Malores Villanueva: “Non hai unha semana que non veñan exalumnos a visitarnos, ese é o noso mellor premio”
Vigueses Distinguidos
“A nosa comunidade educativa ten moito sentido de pertenza ao instituto e iso nos fixo tecer moitas redes no barrio”
A actual directora do IES Álvaro Cunqueiro reflexiona sobre a distinción recibida polo Concello.
Como sentou na comunidade educativa o nomeamento?
Era inagardado porque sabiamos que nos ía tocar con 50 anos e aínda temos 47. Recibímolo con moita alegría, agradecemento e responsabilidade porque estes premios fannos estar aí expostos e observados.
É un centro con moita historia.
É un instituto de barrio, dun barrio que pasou por moitas vicisitudes ao longo destas décadas e por el pasaron grandes profesores e tamén grandes alumnos, que é algo que é moi importante. Este é un premio que recibimos hoxe pero que non sería posible sen todas as décadas de traballo dun claustro implicado con figuras tan relevantes como Xesús Alonso Montero, que estivo dous cursos no noso centro e acaba de falecer, Antón Pulido, Xulio Gil, Pepe Alén e outros nomes que ao mellor non son tan coñecidos para o público pero que forneceron de ferramentas e coñecemento aos vigueses de ahora neste barrio. E na actualidade seguimos niso, facendo ensino público para construír o presente e o futuro.
Como de unida está a comunidade educativa deste instituto?
Eu creo que somos un instituto no que se respira ben, hai moito compañeirismo e todos bogamos na mesma dirección, que é moi importante nun centro educativo. Sabemos cal é o noso obxectivo cando entramos pola porta cada mañá, que é educar, darlle aos alumnos as ferramentas para o futuro. E eu creo que, como traballamos así, o centro funciona moi ben e síntome moi orgullosa como directora de poder dicir isto. E non hai semana que non nos visite algún alumno que xa marchou, que quere ver a ese profesorado que os axudou. Creo que iso é o noso mellor premio, que hai ese bo ambiente que se reflicte nestas cousas. De feito, agora temos dous exalumnos nosos que escolleron o noso centro para facer as súas prácticas de docencia. Iso fala moi ben do noso instituto ao longo de todo este tempo.
Que cre que fai especial este centro?
Eu creo que a comunidade educativa temos moito sentido de pertenza ao instituto e tamén sentimos orgullo de ser do Coia-4. E iso, xunto a todas as visitas que recibimos e detalles como que nos escollan para facer as prácticas os nosos exalumnos tece redes. E nós precisamente buscamos tecer redes co noso barrio e esa unión que se foi establecendo durante décadas en Coia é o que o fai especial. E xusto agora que hai un movemento de asambleas de profesorado, temos que dicir que tivo o seu xermolo no Álvaro Cunqueiro. Iso fala dun claustro comprometido.
Que lle pediría a outro medio século de educación pública en Coia?
Máis recursos. Somos un barrio moi poboado, polo que as nosas clases están no límite das ratios e iso oblíganos a facer o noso traballo nunhas situacións mellorables. Necesitamos máis persoal de apoio á educación. Temos que reivindicar todo isto para que o alumnado teña unha educación pública de calidade sen tanta peaxe para o profesorado. A educación pública é o verdadeiro ascensor social.
Contenido patrocinado
También te puede interesar