Manuel Martínez: “É un luxo dar un uso cultural a un espazo tan inaccesible como o claustro barroco”
"Unha sinfónica é un gran paraugas no que tocar todo tipo de música, pero non sempre hai oportunidade de afondar no repertorio propio, nos artistas, moitos esquecidos", sinala o director artístico da Orquestra Clásica de Vigo
A Clásica de Vigo pecha mañá o seu ciclo de concertos “Verbenas da Caridade” no claustro barroco da Casa da Caridade, no convento de San Francisco. O seu director artístico, Manuel Martínez, acudiu a Atlántico TV para falar desta proposta.
Como xurde a idea de abrir o claustro á música?
En Vigo temos un claustro barroco único, na Casa da Caridade que está no alto de Berbés. É un espazo case inaccesible, cunha sonoridade alucinante. Propuxeron explorar os repertorios antigos da festa, as verbenas, algo tan noso. A min interesábame moito o momento previo á reprodución mecánica da música, da música gravada, as radiofórmulas. Chegaba a través de música en directo sempre, porque non había outra forma, mesmo a través do piano, por iso este ano Alejo Amoedo tocou un piano de cola no claustro barroco.Tamén estaban os arranxos nos bares ou nos teatros, pois era forma de que a xente gozaba da música en comunidade.
Que repertorio teñen preparado para a despedida desta edición?
Son temas para sexteto, unha orquestina. Trátase de música de salón ou de café, que se tocaba cun violín, unha viola, un violonchelo, un pouco que houbese. Reproducíanse as que estaban nos teatros ou que soaban nos ambientes máis grandes. Son obras de 1900 a 1920, que se arranxaron ad hoc para este proxecto.
Onde estaban estas composicións?
A meirande parte delas é de arquivo. O ano pasado tiramos de arquivo persoal dun músico do Café Derby cedidas pola súa viúva. Son pezas belas e bailables, cuplés, valses, polcas, muiñeiras, música galega, música de revista, música, zarzuelas, obras que se tocaban a diario, que era o que a xente escoitaba. Estaba pensada para ser arranxada e tocada segundo as posibilidades do espazo e do momento.
Son bandas sonoras da época?
Correcto, é música viva, que tiña unha escritura sempre moi áxil, facíase no momento o que ía tocar cada quen. Entre outras interpretaremos obras de Reveriano Soutullo.
É unha oportunidade para desfrutar dun escenario moi especial.
É un luxo o que debemos facer, porque é un formato pequeno, nun espazo moi agradable, no que poderemos escoitar música, poderemos tomar algo na barra antes do concerto e tamén un mercadiño en beneficio do comedor social da Esperanza. É moi bonito recuperar repertorios e dar uso desde un punto de vista cultural a un espazo inaccesible á cidade, como é o claustro, e amais contribuir para a xente que o necesita.
Esta agrupación caracterízase polas súas músicas ligadas ao territorio.
Penso que os repertorios que se elixen teñen que ter vencello coa xente. Unha sinfónica é un gran paraugas no que tocar todo tipo de música, pero non sempre hai oportunidade de afondar no repertorio propio, nos artistas, moitos esquecidos. A priori no son repertorios tan valiosos como un “Requiem” de Mozart, pero que son fundamentais porque son da nosa historia persoal, a nosa música doméstica. Tende a esquecerse ao non ter pretensión de trascender, pero forma parte das nosas vidas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar