Juan de Castro: "Non había nada semellante a The Wild en Vigo, é algo que tentamos reivindicar"
Juan de Castro, visitou o set de Atlántico TV para falar desta nova entrega
O festival The Wild cumpre a súa sexta edición este ano nos montes de San Miguel de Oia. Celebrarase a finais de mes, do día 30 a o 1 de setembro, e o seu xestor, Juan de Castro, visitou o set de Atlántico TV para falar desta nova entrega.
Música, cine e andainas nun parque forestal, un festival con personalidade que cumpre seis edicións. Todo un logro.
Foi difícil chegar a esta sexta edición, pero aquí estaremos a fin de mes. Serán tres días de moita actividade nos montes de San Miguel de Oia.
É un formato inusual en Vigo. Como nace a idea?
Non, non o había nada semellante en Vigo e é algo que tentamos reivindicar. É inusual e nun sitio tan precioso como o parque forestal de San Miguel. A idea xurdiu porque os organizadores son desta zona e coñecen as bondades deste lugar. Antes tiñamos unha competición deportiva por todos eses montes, por onde agora vai a andaina e a proba de Orientaventura. Busca estar en comuñón coa contorna e co recinto do parque forestal, contando coa complicidade da Comunidade de Montes. É unha localización xenial e a nosa aposta é que sexa alí.
Cunha oferta tan variada, a que tipo de público vai dirixido?
Pois a un público bastante amplo. Non vén Aitana, pero hai propostas para toda a familia o venres e o domingo; e o sábado, temos un programa de concertos non masificados con artistas galegos con Moura, Julián Maeso, Moonshine Wagon ou Dakidarría como cabezas de cartel.
Amais das bandas xa coñecidas, o festival ten un apartado para grupos emerxentes. Como funciona?
A edición pasada xa iniciamos Salvaxesons, un concurso de bandas. Este ano fixemos os duelos no escenario de Vialia, de onde saíron cinco finalistas que actuarán o venres. Ten moi boa acollida, con moitos participantes e moi bo nivel. Subimos o premio, que xa supera os mil euros. A idea é dar visibilidade a esta xente para que poida tocar en directo, pero tamén para que haxa un día adicado a este tipo de grupos.
A segunda pata do festival é o cine. Que cartelera ten The Wild?
É cine medioambiental que levamos proxectado dende a primeira edición. De xeito moi modesto foi a máis, é o único de este xénero en Galicia e temos conseguido un nivel bastante alto. Os cineastas que teñen participado aprecian a correduría e a selección de filmes. Seguimos a traxectoria destas iniciativas e o seu paso polos mellores festivais internacionais. Gusta moito que sexa ao aire libre, nunha pantalla led inmensa, incluso ás veces veñen directores invitados. Vai ser os tres días, con proxeccións de mañá e tarde. A do domingo orientado a público familiar, pero coa mesma temática de concienciación medioambiental. Estará a cinta nominada aos Goya a mellor documental, “Iberia, natureza infinita”, sobre fauna e Medio Ambiente de España.
E o terceiro sostén, as actividades ao aire libre. Cal é o plantexamento?
Organizamos unha andaina pola contorna e unha proba de Orientaventura, ambos coa axuda da Comunidade de Montes, e cun destino solidario para a recadación. No primeiro facemos un percorrido nos montes, guiado polos comuneiros que explican elementos como os petroglifos ou os muíños que están a restaurar. Na actividade de orientación anótanse cada ano uns cen participantes, hai que ir resolvendo probas no monte para avanzar, moitos fano en familia, uns andando outros correndo. É un bo xeito de pasar o fin de semana, temos sete servizos de comida, barras e almorzos.
Como se pode acceder?
A entrada do venres e domingo é de balde. O sábado, o día do cartel principal, custa 25 euros e pódese adquirir na nosa web thewildfest.com. Non hai problema de aforo, pero recomendo que os interesados se vaian apurando.
Contenido patrocinado
También te puede interesar