Fran Fernández Davila: “En 'Principio de Superposición' hai poesía, ciencia e unha novela de misterio, tamén”

Escritor, gañador do XXVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole

Fran Fernández Davila: “En 'Principio de Superposición' hai poesía, ciencia e unha novela de misterio, tamén” | Gonzalo Pamies

Fran Fernández Davila, vigués, é enxeñeiro industrial, profesión que compaxina cunha intensa traxectoria literaria. A súa obra “Principio de superposición” vén de gañar a XXVII edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole.

Como recibiu a nova do galardón?

Con moita alegría. É un premio que perseguía dende hai tempo, a verdade é que teño moitos premios, pero hai algúns que se resisten. Levo 5 anos seguidos presentándome e por fin conseguín. Ademáis cun libro que tamén fai unha pequena homenaxe ao libro dunha amiga, Pilar, que gañou hai uns anos con “Principio de Incerteza”, quería facer unha chisca dela. Ela é profesora de física nun instituto, eu enxeñeiro, e fixo o libro sobre o principio de Heisenberg, quixen facer o mesmo co principio de superposición que se aplica en moitas materias científicas.

Como aplica a ciencia á novela?

Este termo é realmente o centro da idea de todo o libro, a súa arquitectura. O principio de superposición aplícase a cálculo de infraestructuras cando varias forzan actúan sobre un sistema, e queremos saber o seu comportamento. O que se fai é que se descompón, un a un, cada forza, e o efecto final é a suma dos efectos individuais. Na mecánica cuántica tamén existe este principio, polo que unha partícula non está nin un estado nin outro, senón en todos a vez con certa asignación de probabilidade. Este libro fala dunha rapaza, Sofía, que non se sabe en qué estado está, entón imos analizando cada unha das forzas que actuaron sobre ela en todo ese proceso, e ao final o lector saca unha conclusión como resultado de todas as personas que influiron sobre ela.

A qué público está orientada?

Estoume atopando máis cómodo na franxa xuvenil. Hai amigos que din que me ubico moi ben na novela de transición. De 11 a 16 anos ten un público obxectivo. Teño que dicir que esta novela xurdiu dun poemario, que gañou o premio Cal da Loba, que é o diario da protagonista, que non aparece no libro pero se fala del. Cando o rematei dixen “este poemario é moi narrativo, ten unha novela detrás”. Hai poesía, hai ciencia e hai unha novela de misterio tamén.

Como afronta a tarefa de escribir?

Teño unha “gardería de ideas”. Anoto ideas, que pode ser un verso ou un texto, están ahí, sigo coa miña vida e vou agregando se xorden máis ideas. Cando teño moitas, por gravidade xúntanse e comezo coa novela. O poemario en cambio xurdiu inspirada nunha serie de poetas novas de EE UU que o lin en galego, “Poemas audaces para rapazas afoutas”, e sobre Sarah Key, que me introduciu moitísimo no mundo na adolescencia.

Enxeñeiro e escritor de novelas, rompendo coa dicotomía do instituto de Ciencias contra Letras..

Sempre se me deron mellor as Letras, pero me aburrían. Na miña época no instituto, no Pleistoceno, nos metían O Quixote, O Lazarillo “a pelo”, iso xeroume un trauma. Eran libros que naquela época non souben valorar. Lin hai un par de anos ben a Blanco Amor e alucinei. Era un rapaz de sobresaliente en humanidades e de suficientes en física. Quen mellores notas sacaba tiraba para enxeñeiro, hoxe en día están de moda os reis do rock, matemáticas e física.

Contenido patrocinado

stats