Filloas: “Agora a música é máis inmediata, como un meme que a semana seguinte xa non fai graza”

“A miña música está enfocada nos directos, onde se converte en toda nunha auténtica festa”, confesa Iago Galego, de nome artístico Filloas

Filloas: “Agora a música é máis inmediata, como un meme que a semana seguinte xa non fai graza” | Atlántico

O vigués afincado en Compostela, Iago Galego (Coruxo, 1996), achegouse ata o set de Atlántico TV para falar da súa proposta musical baixo o nome de Filloas, o seu alcume universitario convertido en marca artística . Este venres levaraa á sala Kominsky, onde se compromete a repetir a celebración que logrou no Nadal pasado.

Segue a apostar por unha música desenfadada e moi bailable que invita á festa.

Si, amais está moi enfocada nos directos. Creo que aí é onde se converte todo nunha auténtica festa. As letras son profundas e con razoamentos sobre a miña vida e sociedade. Pero logo camúflase cunha música que é súper festeira, activa. Penso que onde explota todo é nos directos. 

A verdade é que resulta moi diferente ir de concerto coa súa música que escoitala en plan tranquilo na casa. É unha dualidade consciente?

Si. É unha música que ten esas dúas capas, hai xente que me escribe e dime que transmito unha mensaxe chula e logo hai quen asegura que nos directos as cancións non lles aportan absolutamente nada, pero que amenizan unha auténtica festa, que o pasan incrible. O certo é que están feitas para saltar e bailar. 

Que significa para Filloas escribir a súa música? 

E un xeito de me expresar, case como unha terapia que fago eu mesmo. Cando levo meses a lle dar voltas a algo na cabeza, paro e pregúntome que opinión teño sobre ese tema? Entón escríboo primeiro en prosa nun texto normal, e logo doulle esa forma de canción, Parto primeiro da letra ou sexa que imaxina o importante que para min a mensaxe. 

Ou sexa que é a actualidade o que lle inspira. 

De feito cando escoito cancións antigas estráñame que eu pensara isto de tal tema. Co tempo adoito cambiar e ata mudar a miña opinión. Así que si, as letras son super actuais sobre o que acontece en cada momento. 

E en galego? 

Non ten que haber unha boa razón de peso detrás diso, é como me expreso, como falo dos meus pensamentos. De aí que comezase a escribir en galego. 

A súa música ten un nicho particular de seguidores ou diríxea a un público máis amplo? 

Creo que hai un nicho de frikis como eu que son o núcleo máis duro de Filloas. Fago moitas referencias a videoxogos ou á cultura de internet, e hai xente que comunga moito connosco. Pero logo para min esta esa segunda volta de Filloas con mensaxes xeracionais que calquera pode entender. E esa música que realmente non penso que vaia tan a un nicho, creo que promove a festa que é un idioma universal dunha ou outra maneira. Aí conseguimos chegar tamén esa segunda capa de público, moito máis mainstream. 

E este venres toca concerto na casa.

Iso si vai ser unha festa. Amais penso que nos pillan un momento moi chulo, porque esta semana sacamos o último single e o seu videoclip. O concerto chega nun momento perfecto con todas esas estrelas que lle estamos a facer ao novo álbum que estará pronto en febreiro. Estamos nun momento dourado de Filloas e imos coroalo coa actuación na Kominsky.

Ir presentando os poucos este disco é por esa estratexia? 

É como se concibe agora a música, a nosa xeración non se está parando tanto en escoitar un álbum enteiro dun só artista. Gústanme os álbums conceptuais, nalgún momento explorarei ese tipo de temáticas facer música, pero creo que agora é moito máis inmediato. Á fin e ao cabo agora a música é como un meme que a semana seguinte xa non che fai graza o que te mandaron por Whatsapps.

Contenido patrocinado

stats