Ledicia Costas e Luismi Pérez: “‘Bruxas e Dragóns’ é un libro híbrido no que o lector constrúe a súa propia aventura”

“Hai un libro de instrucións, que fala só; o camiño da espada é lixeiramente máis complexo que o da maxia, hai que tirar dados, facer unha personaxe”, din os autores

Entrevista a Ledicia Costas e Luismi Pérez, autores | Atlántico

Ledicia Costas e Luismi Pérez visitan o set de Atlántico TV para presentar o primeiro libroxogo en galego, ‘Bruxas e Dragóns’.

Que é un libroxogo?

Ledicia Costas: É unha especie de híbrido, é un libro onde narramos unha historia ilustrada, pero ao mesmo tempo é unha proposta lúdica, escrito ao xeito daqueles libros populares nos anos 80 de “escolle a tua propia aventura”, de tal maneira que o lector ou lectora vai ir construindo a sua aventura a medida que avance a historia coas distintas propostas e camiños que nós ofrecemos como narradores.

Quen tivo a idea do libro?

Luismi Pérez: A idea parte de Víctor, o editor de Triqueta, que lle propón a Ledicia escribir un daqueles libros cos que xogaba cando era pequeno. Ledicia proponmo a min, mentres xogabamos a un xogo en liña, eu estaba en Madrid e ela en Vigo, e propóñeme escribir este libro, e dígolle que si. E nuns meses tiñámolo rematado.

Como afrontan a tarefa de escribir este libro a catro mans?

L.C.: Parecíame moi complexo concebir un libroxogo, porque nunca o escribira. Despois da proposta do editor, pensei que para poder abordar un proxecto deste tipo era necesario contar con alguén que soubese de xogos de rol, que lerese moitos libroxogos na infancia e adolescencia, e que soubese de videoxogos; esa foi a forma de completalo. O primeiro que tivemos que facer foi un plano, que é unha especie de árbore de situacións, que foi como a nosa escaleta.

L.P.: É un libro e un xogo ao mesmo tempo, hai un valor narrativo escrito por Ledicia Costas. Hai unha personaxe central, que é a antagonista, e está concebido como unha triloxía. Hai unha bruxa que é Baba Iaga, un personaxe do folklore ruso que vive nunha casa que ten patas de galiña e móvese.

Para que que idade o recomendan?

L.C.: Están xogando nenos e nenas de 8 ou 9 anos en adiante. O espectro é moi amplo, hai moitos pais e nais que imaxino conectan coa súa propia infancia, e dinos: “isto primeiro lemo nós e logo llo damos a eles”. Non hai límite de idade cara arriba.

Como foi o traballo de Bea Gregores, a ilustradora do libro?

L.C.: A ilustradora tivo liberdade absoluta, é unha ilustradora hiper versátil, creo que foi un acerto absoluto do editor falar con ela. Ela tamén é xogadora de rol e entrou de cheo na proposta.

L.P.: Xoga a Baldur’s Gate e puxo na portada un dado de 20, aínda que no libro se usan dados de seis, e o dado de 20 é un dado icónico do rol de Dragóns e Mazmorras.

Como debe lerse o libro?

L.P.: Hai un libro de instrucións, que fala só; o camiño da espada é lixeiramente máis complexo que o da maxia, hai que tirar dados, facer unha personaxe. O camiño da maxia é máis humorístico, non hai mecánicas de puntos de vida ou habilidades. O libro explícao moi ben. Hai cousas que nos gustaban a nós, hai un momento que nos gusta moito, forzámolo un pouco: o protagonista métese nunha zona chamada a montaña dos espellos, que é unha biblioteca, que son uns charcos, entras noutros libros da literatura universal como Drácula, A Bela e a Bestia ou Donde Viven os Monstruos. O libro deixa de falar e empeza a falar Drácula. Tes a posibilidade de intervir no final do libro.

L.C.: E ten consecuencias no resto do libro, segundo vaias cun ou outro.

Falades de que é unha triloxía, para cando o seguinte?

L.C.: Temos que escribir o seguinte libro en 2026, porque na primavera de 2027 ten que estar a seguinte entrega. Ao final do libro está quen vai ser a protagonista do seguinte libro.

Contenido patrocinado

stats