Luis Menor: “Somos referencia no termalismo e o AVE trae unha chea de xente”
“Tivemos un programa piloto en Lobios e viñeron persoas de catro continentes que teletraballaron no balneario”, sinala o presidente da Deputación de Ourense
Luis Menor (Pereiro de Aguiar, 1964) é presidente da Deputación de Ourense dende xullo de 2023. Abogado e funcionario xudicial, é tamén alcalde do seu pobo, Pereiro de Aguiar, dende 2019. Este é o seu segundo mandato. Tamén é presidente da Sección Villas Termales da Federación Española de Municipios y Provincias. Antes foi director xeral de Emerxencias e Interior. Menor pon o acento na necesidade dunha gran infraestructura termal en Ourense capital, están a piques de anunciar un proxecto que están madurando, e na oportunidade que supón a chegada do AVE, que está atraendo a xente a coñecer a provincia.
Vigo e Ourense teñen unha relación no persoal pero tamén no económico. Ourense ten moito que ofrecer, en especial no termalismo. É a segunda cidade europea en infraestrutura termal.
Vigo é como unha segunda casa dos ourensáns. Miles de persoas de Ourense atoparon aquí un traballo, unha forma de construír a súa vida e seguen mantendo esa relación con Ourense. Co cal xogamos na casa. Un factor diferencial que ten Ourense, a provincia, é ese “ouro quente”, que está espallado por toda a provincia, é a auga termal, que nos fai a segunda capital en surxencias termais, detrás de Budapest. Esto é unha oportunidade inmensa. Temos unha sensación agridoce con este recurso, porque, por unha banda, é algo exclusivo, algo propio e un factor turístico e de saúde para o desenvolvimento da provincia, pero, doutra banda, temos tamén un pouco a espiña de que non acaban de concretarse determinadas infraestruturas. Sobre todo na capital, que é onde máis carencia hai. Ademais, agora é moi fácil de acceder, có AVE. Pola estación de Ourense pasan máis de dous millóns de persoas.
Están a unha hora de Vigo e agora có AVE a pouco máis de dúas horas de Madrid. Como están a ver esa atracción de xente?
No caso de Vigo hai moitos anos que estamos a unha hora e iso ten facilitado as relacións extraordinariamente. Podemos falar de Santiago ou de Pontevedra tamén. A conexión galega é moi doada. Pero quizais un factor diferencial para Ourense é ser porta de entrada de conexión con Madrid vía AVE. Estamos a dúas horas e cuarto de Madrid, algo revolucionario, sobre todo no que atinxe ao turismo e termalismo. O notamos moitísimo as fins de semana e nas pontes, nos está traendo a unha chea de xente para Ourense.
Teñen estudado de onde son esas persoas?
De Madrid moitos. No programa de termalismo social, que leva xa máis de dez anos, temos monitorizadas as solicitudes. Xa hai 25.000 solicitudes en dez anos e un 70% son de fóra da comunidade autónoma, e a maior parte de Madrid. Tamén hai que ter en conta que agora hai unha conexión directa có Mediterráneo, con Alicante, concretamente, que leva pouco máis dun ano, pero que está a dar moi bos resultados, porque supón colocar o Mediterráneo a cinco horas de Ourense. É un paradigma, un cambio radical, sen transbordos, e esa conexión tamén empezan a achegar usuarios.
Falaba da falta de infraestrutura en Ourense capital. A que se refire, en concreto?
Refírome a que non hai un establecemento termal grande e potente. Un ou varios, como debería haber. Hai instalacións termais como as Pozas do Miño, as propias Burgas ou a piscina, que agora leva moito tempo pechada. Hai instalacións termais pequenas ou medianas, pero non hai ese gran hotel termal que debería haber, que sería o primeiro de varios. Porque creo que hai sitio para varios, para crear unha cultura de termalismo na cidade e que realmente Ourense tivese prazas termais dabondo para que o principal reclamo, ou un dos principais reclamos, sen dúbida de capital termal, ese factor diferencial.
Houbo proxectos para ese gran hotel termal. Hai algún que teña visos de prosperar?
Si, ten habido proxectos, que por diferentes motivos non foron adiante. Agora mesmo hai un, ligado á iniciativa privada, no que estamos a traballar Deputación, Xunta e Concello. Esperemos que en poucas datas podamos dicir que prospera esa iniciativa, que esperemos que sexa tractora doutras. Estou seguro de que, en canto haxa un establecemento adecuado na capital, có AVE ao lado, con toda Galicia ben conectada, estou seguro de que vai haber un tirón importante.
Que fai a Deputación para atraer a xente aos balnearios de Ourense?
A Deputación fai moitos programas. Fai unha campaña intensa de promoción e logo fai moitos programas na parte máis terapéutica e de saúde. Hai tamén un ámbito turístico do termalismo, que fai máis a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia. O outro día participaba nun congreso internacional de termalismo en Archena, en Murcia, como presidente das Vilas Termais de España, un organismo que depende da FEMP, a Federación Española de Municipios e Provincias, e, por tanto, permítenos ter unha visión de todo o que se fai noutras deputacións. E a Deputación de Ourense, con diferenza, é a que máis fai en materia de termalismo, pero a moita diferenza de calquera outra provincia. Pois, mire, levamos a cabo programas xa veteranos, estamos a falar de 10 anos continuados có programa de termalismo social, aberto a toda España. Facilitamos a súa adhesión mediante solicitudes electrónicas, mesmo se asina por voz. En 10 anos tivemos 25.000 solicitudes, máis de 100.000 pernotacións, temos máis de 200.000 técnicas termais aplicables cun investimento directo da Deputación de 7 millóns de euros. Iso vai directamente aos balnerarios. Tamén utiliza a alta velocidade con prezo reducido e moitas facilidades.
Pero teñen máis programas.
Sí. Cada día tentamos innovar máis e achegarnos, sobre todo, a sectores máis desfavorecidos. Nos últimos anos intensificáronse os programas adicados á loita contra a soidade non desexada. En Ourense temos moitos casos de persoas maiores que viven soas e o que facilitamos son estancias termais de dous días á semana, durante seis meses ao ano. Son persoas maiores que viven soas, acoden en grupo, reciben terapias termais e, sobre todo, socializan. Pasamos en dous anos de dous a vinte concellos adheridos e multiplicamos por dez as prazas. Temos un programa piloto de nómadas dixitais. Todo o mundo pode pensar teletraballar nun balneario. Así puxemos en marcha un programa piloto en Lobios e viñeron persoas de catro continentes que teletraballaban e quedaron encantadas. Son persoas que crean opinión e ese programa vai ter continuidade e probablemente sexa unha posibilidade dunha nova liña de negocio para os balnearios que nunca pensaron nun cliente deste tipo.
Téñolle escoitado que hai que personalizar o termalismo. Estes son exemplos, teñen máis programas nese senso?
Tamén temos outro programa que tamén vimos de implantar que é o programa de axuda a persoas ou tratamentos termais a persoas que sofren ictus, infartos ou accidentes de tráfico e que utilizan o termalismo como un elemento recuperador. Tamén estamos a iniciar o termalismo azul. Ourense é un lugar onde as persoas viven moitos anos, hai moitos casos de centenarios, e de feito estamos en estudo para ser zona azul do mundo, e queremos levar este termalismo a estas persoas. E dentro desta panoplia de programas, no Congreso Internacional de Archena, fixemos un chamamento a un termalismo solidario. Tras a dana da Comunidade Valenciana o que ofrecemos son unhas prazas de termalismo para os afectados en Valencia, como un elemento recuperador. Xa se sumaron a propia Archena e o Concello de Girona e tamén o facemos a través da Asociación de Vilas Termais.
Cando se porá en marcha ese programa?
Estamos dispostos a ofrecelo inmediatamente, en canto as autoridades ou servizos de Valencia nos indiquen quen son beneficiarios.
Avoga pola colaboración público-privada no termalismo. Que proxectos teñen en mente para incrementala?
Todos estos programas son en colaboración coa iniciativa privada, porque, ao final, os balnearios están en mans privadas, e, polo tanto, estes programas terminan beneficiando aos usuarios, que son os destinatarios, pero tamén aos propios balnearios. Temos outra liña de actuación, tamén moi importante, que é a eficiencia enerxética. Moitos destes balnearios teñen augas que necesitan incrementar a súa temperatura, consomen unha gran cantidade de enerxía. Estamos cun programa piloto para crear un prototipo de solución que, con enerxías renovables, contribúan a este proceso e reduzan enormemente a dependencia enerxética. Isto estámolo levando a cabo en colaboración coa Universidade de Vigo, có Campus da Auga de Ourense. É outro exemplo de colaboración que suporía unha vía de redución de custos moi importante e que nos daría tamén un salto importante na competitividade dos balnearios.
Seguro que o sector xa ten demandado apoio de actualización.
A Deputación axuda con campañas de promoción e con todas as medidas que nos van pedindo. Que mantemos programas que son vitais, que incrementemos programas, que abramos novas liñas de axudas e o tema da eficiencia que nos demandan. Tamén, xunto coa Xunta de Galicia, a realización de infraestruturas subvencionables. En poucos días imos anunciar un programa de axuda do termalismo. Vai anunciar a Xunta, en colaboración coa Deputación.
E as outras Administracións, local e estatal?
Cada concello con establecementos termais debe preocuparse por facilitar a súa implantación, a súa mellora e o seu funcionamento. Un alcalde que ten un establecemento termal ten moi claro que é un foco fundamental de riqueza. Creo que eses concellos, que son sobre todo rurais e teñen poucas capacidades económicas, o que deben facer é ser facilitadores ás diversas autorizacións e licenzas. E, ademais, eu creo que deberían ser tamén reivindicativos. De feito, o son porque veñen pedindo investimentos ou veñen pedindo que leve a cabo a Xunta algo, porque o Goberno Central, neste aspecto non fai absolutamente nada.
“Estamos no Perte da Auga con 13 millóns dos Next Generation”
Leva ano e medio na Deputación de Ourense, un ano no que foi necesario moito diálogo.
Creo que o consenso e o diálogo, que non cotizan a alza en política, deben ser un elemento fundamental. Falar entre as persoas, entre os políticos, debe ser unha máxima sempre, sobre todo cando non hai maiorías e en Ourense agora mesmo non teño unha maioría, é certo que por pouco, fáltanos un deputado. Fixemos do diálogo un sinal de identidade, un diálogo franco, onde se escoita ao adversario e un diálogo onde non soamente se negocia para tentar sacar adiante os orzamentos, senón que é algo permanente. Por exemplo, os últimos orzamentos só tiveron tres votos en contra de 25, o cal reflicte un amplo consenso na Deputación de Ourense. Eu son alcalde e no meu concello teño un 70% dos votos e dialogo coa oposición e chegamos a moitísimos acordos. Non é soamente produto dunha necesidade é unha forma de estar en política. Eu non concibo a imposición, salvo que desde outra parte se peche directamente. Obviamente, temos que gobernar e tomar decisións.
Que acordo resultou máis complicado e respira aliviado?
Non foi o máis complicado, pero si máis importante, o novo sistema de financiamento dos concellos a través da Deputación. Todo o mundo tiñamos claro que queriamos chegar a un sistema de financiamento que chegara a todos os concellos cos criterios da Fegamp sobre previsibilidade, saber canto temos ó principio de ano. Calquera concello sabemos qué nos vai a tocar en catro anos, co cal podemos abordar investimentos plurianuais e ter seguridade do financiamento. Eso permíteche unha planificación maior, unha soberanía na toma de decisións. Todos lle vemos vantaxes e é un acordo que chegou para quedarse. As Deputacións temos a obligación de colaborar en servizos cos concellos de menos de 20.000 habitantes e en Ourense todos os concellos son así, agás a capital, así que a Deputación chega a 91 dos 92 concellos. En estradas provinciais incrementamos a dotación, porque son elementos estruturais. Tamén somos a única Deputación que prestamos servizo de recollida de lixo, dous de cada tres concellos están adheridos. Estamos no Perte da Auga con subvención europea de 13 millóns dos fondos Next Generation. O resumo en dúas frases, unha é facendo provincia e chegar a onde están os problemas para resolvelos, e non ser un problema para ninguén, si podemos seremos solución.
“Temos o único camiño que empeza baixándose do AVE”
Ourense tamén é parte dun Camiño de Santiago, a Vía da Prata. É unha forma de incentivar que a xente visite tamén establecementos termais?
Os Camiños de Santiago son un factor diferencial importantísimo. Vostedes están aquí no Camiño Portugués, que tivo un crecemento exponencial, é realmente unha envexa para outros camiños con crecemento máis ralentizado. Pero non por iso debemos perder esperanzas, aínda que no 2023 houbo unha pequena caída de peregrinos e puxémonos mans a obra porque algo estaba a pasar. E no que vai de ano xa superamos as cifras e esperamos pechar cun 20% máis de visitantes. Temos un factor diferencial, A Ruta da Prata é a vía máis longa en España, que cruza toda a península e querémonos centrar en dúas cuestións. Primeiro, en promocionar eses 100 quilómetros últimos que dan acceso á Compostela, e que fan a maior parte do peregrinos, isto é magnífico porque sae xustamente dende Ourense capital, que son 105 kilómetros a Santiago. Ademais, ten un factor moi importante, que é a única vía onde un pode empezar o Camiño baixándose do tren de alta velocidade. Iso é algo revolucionario. De feito, estamos a notar ese cambio. Propomos que se paren antes ou despois e vivan unha experiencia termal da vivencia do Camiño de Santiago. Logo hai outros camiños, tamén nos toca o Camiño Primitivo, en Valdeorras e outros dous camiños que están para ser declarados, o de San Rosendo e o Riviero Miñoto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar