A estrada sempre ten curvas
O chapeleiro Samuel Blanco pechou ós 30 anos a súa traxectoria profesional no mundo do ciclismo
Baixarse da bicicleta ós 30 anos, cando aínda quedaría tempo por diante como profesional, non parece a decisión natural, pero optou por esta Samuel Blanco (Chapela -Redondela-, 3 de xuño de 1994). De feito, a súa andaina polo ciclismo profesional sempre estivo lonxe do convencionalismo porque chegou tarde e porque tivo que regresar ós amateurs e gañar, con moito traballo, un novo sitio entre a elite do seu deporte en Portugal. Mentres, cando foi campión de España como amateur, observou como ningún equipo español chegou a ofrecerlle un posto pese a quedar diante, por moito, doutros corredores que si o tiñan. “Xa tiña 24 anos e a esa idade era complicado ter unha oportunidade”, admite. Foi unha pena porque “de chegar ese sitio, igual tiña outro percorrido a nivel deportivo e na faceta profesional”.
Recalou en Portugal -no Tavira-, histórica táboa de salvación do ciclismo galego, e a finais de 2024 optou por dar un paso ó lado. “Naceu a miña filla. Sempre é unha decisión difícil pero déronse certas circunstancias e foi máis doado tomar esta determinación. Ser profesional supón facer varias concentracións de 21 días fóra da casa e perdes fases do crecemento dun pequeno”, relata Samuel Blanco. E tamén admite que “tiña que tomar a decisión de poder continuar noutro lugar ou deixalo”, relata. Optou pola segunda opción porque estaba canso, sen poder chegar ó máximo e “eu sempre fun da opinión de que se non podo estar ó máximo nun lugar, prefiro non estar”.
Así, Samuel Blanco leva un ano afastado do ciclismo, pero con certo contacto porque recibiu homenaxes e a súa mente xa ten algún proxecto para regresar ó seu mundo. “Por agora, son plans, pero necesitaba ese tempo para limpar a mente e regresar con máis forza”, admite. Iso si, a saída profesional chegou rápido e ata axudou a tomar esa decisión que sempre custa: “Teño un amigo que buscaba xente para traballar. Son preparador físico, agora estou adestrando xente e penso coller a máis”.
O título de España (2020) confirmoume que tomara a decisión correcta ó seguir no ciclismo"
Este é o punto e seguido de Samuel Blanco no ciclismo. Comezou de neno, como tantos outros. E, de adolescente, foi dos ciclistas que soñou con estar nun equipo galego. Por aquel momento vivía o Xacobeo, despois desaparecido. Tamén tiña a ilusión de competir en Galicia, cousa que fixo nos últimos anos. Antes, moito antes, arrincou a súa traxectoria como profesional ou, como mínimo, cunha dedicatoria similar. Alá, polo ano 2016, recalou no Vigo Rías Baixas para acadar a vitoria na Volta a Galicia. A única que obtivo, ata o día de hoxe, o equipo flúor. “Foi o que me fixo crer que podía loitar con calquera cos mellores ciclistas de España. Tamén foi o que me permitiu o soño de ser profesional”, indica o corredor de Chapela. Iso si, esa primeira etapa resultou dura porque “son circunstancias da vida, de ter caídas, dun equipo que se desfai, dun patrocinador que chega con compromisos con outros ciclistas dunha determinada zona… Ó final, tes que adaptarte. Eu non tiña peso para seguir neses equipos e quedei fóra”, resalta o deportista que en 2017 estivo no LA Aluminios luso. O paso adiante era notable, pero chegou un atrás para volver ó campo amateur e pasar momentos malos a nivel psicolóxico. “Tiña 24 anos. Ante min, a decisión de seguir no ciclismo con todo ou retirarme. Naquel ano, vin que non era o momento porque sentía que aínda tiña cousas que facer e gañei o Campionato de España. Ese día confirmouse que a decisión foi correcta e din o paso ó Tavira, que foi un momento moi bo”.
Ese título de España amateur chegou en 2020 nunha proba de extrema dureza entre as oliveiras andaluzas. Un certame no que os ciclistas remataron dun en un con Samuel Blanco como o mellor entre os afeccionados. De feito, os problemas para gañar marcaron a súa carreira sempre: “Era un ciclista fondista, diésel e moi pouco explosivo. Non fun de vitorias e sempre de facer xerais e non etapas dun día. Todas as veces que gañei foi chegando en solitario, nunca fun rápido. Cos anos, traballei as cousas que ían peor e mellorei, pero sen chegar nunca ser un velocista. Defendinme en grupos pequenos”.
Dentro de que é unha decisión difícil, o nacemento da miña filla facilitoume dar o paso"
Este triunfo foi en solitario nun día de tanta esixencia. Finalizou noveno, con soamente oito profesionais por diante. “Deume, tras moitos anos de padecementos, o alivio que precisaba para continuar uns anos máis. Confirmoume que a decisión de seguir, que tomei no seu momento, foi a adecuada", expresa Samuel Blanco.
Regresou ó profesionalismo co Tavira para ter un lustro de continuidade. Houbo momentos bos, loitou por vitorias e, na Volta a Portugal, sentiu a presión. Alí, en case todas as edicións, exerceu de gregario na montaña de líderes como Delio Fernández ou Alex Marque. “Para eles é todo. É o momento chave do ano, onde se moven todos os patrocinadores, e facer un bo papel alí é básico. Non é que metan esa presión, pero durante o ano xa detectas que todo vai encamiñado a chegar ben á Volta a Portugal”, explica o chapeleiro.
Na mítica proba lusa, de dez días de duración, coñeceu o peor do ciclismo na súa primeira participación. “Tiven que baixarme por problemas de saúde. Fixo tanta calor que creo que nunha das primeiras etapas o asento queimoume a pel”, describe. Non obstante, tamén gozou de moitos bos momentos. E, entre eles, destaca Samuel Blanco “o día que no que o equipo púxose líder con Álex Marque no alto da Torre. Tivemos unha gran etapa, pero baixaron dous compañeiros por covid e tiven que asumir eu o seu papel. Ese ano resultou moi duro, pero das probas máis bonitas que corrín. Tiven a un amigo de líder e iso é inesquecible”.
Estar na saída do Gran Camiño, ó lado de Jonas Vingegaard, é unha experiencia que queda para a vida"
Tamén son inesquecibles as mostras de cariño que recibiu nos últimos meses en varias homenaxes. “Sintes que alguén, nalgún momento da súa vida, empatizou contigo neses instantes de padecementos e vitorias. Sempre é unha ledicia que se acorden de un”, relata.
Dende aqueles primeiros momentos ata os últimos, a traxectoria de Samuel Blanco tivo soños que cubrir. De feito, un deles chegou cando apenas esperaba coa creación do Gran Camiño, a carreira profesional en Galicia. “Dende neno, sempre tiven ese soño de estar nun equipo galego ou correr como profesional en Galicia. Puiden cumprir o segundo. Estar na saída ó lado de Jonas Vingegaard, que viña de gañar o Tour de Francia, foi algo incrible. Quédame para todo a vida”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último