Julián Rodríguez Novo: “Por bocas, por non estar calado, entrei no filme que chegou a Sitges”

"No cine faise un guión e pasa un ano sen saber nada do que vai acontecer con el", sinala o guionista vigués no festival de cinema de Sitges

Julián Rodríguez Novo: “Por bocas, por non estar calado, entrei no filme que chegou a Sitges” | Atlántico

Julián Rodríguez Novo, dramaturgo, guionista de cine e novelista, visitou o set de Atlántico TV pola súa participación no filme “El retorno de Júpiter”, de Maggie Civantos que foi seleccionada para a súa estrea no festival de Sitges.

Ten un espíritu case renacentista, xa que lle dá a múltiples paus do mundo creativo.

Son unha persoa que ten que pagar facturas, impostos, o gas ou a luz dedicándose unicamente ás actividades culturais, a necesidade faime polifacético, non a vocación renacentista. Agora estamos aquí porque tiven un guión que se estreou Sitges, pero tamén escribo libros e fago montaxes. Non é unha cuestión tan romántica, non fago todas as tentativas do mundo por amor á arte.

Centrándonos entón na película “El Retorno de Júpiter”, a crítica cualificouna dun thriller psicolóxico e suspense claustrofóbico. Como se involucrou neste proxecto?

Maggie Civantos é unha das actrices máis famosas do panorama actual español, que debutou como directora e claro, esperta a curiosidade de todo o mundo. Fixou unha proposta experimental, de cine de autora, moi interesante. Hoxe en día, case todo o mundo está circunscrito ao viaxe do heroe, a contar sempre a mesma historia. Eu metinme nesta proposta como me meto en todo, porque alguén mo pide. Neste caso, Felipe Pariente, o produtor, chámame e pídeme que lle bote unha ollada ao texto. Fixen as miñas críticas e convidáronme ao guión. Simplemente entrei por bocas, por non ser capaz de estar calado. É unha honra formar parte do proxecto. Non puiden estar na estrea en Sitges, porque coincidiu cunha montaxe teatral. Pero o feito de estar dentro dun festival ao que optan milleiros de producións dentro do xénero do terror, é unha marabilla. Tamén é certo que imos da man dunha persoa xa famosa.

Non foi o seu primeiro guión. De feito xa está darlle voltas a outro, non?

Fixen catro este ano. Xa estou afeito. Pero no cine faise un guión e pasa un ano sen saber nada do que vai acontecer con el. Xente de produción, fixéronme un encargo, pero durante un tempo é como traballar no aire. Así pois, agora estou con moitos proxectos abertos do que non me deixan falar por se meto a zoca. É un mundo que vai a un ritmo que a mí me provoca unha ansiedade bestial.

Non é tan glamuroso como parece, é máis de pico de pala?

E como o fútbol, para Messi ou Cristiano Ronaldo é glamuroso, pero se lle preguntamos un tipo que xoga en Terceira División, non será tanto. Eu son máis do segundo grupo.

E que pode contar dese proxecto escénico que o deixou sen ir a Sitges?

Foi unha petición dunha produtora galega para a dramatización de lendas galeras dentro do Camiño Xacobeo. Fixemos as escenas e os ensaios cunha compañía de Vigo. E o festival xusto cadrou cando estabamos de xira por vilas e concellos.

Pódese dicir que é un profesional da escrita?

Empecei polo teatro. Para ser sincero, escribín textos para non ter que pagar os dereitos a ninguén cando montei a miña compañía. Un día chamáronme e propuxéronme publicar as miñas obras e logo veu unha chamada de Madrid e era finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática. A partir de aí apareceu xente interesada en publicar as miñas cousas. E aconteceu porque na vida acontecen cousas. En breve saco unha novela nova, unha despedida ante a chegada da IA. Teño a percepción de que está todo perdido e que as linguas minoritarias como o galego quedarán destruídas coa IA.

Non hai espazo para o optimismo?

Non, non o hai. Eu estou moi deprimido no que implica esta masificación e esta perspectiva única das cousas. Entón decidín facer o último intento, vou facer a novela máis longa que escribín nunca. E por primeira vou facer o que desfruto de verdade que é comedia negra, pero xa falaremos isto cando me deixe a editorial.

Podes adiantarnos o título?

“Solo se muere dos veces”.

Contenido patrocinado

stats