Francisco Castro: "Conseguín vivir do que escribo, do que compoño e do que interpreto"

“As miñas novelas transcorren no lugar onde estou, gústame falar do que coñezo”, di o escritor e músico, que presenta a súa novela “Últimas noticas de Sara Silva”

Entrevista a Francisco Castro. | Atlántico

Francisco Castro (Vigo, 1966), escritor e músico, regresou ao set de AtlánticoTV para falar do seu último proxecto literario. Quen foi director xeral de Galaxia ata 2023, publica “Últimas noticias de Sara Silva” con Roca Editorial en castelán.

Nesta ocasión aposta pola novela negra. Caeu baixo o influxo do xénero de moda? 

Eu diría que é unha novela negra case de manual. Temos unha morta no primeiro capítulo e toda unha investigación que vai ir cada vez descubrindo máis cousas. Recoñezo que escribín esta novela coa idea de resultar moi entretido, moi aditivo e sorprendente. O que me confirma todo o mundo que a está a ler, é que non se pode deixar ata o final. 

A morta é unha escritora de éxito e transcorre no mundo editorial, un sector que coñece ben. Hai algún motivo para esta localización chea de chiscadelas? 

Hai moitos chiscos, por exemplo a editorial chámase Universo. Un dos tópicos da novela negra é que serve moito para contar a realidade na que vivimos, para facer dunha especie de fotografía da actualidade na que vivimos. Sae o mundo do xornalismo e da edición, cando describo o despacho do editor é o lugar que eu ocupei durante 15 anos, case 16. Supoño que sempre escribimos do que coñecemos mellor.

O xornalismo non queda moi ben parado, todo hai que dicilo.

Eu diría que certo tipo de xornalismo. O protagonista, Carlos de la Iglesia, un inspector de policía que ten o seu despacho muy cerca desta redacción, critica un tipo de xornalismo baseado no morbo, que o que lle importa máis vender por vender, esnaquizando a quen se sexa, como por exemplo, publicando un diario íntimo. Eu son un gran defensor do xornalismo, formo parte do gremio dende os 17 anos, pero me espanta que cada vez o a amarelismo é máis frecuente.

Esta novela acontece en Vigo en escenarios moi localizables. É unha reivindicación da cidade?

Sen dúbida. O outro día vía o mapa literario de Vigo que elaborou a biblioteca Neira Vilas e estou por todas partes cos meus libros, sobre todo no meu barrio, Teis. Woody Allen, e sen ousar a compararme con el, centra as súas pelis, agás a de “Vicky, Cristina e Barcelona”, en Manhattan, nin sequera en Nova York, senón nun fragmento moi pequeno dentro da inmensidade da cidade. Gústame falar do que coñezo, e menos algún título histórico, as miñas novelas transcorren no lugar onde estou. Atópome escribindo a nova aventura de tres policías, que espero rematar en xaneiro, que arrinca tamén no barrio de Teis, dun acontecemento truculento que acontece alí. Para min, ambientalas en Vigo é moi natural.

Amais de escribir tamén continúa coa música, unha aposta de madurez que saíu ben. 

A verdade é que me saíu moi ben. Conseguín vivir do que escribo, do que compoño e do que interpreto. Estou a dar unha media de dous concertos ao mes que está moi ben para un ‘ghichiño’ de 58 anos. Dende o primeiro momento plantexei a música como un exercicio laboral. Sempre que me preguntan de que vivo, contesto que de contar e de cantar, e o que farei ata que morra. Non me penso xubilar tampouco. 

Coa perspectiva de máis dun ano, como valora a súa saída da editorial Galaxia tras dimitir da dirección?

Persoalmente, marchar da editorial foi o mellor que me podía acontecer laboralmente. Non quero entrar en detalles, foi moi doloroso. Como dixen na miña breve nota de despedida, sentía que non podía seguir liderando un proxecto no que os máximos responsables, non estaban polo labor de defender esas ideas coas que naceu a editorial nos anos 50 . A miña idade, se uno non está a gusto nun sitio, pois colle e marcha. Dende o ano 20 había moitas tensións aí dentro, con momentos desagradables. Foi unha completa liberación. Vaime moi ben, estou infinitamente máis descansado, traballo sobre todo en fin de semana, descanso o resto. Escribo moitísimo, rematei tres libros este ano, publiquei dous. Agora son moi libre, antes non o era tanto.

Galegofalante e defensor declarado da lingua. Por que escolleu o castelán para publicar esta novela?

Publiquei con Roca Editorial, un selo de Penguin Random House, que é o grupo editorial máis grande do mundo, e fano en castelán. Creo que ningún escritor profesional vai dicir que non a unha posibilidade así. Se teño a oportunidade de gravar mañá con McCartney, se nos estás escoitando, Paul, estou a esperar ao teu chamala (bromea), pois eu gravo unha canción en inglés e tan feliz.

Contenido patrocinado

stats