza importante para o desenvolvemento de Galicia”

De todo o feito nestes oito anos, con que se quedaría como o máis destacado?

Creo que a UVigo é máis forte que cando entramos e tamén máis recoñecida socialmente. Cada vez a sociedade é máis consciente de que vai ser unha peza importante para o desenvolvemento de Galicia a todos os niveis. Eu creo que implantamos unha cultura de moito respecto institucional, tanto dentro como fóra, e moita colaboración. Eu sempre intentei transmitir que xuntos somos máis fortes. Quedaríame con un dato: o ano pasado houbo 400 estudantes máis que elixiron a UVigo para estudar como primeira opción. Non é algo que dependa do equipo de goberno, pero quere dicir que a UVigo está cada vez máis recoñecida.

Agora que xa non está nas súas mans e será cousa do novo equipo reitoral: prefire unha facultade propia de Medicina ou o grado partillado?

Eu sempre apostei por un grado partillado, como Intelixencia Artificial, que está implantado nas tres universidades. A situación ideal para min é a de que Medicina sexa compartida, e incluso que no futuro poida haber unha certa especialización en cada campus. Pero isto xa non me toca a min e a posibilidade da facultade propia sempre quedará aberta, nós deixamos a alternativa preparada no caso de que falle o acordo.

Como diría que cambiou a Universidade dende 2018 ata agora?

Os cambios nunha institución tan complexa e con tantos contrapoderes como unha universidade son graduais, pero creo que finalmente implantouse unha cultura de negociación, de moita escoita. Todo o mundo da universidade sabe que non ten máis que pedir unha entrevista co reitor para que eu lle reciba. E dende logo, nos órganos de goberno sempre houbo debates moi abertos. É obvio que hai decisións que tomar e iso correspóndelle ao equipo de goberno, pero sempre modulamos as cousas. Por exemplo, estou especialmente orgulloso do número de acordos que tivemos nas mesas de negociación. É un cambio importante porque a xente sabe que pode involucrarse dende a parte sindical.

E a vostede, como lle cambiaron estes oito anos?

Eu sempre estiven na política universitaria, nunha parte ou noutra, e polo tanto creo que estaba preparado para un reto tan importante, pero como ademais rodeeime de equipos magníficos, tampouco tiven moito máis cambio máis alá de non ter moita vida propia e botarlle moitas horas e moito esforzo para facelo o mellor posible. Tamén aprendín moitas cousas e estou moi satisfeito por iso.

Como ve o futuro da UVigo con García Mateo á fronte?

Moi ben. Eu espero que sigamos subindo na apreciación da cidadanía e que todos os que tomen decisións sexan conscientes de que a UVigo está aquí como unha fortaleza do país e que pode servir o país como é o noso obxectivo.Entendo que todo o mundo seguirá sendo consciente de que somos unha universidade pública e de calidade comprometida coa igualdade e comprometida co desenvolvemento social. Nós esperamos ser unha parte importante, pero sempre queremos formar parte das solucións do país, moi especialmente no sur de Galicia, pero tamén creo que podemos formar parte do artellamento do país galego.

E como ve o seu propio futuro? Volverá á actividade académica ou pensa xa na xubilación?

Volverei á investigación. Teño varias cousas que deixei pendentes. Cando nos presentamos, tiñamos un programa moi ambicioso pero eu non pensaba gañar. Deixei bastantes cousas a medio facer e a miña ilusión é rematalas a partir de agora. Teño unha lista moi longa das cousas que teño que facer no meu laboratorio co meu grupo de investigación. Afortunadamente, non me precisa e estivo funcionando moi ben coas persoas que forman parte del. Reincorporareime e espero non dar moito a lata. Temos proxectos internacionais en vigor e quero aportar o meu gran de area.

E para rematar, que lle diría a Carmen García Mateo que lle gustaría ter sabido a vostede ao comezar o seu mandato?

Carmen ten experiencia dabondo. Leva moito tempo en xestión universitaria e non precisa de ningunha recomendación. Ten o seu programa e o seu equipo e a única mensaxe que teño para ela é que teña sorte e acerto. Ás veces as cousas non son doadas e non se poden facer como un pensa, pero iso ela sábeo perfectamente. Espero que teña moito éxito e que a UVigo dentro de seis anos sexa mellor que a que ela recibiu.

Contenido patrocinado

stats