Inma López-Silva: “No proceso de converter a Castelao no noso guieiro, quitámoslle o dereito de ser un home”

"Defino a vida de Castelao como unha traxedia, no sentido grego", sinala a autora de “Despois de San Castelao”

Inma López-Silva: “No proceso de converter a Castelao no noso guieiro, quitámoslle o dereito de ser un home” | Jorge V. Landín

Inma López Silva visitou o set de Atlántico TV para presentar o seu novo libro “Despois de San Castelao. Unha biografía do mesías galego”. A publicación coa que estrea unha nova editorial, Moléculas, propón un achegamento a biografía da icónica figura, pai do galeguismo moderno, cun carácter divulgativo.

O título do libro ten unhas connotacións relixiosas que chocan un pouco coa imaxe de Castelao.

Hai que dicir que el era moi relixioso. Pero, evidentemente, o título pretende dar conta precisamente do que pasou coa figura de Castelao, pola lectura biográfica que se fixou habitualmente del, un proceso de santificación. Creo que é o noso grande santo laico, o noso mesías do pobo galego. Non tentei tanto desmitificar, porque eu escribo desde a paixón e desde a fascinación pola propia figura de Castelao. Pero sí desantificadora. Eu quería traer sobre o tapete a idea de que era un ser humano. Queríamos que estivera no título esa provocación que creo que calquera entende.

A Castelao reivindícano dende tódalas ideoloxías. Cal é o máis semellante ao Castelao real?

O Castelao real era alguén afable, cunha capacidade brutal para ser admirado xa en vida. Unha das cousas que me chamou máis a atención indagando na súa figura foi que, xa sendo un estudante, os seus compañeiros fixéronlle unha homenaxe, algo inaudito. Era alguén que levantaba paixóns e que fascinaba. Debía ter unha personalidade moi atraente. Era moi alto e chamaba moito a atención. Foi en boa medida o que fixo del un gran candidato político a quen todo o mundo valora. Nese proceso de simplificación para convertelo no noso guieiro retirámoslle o dereito a ser un home, unha persoa.

Mais detrás desa figura icónica, hai unha vida moi triste e difícil, case de película.

Defino a vida de Castelao como unha traxedia, no sentido grego. Alguén que vai tomando decisións e vai vivindo circunstancias que escapan por completo á súa vontade. Vai constantemente tendo que avanzar na vida e decidir cousas que lle veñen impostas desde fóra. É como se un guionista da súa vida estivese poñéndolle sempre paus nas rodas: Un pintor que quedou cego de xeito paulatino; mórrelle o fillo e culpase da súa enfermidade; dedícase á política un pouco de casualidade, sen querelo moito, acaba tendo que exiliarse e o gran representante do republicanismo galego co cometido de unir un galeguismo ciscado á causa da guerra.

E neste percorrido estivo acompañado de Virxinia, a súa muller.

Debémoslle a Montse Fajardo a única biografía de Virxinia Pereira, a súa gran compañeira e a persoa que viviu a mesma vida que Castelao. Fajardo restaura a súa dignidade histórica, e grazas a ela tamén sabemos moitas cousas da propia parella. Virxinia foi, en moitos aspectos, a grande esquecida de todo estudo académico de Castelao e de toda a súa propia mitificación por parte do nacionalismo galego. Esquecemos que era un home e que tiña unha vida que se enche cos amores, as cuestións familiares e que son, ao final, os motivos polos que tomamos a maior parte das nosas decisións. Foi importante tamén na toma de decisións conxuntas e nun determinado momento convértese na súa lázara. Estando en Nova York, queda practicamente cego e ela axúdalle a pintar e a que a cegueira non lle impida seguir levando adiante o proxecto tanto persoal como político.

Dedica todo un capítulo a falar da volta dos seus restos a Galicia e da chegada ao Panteón dos Galegos Ilustres. Que pasou?

É unha das imaxes que marca a transición galega, unha imaxe desastrosa, terrible, co cadaleito de Castelao, volvendo de Arxentina entre os berros de manifestantes. É moi significativo, somos un pobo desmemoriado que enterra mal as súas figuras. Neste último capítulo, no que rememoro a Suso de Toro no título “Facer croquetas coa momia de Castelao”, penso que pese a telo mitificado e consideralo o noso mesías, un santo, ao final si que fixemos un pouco croquetas coa súa momia. Cumprimos todas as malas profecías de Castelao. Todo foi un despropósito arredor da súa morte, dende o seu propio enterro en Bos Aires, que foi oficiado en éuscaro, ata ese proceso de atraída dos seus restos. A fin de contas para non cumprir nunca a súa vontade que era ser enterrado en Pontevedra.

E se Castelao erguese a testa?

Asustaríase bastante, aínda que sendo como era un tipo vitalista e penso que bastante optimista, faría como case todos nós, seguir tentando. Castelao morre cando aínda está Franco aquí e acabaría decatándose de que, en realidade, o suspiro e a paréntese foron só uns poucos anos de respecto pola democracia. Non se sorprendería que segan os mesmos, que nunca se foron. Sempre estiveron aí, aínda que por un tempo mantivémolos calados.

Un dos motivos que dá para a escrita deste libro é a identificación que lle fixo unha alumna de Castelao. Que sente como docente cando se referiu a el como “o tipiño aquel das gafas”?

Nese momento provocoume botar unha bronca. Xa digo no libro que me saíu o Alonso Montero que todos levamos dentro. Como é posible que non saiba quen é ou que fale con esa lixeireza de alguén que deu a súa vida para que ela tivera unha vida mellor? Pero logo, cando reflexionei un pouco decateime de que en boa medida, é o resultado das croquetas; o resultado de un pobo que nunca soubo decatarse de que podía morder a man que cría que lle daba de comer. En realidade somos así, un pobo pobre, que pensamos que nos dá de comer unha man que, como dicía Castelao, mexa por nós e nos dicimos que chove.

Este libro inaugura Moléculas, unha editorial na que está implicada con Francisco Castro e que xorde coa ambición de publicar só libros de calidade. Cal vai ser o criterio?

Está mal que o diga eu precisamente porque sae de primeiro o meu libro. Busca marcar a liña, queremos publicar poesía e ensaio. Pretendemos situarnos cunha mensaxe moi clara sobre o tipo de literatura e a cultura galega nas que creemos. Aspiramos a poñer o listón de calidade moi alto fronte ás redes sociais, a impostura xeneralizada, a mediocridade predominante na cultura, non só galega, senón a mundial. Agora é un proxecto pequeno, pero coa mesma aspiración de grandeza. Estamos moi contentos sobre todo desta acollida inicial tanto do público coma dos libreiros.

E para este tipo de proxectos é imprescindible o financiamento das administracións?

Si e non. Abrimos Moléculas cun libro en parte subvencionado que é este, e con outro que non ten ningún tipo de subvención, “Lázara”, o primeiro poemario de Regina Vega. Entendemos que contar con axudas públicas fai o proxecto menos deficitario ou que non chegue a ser deficitario. Moléculas non vai ser só un editorial, tamén é unha empresa cultural. As axudas públicas están para iso, son de todos, deben facer posible o que o mercado non sostería, pero de ben común.

Contenido patrocinado

stats