Juan Medela: "Levamos xa 170 consultas de abusos no alugueiro, algúns con xente maior"
"As medidas teñen que ser complementarias; non hai unha única que vaia solucionar todo o problema", sinala un dos portavoces do Sindicato de Inquilinas e Inquilinos de Vigo
Juan Medela é un dos portavoces do Sindicato de Inquilinas e Inquilinos de Vigo. Coa vivenda en todas as conversas sociais, o sindicato loita na procura de novas solucións fronte a emerxencia habitacional da cidade.
A vivenda xa é unha das preocupacións máis importantes da cidade. Como se chegou a iso en Vigo?
A emerxencia da cidade en materia de vivenda non deixa de recruar. Estamos falando de prezos históricos e non ten visos de parar. E tamén de unha redución da oferta. Alúdese a que este problema é por falta de vivenda, pero temos máis de 22.000 vivendas baleiras na cidade, segundo a INE. Por iso, hai que destinar a vivenda ao que se debe. Fai falla un cambio. E outro elemento é o tema da especulación. Falamos de inquilinos que pagan relixiosamente e, cando chega o fin do contrato, en lugar de prorrogarse o propietario di que hay que subir o prezo 200 ou 400 euros ao mes. Outro exemplo é o uso fraudulento do alugueiro de habitacións. A xente non precisa unha estadía de tres meses, senón unha vivenda habitual.
Como se poden introducir esas 22.000 vivendas baleiras no mercado?
Desde o Concello xa se intentou financiar a súa posta en marcha con novos programas. Pero sempre é opcional. Ao final, esas vivendas que entran no mercado desta maneira son moi reducidas. E se pensamos que Vigo hai máis de 11.000 demandantes de vivenda pública, pois vemos que esas medidas non van funcionar. Temos que ver cara a Europa nestas cousas. En Francia, unha das medidas propostas foi a de crear altos gravámenes e aumentar os impostos para as vivendas baleiras de multipropietarios. Que non lle saia a conta especular.
Cales son as consultas máis recibidas polo sindicato?
No que levamos de ano, temos xa 170 consultas de abusos no alugueiro, algúns con xente maior. A gran maioría versa sobre a non renovación dos contratos, e iso é transversal a todas as idades. Pero tamén vemos a xente de 70 ou 80 anos, con toda a vida vivindo nesa vivenda e que tiñan unha boa relación co propietario. Cando ese propietario morre e o inmoble pasa os seus fillos, empezan a velo coma un negocio.
Existe unha solución sinxela e factible a corto prazo?
Temos unhas demandas a nivel estatal, como é a volta dos contratos indefinidos e as prórrogas automáticas. Tanto o Concello como a Xunta teñen medidas que poden adoptar para solucionar o conflito. Temos que entender que as medidas teñen que ser complementarias; non hai unha única que vaia solucionar todo. É como un puzle. Primeiro a declaración de Vigo coma zona tensionada. Outra medida fundamental é ampliar o parque público de vivenda. Precisamos que se faga sobre o xa construído, non pola nova construción. Outra medida son limitar as vivendas de uso turístico. Aínda que houbo unha redución no último ano, esas vivendas non están dentro do mercado de alugueiro. E logo o problema de senfogarismo e o chabolismo, que precisa un plan integral.
Existe en Vigo un problema coa okupación das vivendas?
Non, para nada. De feito, o goberno de Rajoy puxo un teléfono para esas denuncias e tiveron que pechalo porque non chamaba ninguén. O ratio, agora mesmo, pode estar no 0,0005% de casos. E cando se dan, realmente non é nos pequenos propietarios, senón vivendas de grandes propietarios. Creo que é unha estratexia para meter medo, a xente non aluga e así existe a escusa de lanzar o novo ciclo construtivo para construír máis vivenda. Hai casos, pero é completamente residual en comparativa a todo o parque de vivenda que hai.
Contenido patrocinado
También te puede interesar