Juan Taboada: "Sufrir unha dana en Vigo como pasou en Valencia é improbable, pero non imposible"
Meteorólogo. Traballa en MeteoGalicia
Juan Taboada (Vigo,1970) é meteorólogo e traballa para MeteoGalicia, onde é o coordinador. Físico de profesión, analiza día a día as previsións climáticas para Vigo e toda a comunidade.
Na primeira quincena de novembro, vivimos temperaturas acordes a esa época do ano?
Non. As temperaturas foron bastante elevadas. De feito, no que levamos de 2025 só tivemos dous meses, que foron marzo e setembro, que foron lixeiramente fríos. O resto, están tendo temperaturas moi elevadas. Outubro foi un mes moi cálido, tivemos unha quincena que foi case de verán e, unha segunda, onde chegaron borrascas e as temperaturas estiveron moi suaves. Seguimos con esa suavidade térmica, a pesar que estamos nun contexto xa de inestabilidade, de chuvia e de vento. Pero o frío non chegou.
É preocupante ter temperaturas tan elevadas en outubro e novembro?
Aquí hai que distinguir entre meteoroloxía e clima. Iso é bastante importante. A meteoroloxía é variabilidade e, polo momento, ter temperaturas un pouco altas non tería que preocupar. Outra cousa é o clima. Cando vemos, en promedio, que as temperaturas están subindo, esa segunda parte sí que é preocupante. O clima non se sinte día a día. Non podemos dicir que, como nunha semana está a facer calor, é culpa do cambio climático. Pero cando recollemos eses valores, facemos as medias e estudamos con moito cuidado, vemos que hai unha tendencia que indican que estas situacións de temperaturas elevadas están a ser mais frecuentes. Iso sí é preocupante.
En Vigo e provincia tivemos unha seca que alertou as institucións. Houbo risco de quedar sen auga?
O que pasa coas chuvias e que, neste contexto de cambio climático, o acumulado anual non ten unha tendencia que sexa significativa. Non podemos dicir que Vigo vai cara a un clima mais seco nin mais húmido. Pero as chuvias tenden a facerse mais irregulares. Este verán tivemos ata maio moitísima chuvia. Estábamos por enriba da media e dentro do 10% de anos mais chuviosos. Pero dende maio ata finais de agosto só choveu un día. É moito mais probable que pase iso no verán, pero o non ter precipitacións e acompañalo de moita temperatura, os encoros comezaron a descender. Ese problema quedou esquivado coas chuvias de novembro, pero é unha realidade que Vigo é unha zona que está moi suxeita as secas estacionais. E co cambio climático, iso vai ser cada vez máis frecuente.
Unha Dana como sufriu Valencia. É posible en Vigo?
Sufrir unha dana como pasou en Valencia é improbable, pero non imposible. Estamos nun sistema moi dinámico, pero falta un compoñente esencial que é a temperatura do mar. É complicado ter esa evaporación para descargar 700 litros por metro cadrado, pero repito, non é imposible. O mais habitual e que se den outro tipo de circunstancias, como chuvias que se acumulen durante varios días consecutivos. Ademais, cae dunha forma homoxénea, non é unha chuvia torrencial que cae nunha hora e teñen unha intensidade tremenda. Pero co cambio climático hai que estar aberto a calquera posibilidade.
Que hai que estudar para ser meteorólogo?
A meirande parte das persoas que traballamos en MeteoGalicia somos físicos. O final, o clima é unha ciencia e hai que calcular unhas ecuacións que son complicadas. Aplicar técnicas numéricas para resolvelas en grandes ordenadores e os físicos somos capaces de dar resposta a esas ecuacións. Pero tamén pode traballar xente que estudou xeografía, porque saben interpretar moi ben os mapas. Ou xente de ciencias ambientais. A comunicación facémola nós, pero é certo que fai falta un profesional para as situacións de emerxencia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar