Jacobo Mouriño: “En Vigo hai unha escena underground boísima, chea de bandas amigas”

Entrevista

Cantante e guitarrista do dúo de metal Dioivo, que presenta un novo disco

Jacobo Mouriño: “En Vigo hai unha escena underground boísima, chea de bandas amigas”

Jacobo Mouriño é o cantante e guitarrista da banda de metal Dioivo, que conforma unicamente xunto ao batería Daniel Valladares. Caracterízanse por unha proposta intensa aínda que minimalista e con letras en galego. Acaban de publicar seu novo álbum “Que soe o trono”.

Cal é a idea detrás deste novo disco?

Este é o noso terceiro álbum completo e o quinto traballo contando tamén os EP (lanzamentos de curta duración). É un disco especial no que imos recuperar cancións que tiñamos incluso antes de ser Dioivo. Cando eramos outra banda chamada Rust in Peace, ou sexa, cancións dos nosos comezos. Entón, é un álbum que vai ter moito significado sentimental para nós e por iso temos moitas ganas.

Como cambiaron estas cancións?

Falamos de hai máis de 10 anos, aínda cantabamos en inglés, entón, o primeiro, traducimos as letras ao galego, adaptámolo tamén ao son actual, pero intentando respectar ante todo a esencia daqueles temas que fixemos cando eramos adolescentes e que significaron algo para nós nese momento. Entón tampouco queriamos cambialo demasiado. Queriamos que se mantivese esa esencia.

Dioivo cumpre dez anos. Como afrontan este aniversario, hai prevista algún tipo de celebración?

Parte deste álbum xorde diso, ao final, levamos dez anos en Dioivo e este ano tamén facemos 15 dende que se fundou Rust in Peace, a banda predecesora de Dioivo, cuxos temas recuperamos agora. Pareceunos que para celebrar o aniversario estaba xenial sacar un álbum recuperando estes temas, como que quedaran un pouco no esquecemento, porque a maior parte destes temas non os gravaramos, polo menos cunha calidade de son para os estándares actuais. Despois, cos concertos de presentación que daremos, vai ser unha forma tamén de celebrar este aniversario xunto a bandas amigas, con colaboracións e demais.

No disco tamén aparecen membros de Rust in Peace.

Efectivamente, por unha banda está Darcy, a baixista de Rust in Peace, que non podía non estar neste álbum, porque ela realmente foi a compositora dos temas. Entón ela toca en todos os temas do novo álbum e logo tamén, nalgúns temas contamos tamén coa colaboración de Pablo López, que era o guitarrista de Rust in Peace antes de que entrara eu en 2014, pero sempre permaneceu aí na órbita, pois o primeiro EP de Dioivo gravouno el. Ademais, o álbum tamén vai incluír como temas extra os temas da nosa primeira maqueta, maqueta de Rust in Peace. Aí tamén sae o anterior vocalista da banda, Fer Rodríguez, así que foi unha forma de reunir a todos os membros do grupo nun álbum novo.

As colaboracións axudan a buscar novos sons máis alá do formato dúo?

Si, nós estamos moi contentos co formato de dúo, oficialmente así seguimos, pero si que ao final dá un toque distinto aos meus instrumentos. Ante todo, aínda que nos gusta o formato de dúo, é certo que obriga a facer as cousas dun xeito un pouco distinto, entón tamén dá un son particular, non mellor, pero si particular. Pero, obviamente, estes temas que foran compostos por Darcy non se podían entender sen ese baixo porque era un elemento moi importante destes temas. Moitas veces nos nosos directos tamén facemos colaboracións deste estilo, sobre todo cando presentamos algún álbum sempre nos gusta chamar a baixistas, a guitarristas amigos da banda para darlle un toque distinto. Cando fagamos a presentación deste disco en vivo tamén teremos diferentes colaboracións.

Como ve a escena da música independente en Vigo agora mesmo?

Creo que non se pode dicir que en Vigo non haxa unha gran escena underground, unha escena independente, subterránea, boísima, chea de bandas amigas, tanto no metal, no punk, no hardcore, como en todo tipo de música. Pero goza de tan boa saúde porque hai moitos músicos en Vigo, a pesar de que moitas veces a situación non é a máis favorable para nós, polo peche de locais de ensaio, polas dificultades que hai para tocar, polo peche de salas, polas limitacións que estas salas moitas veces teñen, cando non directamente aparece a policía nos concertos.

Ultimamente plantexouse recuperar iniciativas como o Súbete ao Castro. Axudaría?

Claro. Creo que é absolutamente fundamental. Notas que cando hai este tipo de iniciativas hai un subidón de bandas novas que se crean porque é moito máis doado. O Súbete ao Castro é un exemplo perfecto, porque non só é un local de ensaio no centro de Vigo. Dentro de que é unha sorte ter un espazo como Vigo Sónico, é un espazo que está nunha parroquia en Valadares, entón ten unhas dificultades engadidas para chegar. O Súbete ao Castro estaba moi céntrico, así como as salas de ensaio da Casa da Xuventude, tamén desgraciadamente pechadas dende hai moitísimos anos. E tamén estaban os ‘Castroconcertos’, que era un xeito de tocar de balde para todos os amigos. Xente que queira tocar sempre haberá, pero para que esa xente pase das súas habitacións e garaxes aos escenarios é necesario ter este tipo de iniciativas.

Contenido patrocinado

stats