Javier Pérez Guerra: “A investigación en humanidades debería estar mellor reflectida na sociedade”

O seu director, o catedrático Javier Pérez Guerra, visitou onte Atlántico TV para falar desta nova entidade, o Instituto de Investigación da Lingua da Universidade de Vigo

Javier Pérez Guerra, onte no set de Atlántico TV.
Javier Pérez Guerra, onte no set de Atlántico TV.

O Instituto de Investigación da Lingua da Universidade de Vigo botou recentemente a andar para dar un pulo á investigación do ámbito humanístico. O seu director, o catedrático Javier Pérez Guerra, visitou onte Atlántico TV para falar desta nova entidade.

Por que nace este instituto?

Foi un cambio de política institucional dentro da Universidade de Vigo. Ata hai anos o que se fomentaba eran os grupos de investigación, pero as vías de financiamento tanto da Xunta como do Ministerio requiren grupos grandes de investigadores, polo que se optou por fomentar institutos de investigación. Entón comenzaron a crearse algúns no ámbito das enxeñerías ou de xustiza porque apenas había un en toda a universidade e estaba medio inactivo.

Con que obxectivos nace?

Puxemos unha serie de obxectivos enriba da mesa. O primeiro é saber o que nós facemos. É dicir, unha visibilidade máis interna incluso que externa. No ámbito das humanidades estamos afeitos a traballar de xeito independente e moitas veces non sabemos en que traballamos as diferentes persoas que estamos dentro dun mesmo grupo de investigación. A idea é coñecer o que facemos. Tamén queremos crear sinerxías dentro da comunidade universitaria e a partir de aí comezar a falar con outros institutos de investigación, grupos de fóra, empresas, institucións e abrir a nosa oferta investigadora á universidade. En resumo, a primeira meta é a visibilidade; a segunda, mentoring de investigadores que comezan a súa carreira profesional; e a terceira, chegar á sociedade a través da transferencia e da divulgación. Todo isto no ámbito da investigación lingüística.

A Facultade de Filoloxía da UVigo precisamente está algo escurecida no ámbito investigador.

Eu non diría que ten un peso irrelevante porque creo que dentro da facultade hai grupos moi potentes de investigación, pero si que temos que estar mellor reflectidos na sociedade e na comunidade científica. Somos o único centro de humanidades en Vigo, o resto son ciencias máis tradicionais e enxeñarías. Un instituto de investigación pode darlle visibilidade ao noso ámbito.

Con que centros ou institutos queren formar sinerxías?

O primeiro sería contactar co resto de institutos de investigación de Galicia dentro do ámbito humanístico e das linguas. Hai algúns que están moi consolidados e outros que aínda están nacendo. Estamos xa iniciando contactos nese sentido. Despois, con grupos de investigación tanto da USC como da UDC. Queremos crear un tecido científico importante dentro do ámbito das linguas.

Cantas persoas están integradas no Instituto de Investigación da Lingua a día de hoxe?

Comezou a moverse no curso 21-22, foi unha iniciativa do actual equipo reitoral. Houbo unha serie de consultas internas e externas e agora mesmo hai 38 investigadores que xa están incluídos na memoria de creación do instituto. Hai unhas semanas abrimos unha convocatoria de novas adhesións e temos unhas 40 solicitudes. Poderemos contar con 70 ou 80 investigadores en cuestión de meses. É un éxito dentro das humanidades da UVigo porque hai expectativas de que isto servirá para algo.

A idea é comezar o primeiro trimestre de 2025, non?

O primeiro paso sería esa fase de visibilidade interna. Poremos a disposición de todo o mundo a páxina web, estaremos moi presentes en redes sociais e faremos unha xornada de presentación. Tamén daremos información das convocatorias ás que nos podemos presentar e comezaremos a traballar. O equipo directivo é mínimo, somos unha secretaria académica e máis eu apoiados por unha xunta directiva conformada por un grupo de traballo.

A medio e longo prazo, que obxectivos se marcan?

Os institutos nesta universidade nacen practicamente sen financiamento, polo que o obxectivo é conseguir financiamento externo. No mundo das humanidades, a maior parte do financiamento vén do sector público. A medio e longo prazo queremos ir a convocatorias europeas, é moi complicado, teremos que facer conxuntos de grupos con xente de España pero tamén de fóra.

Que tipo de investigacións se realizan neste ámbito humanístico?

O ámbito tecnolóxico está enfocado ao sector privado, a poñer produtos no mercado. Ese debería ser o noso obxectivo, pero moitas veces nin sabemos o que están a facer os nosos compañeiros. Queremos traballar nas liñas que temos na facultade, co noso buque insignia da titulación de Tradución e Interpretación. Hai grupos que traballan a accesibilidade e o subtitulado, facemos investigación tradicional lingüística, e tamén investigación sociolingüística, para o que estamos nun entorno multilingüe moi adecuado. Temos que darlle un pulo a todo isto, moitas veces a sociedade non é coñecedora do que facemos e ese vai ser o noso traballo.

Contenido patrocinado

stats