Fiz Axeitos: "Será un orgullo que dunha chaladuría veciñal saíse a primeira festa internacional en Vigo"
Fiz Axeitos leva varias edicións sendo a voz cantante e organizativa de todo o que non se ve, pero que é o máis importante para esta Festa de Interese Turístico Nacional
A Asociación Veciñal Casco Vello é a encargada de darlle vida á Reconquista. Unha fonda preparación dende hai meses que culmina cunha semana de música, de representacións e de diversión. Fiz Axeitos leva varias edicións sendo a voz cantante e organizativa de todo o que non se ve, pero que é o máis importante para esta Festa de Interese Turístico Nacional.
A Reconquista é unha cita festiva, pero tamén histórica para a cidade de Vigo. Cal é o punto cultural este ano?
Practicamente todos os anos hai algunha charla histórica. Algunhas veces máis musicais, outras máis culturais… Pero sempre falando da historia e da tradición. Algún ano estivo Eduardo Rolland e diferentes investigadores e historiadores que foron dos que bebiamos para facer as representacións. Algunha vez algún historiador díxonos que estábamos a representar unha cousa e non era así exactamente, pero porque segue atopándose documentación. Vamos incorporando tamén na obra de teatro certo dinamismo. Cambian escenarios, personaxes, localizacións… Sempre gústanos darlle unha pequena voltiña a esta tolemia que facemos.
O prato forte, sen dúbida, son as representacións. Canto tempo leva preparalas?
Non é o que máis traballo da, pero sí leva meses de ensaios. Hai persoas que todos os anos cambian e hai que ensinarlle o seu papel. Como en calquera obra de teatro, hai que ensaialo coa persoa nova. Normalmente, cando chega novembro ou decembro revisamos o guión, ensaiámolo, comezan a ensaiar os novatos e, pouco a pouco, imos mellorando ata chegar ó domingo 29 que é a gran representación. A min xa só me falta facer de muller, porque tiven que facer diferentes papeis. Pero, coma min, moitas persoas pasaron pola taberna, de francés, na milicia… Ninguén ten o papel inmóbil. E calquera xente que queira participar activamente porque lle gusta o teatro, e raro que non vaia ter algún papel.
Porque todos son amateur nisto das representacións.
Dende logo. Un dos grandes éxitos da Reconquista é a cantidade de xente que se fixo afecionada ao teatro. Veciños que se apuntaron por botar unha man, agora están en grupos de teatro amateurs. Haberá sorpresas, pero é algo que agochamos na recámara. Que a xente veña a vivila.
Seguirán as actuacións esporádicas polas rúas durante a semana?
Esas son as que non saen anunciadas. En calquera momento, podes atoparte en medio dunha liorta nas rúas de Vigo. Chaman moito a atención como actúan as verduleiras, rosquilleiras, panadeiras, os franceses… Son moi divertidas.
Chegaron onte os franceses as rúas de Vigo. Cal é o plan para botalos?
Mañá, luns, temos a Reconquistiña, con máis de 2.000 nenos de 49 colexios. Van facer un gran acto na Porta do Sol. Queda aínda moito traballo para coordinar a tanto colexio e levamos xa mes e medio traballando. Empezan a faltar horas de sono. E xa, a partir do venres coa inauguración do mercado ás cinco da tarde, empezan as sorpresas.
Como ven dende a Asociación Veciñal Casco Vello que a Reconquista sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional?
Temos que remontarnos os anos 90. Alí foi onde saíu esta idea, esta revolución. Porque non deixa de ser unha revolución cultural, social e histórico da cidade de Vigo. Naqueles tempos, o barrio estaba moi deteriorado urbanísticamente, e socialmente non estaba ben. Aquelas mentes pensantes dixeron que había que facer algo para que a xente viñese a este barrio, que o pasase ben, e conseguir crear un centro cultural da historia na cidade. E fomos facendo. Pouco a pouco, con recursos moi limitados e máis corazón que medios. Pero creo que xa todos os vigueses coñecen a festa. E van mellorando os medios, o atrezzo e as actividades. Para nós, será un orgullo que dunha chaladuría veciñal saíse a primeira festa internacional de Vigo, e unha das poucas de Galicia. E iso non só recoñece a festa, senón o traballo que hai detrás. Os últimos quince días, o local da asociación é un fervedoiro. Moita xente está a ultimar todos os detalles. Hai 500 bandeiras polo barrio, e gran parte desas bandeiras son feitas polos veciños, de xeito voluntario. E cada ano hai que facer máis, porque cada ano máis veciños e veciñas queren adornar a súa fachada.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
segunda federación
As Celtas aprieta la pelea por el ascenso
Premios Mestre Mateo 2026
'Antes de Nós' arrasa en los Premios Mestre Mateo pero 'Sirat' le arrebata el de Mejor Película