Jacobo Porteiro: “A xente na UVigo é escéptica despois de moitas promesas incumplidas”
Universidade
O catedrático de Motores Térmicos quere recuperar “a sensación dun proxecto en común” na Universidade
O catedrático de Motores Térmicos Jacobo Porteiro (Vigo, 1976) lidera a candidatura de ConSenso á Reitoría da Universidade de Vigo baixo o lema “Reimaxina a UVigo”.
Incorpora unha nova vicerreitoría de Estratexia Dixital. A que obedece esta decisión?
Unha das cousas que temos que abordar de forma máis urxentes é unha modernización do noso funcionamento interno. Cada vez máis perdemos moitas horas en trámites e procedementos administrativos que non están ben pensados porque non temos as ferramentas dixitais que poden facilitar ese día a día. Non podemos dedicar o tempo que temos ás cousas nas que realmente engadimos valor. Queremos crear unha vicerreitoría para modernizar os noso funcionamento a todos os niveis. E á fronte dela teremos a Patricia Valcárcel, catedrática de Dereito Administrativo, para facelo con todas as garantías legais necesarias.
Non contempla unha vicerreitoría de Infraestruturas. Por que?
Temos a de Planificación, que se ocuparía das infraestruturas, e que estaría integrada coa de Estratexia Dixital.
No seu equipo recupera ata dúas vicerreitoras que xa formaron parte do equipo reitoral de Reigosa. Que o levou a facelo?
Eu tamén formei parte. Foi xente coa que traballei moi ben, gustoume moito o seu traballo e sabía da súa idoneidade para eses encargos. Cando formei o equipo, tratei de equilibrar experiencia na xestión con xente nova para facer un equipo moi diverso que cubrise toda a pluralidade da universidade.
Por primeira vez un membro do PTXAS (persoal administrativo) opta a formar parte do goberno.
Temos un clima laboral algo deteriorado na UVigo. Temos que facer todo o posible para ter un proxecto en común que nos ilusione a todos. María José Pousa non é unha figura simbólica, está no noso equipo por talento e capacidade. Pero por outra parte tamén quería visibilizar que o PTXAS tamén é parte do goberno da Universidade.
Que medidas ten en mente para reconducir a situación do persoal administrativo?
Primeiro, recuperar o diálogo co colectivo e logo, comezar a traballar nunha nova Relación de Postos de Traballo que nos permita fortalecer os servizos e as unidades.
De todos os cambios que cre necesarios na UVigo, cal diría que é o máis urxente?
O máis urxente para min é recuperar a sensación de proxecto en común. Quero recuperar esa ilusión por avanzar colectivamente. É fácil falar en termos abstractos, por iso temos que impulsar moitas medidas para gañarnos a confianza dos colectivos, que están escépticos tras moitas promesas incumplidas.
Fai especial fincapé na axilización de procesos burocráticos. Que medidas impulsará?
Son moitas. Por dicir algunhas, primeiro debemos mellorar a nosa comunicación. Temos moitos aplicativos diferentes para facer trámites do día a día. Fáltanos un portal único co que traballar de forma sinxela. Son moitísimas cousas pequenas que acaban facendo que dediquemos moitísimo tempo a cousas con pouco valor engadido.
Ata que punto pode a UVigo simplificar a burocracia?
Todas as administracións públicas ímonos dando conta de que hai mecanismos que temos que simplificar. Xa temos ferramentas informáticas que nos permitirían axilizar moito os trámites e reducir a carga burocrática. Non se trata de amortizar postos, senón todo o contrario: liberar á xente de traballos rudimentarios.
Vigo Tecnolóxico e o Campus do Mar seguen pendentes. Que prioridade pensa darlles?
Ambos son aspectos nos que a UVigo ten demostrada a súa excelencia. O Campus do Mar pode consolidar á ETEA como un hub de investigación no ámbito mariño. Estamos pendentes dos acordos en torno a estes espazos para que por fin toda a investigación no ámbito das ciencias mariñas que se fai na Ría de Vigo poidan integrarse neste polo de investigación. En canto a Vigo Tecnolóxico, as enxeñarías do campus necesitan ser apoiadas para avanzar. Cada vez temos máis tecnoloxías disruptivas que xorden e nos que Vigo pode marcar a diferencia. Ambos son proxectos prioritarios.
Que estratexia cre que debe seguir a UVigo coa apertura do mapa de titulacións?
Ten que abordarse dende os centros cara a fóra. Os máis axeitados para identificar oportunidades de novas titulacións son os centros. Atendendo ás súas capacidades e coñecendo as demandas do alumnado son os que poden impulsar as peticións de novos títulos. E o papel da reitoría é acompañar e negociar coa Xunta nese mapa de titulacións. No pasado tense feito ao revés, buscando o centro que se faga cargo da docencia despois de facer a negociación. Ese modelo pode levar a certas disfuncións.
Porá a transferencia no centro cunha vicerreitoría dedicada. Cales son os retos da UVigo nesta fronte?
A transferencia de coñecemento é algo esencial que xa facían todas as universidades, pero a nova Lei de Universidades dálle moita máis importancia, situándoa ao mesmo nivel que a docencia e a investigación. Para min é importante ter una vicerreitoría específica de transferencia de coñecemento porque unha das dificultades que temos é que o noso entorno sexa consciente das nosas capacidades. Aí temos que facer moito esforzo de achegar a Universidade á sociedade. Actualmente hai certos laboratorios con moitísima capacidade de transferencia, pero iso está focalizado nuns poucos grupos porque hai certo descoñecemento das capacidades duns e as necesidades doutros.
A crise de natalidade está a piques de afectar á Universidade.
Temos un reto enorme. Hai que competir na captación coas outras universidades galegas e temos que atraer talento de fóra. Tamén ser máis competitivos para ser máis atractivos. Iso en canto ao estudantado novo. Pero a UVigo ten que prestar atención á formación ao longo do ciclo de vida con microcredenciais para profesionais que queren seguir formándose. E xa para completar, fortalecer a nosa oferta do Programa de Maiores.
En 2029 haberá que tomar unha decisión sobre Medicina. Cal é a súa postura?
Agora mesmo temos un acordo de tres anos que temos que respectar. E se nalgún momento se rompe, temos que ter preparada unha titulación propia. Se esa descentralización cumpre os obxectivos, podemos seguir avanzando. O que si vexo claro é que, sexa dentro de tres anos ou tras unha segunda etapa de descentralización, temos que ir a por unha titulación propia para Vigo. Temos que ter un ciclo completo de Medicina máis tarde ou máis cedo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ACUERDO DE PAZ EN ORIENTE MEDIO
EEUU e Irán firman un memorando que da paso a una negociación para la paz definitiva