Luis Fernández: "Ir ós Xogos é difícil, pero estou máis preto que hai cinco anos"

“Somos varios galegos e todos estamos fóra porque non hai un lugar para adestrar aquí", explica Luis Fernández, palista internacional con España en slalom

Publicado: 30 oct 2023 - 03:15 Actualizado: 30 oct 2023 - 08:08

Luis Fernández, de Salceda, no set de Atlántico.
Luis Fernández, de Salceda, no set de Atlántico.

Luis Fernández (Salceda, 20 de xaneiro de 1997) acadou este ano a praza olímpica para España na modalidade de canoa de piragüismo slalom cunha vixésimo praza. Non obstante, soamente irá un palista a París e a competencia é notable.

Como foi o ano para vostede?

A nivel internacional, rematei con obxectivos cumpridos e, polo tanto, o ano é bo. Na primeira parte da tempada, despois do selectivo, custoume arrancar. Na segunda metade foi mellor e chegou esa clasificación para os Xogos.

Todo comezou co control selectivo, que é a proba que marca o ano.

Todos os anos empezamos co selectivo que adoita ser en dúas semanas e teñen entre catro e seis baixadas. Aí escollen as mellores, en función da normativa, e, para simplificar, os tres primeiros españois son os que quedan escollidos para facer todo o calendario mundial. Se quedas entre os primeiros, aseguras un ano de traballo e, se non logras facelo, pois non. É certo que, a nivel internacional, existen dous bloques e, en función dos resultados do primeiro, a xente que quedou fóra no selectivo aspira a unha praza se o titular non acada uns determinados resultados.

Luis Fernández, de Salceda, amosa a pa no set de Atlántico.
Luis Fernández, de Salceda, amosa a pa no set de Atlántico.

Adestra catro ou cinco meses para, en dúas semanas saber se pode ter un calendario amplo ou non.

É o xogo que temos. Adestramos dende outubro ata marzo ou abril, que aí é ese control selectivo. Se todo vai ben, continúas co calendario internacional. Se non sae, quedas á marxe.

No Mundial meteu a España nos Xogos Olímpicos, que era o gran obxectivo da selección.

O meu tamén era facer un bo campionato do Mundo. Pero para España está claro que íamos alí para acadar a praza de París. Iso acadeino e nótase moito a presión. É un Mundial preolímpico no que os palistas xóganse o traballo de anos. A presión nótase.

España ten a praza, pero non é para vostede. Hai que gañala.

Unha vez temos a praza non é para a persoa que a acada, é para o país. En marzo ou principios de abril, imos a ter o selectivo olímpico. Básicamente, a persoa que gaña a competición é a que irá ós Xogos. Estou eu, o tamén galego Dani Pérez (Salvaterra) e Miquel Travé. Travé é o que ten unha pouca de vantaxe porque en moitas probas quedou mellor este ano e tiña un ‘bonus’. Non obstante, se chegamos ó preolímpico e resulta que eu ou Dani Pérez gañamos todas as baixadas, estamos clasificados para os Xogos. O temos un pouco máis complicado, pero é posible.

E vendo os resultados desde ano, é difícil facer un prognóstico.

O selectivo de 2023 foi axustado. Miquel Travé gañou todos os sábados e eu gañei todos os domingos. A cousa estivo bastante igualada.

Como planifica o ano?

Agora estou dúas semanas na casa ata o Campionato Galego e, despois, xa marcho para a cidade de Pau, en Francia. Farei alí toda a preparación. O meu adestrador é do País Vasco e leva outros deportistas por medio da federación. Vén dúas ou tres veces á semana ata Pau para estar comigo. Despois, envíame toda a planificación e eu sigo. Sempre me filma en todas as sesións e analizamos todo porque é algo básico. Así preparo o selectivo olímpico e, a verdade, a páxina seguinte está en branco porque non sabes que vas facer. Todo depende do resultado.

A selección española ten a base na Seu D'Urgell, pero vostede está máis por libre.

Hai como dous centros básicos. Un é en Catalunya, na Seu D'Urgell, e o outro no País Vasco, no que soamente está a xente que vive alí. Porque na Seu hai instalación coa canle, pero a xente do País Vasco ten que ir a Francia para adestrar ben. Estou algo separado de todos, pero dentro do sistema federativo.

Como decide que é a mellor opción?

Un pouco por todo. Pola cidade e polas instalacións. Alí é moi sinxelo adestrar, poñen todo moi fácil e despois teño preto ó adestrador. Se quedo en Galicia ou noutro lado, estaría moi lonxe. Ademais, Pau é case como un centro de alto rendemento Mundial. Estiven con xente de Australia, de Irlanda, de Taiwán, con case todo o equipo francés…. Hai xente de todo o mundo porque é un lugar moi bo para adestrar diariamente.

E así tamén porá o ollo no que fan os outros.

Claro, hai moita xente. O equipo francés está alí e sempre miras un pouco o que fai este, o que fai o outro. É algo que intentas aproveitar.

Como é a preparación dun palista de slalom?

Depende da semana, hainas nas que aumentamos moito a intensidade e as horas de auga e outras nas que estamos máis tranquilos, de compensación. Pero si que paleo case todos os días, ben de mañá ou de tarde, despois teño sesións de ximnasio e tamén algunha de carreira e bicicleta. Ademais temos sesións co psicólogo e co fisio. Todo forma parte da preparación. Facemos algo de exercicio aeróbico porque o peso é importante, pero dentro da primeira parte da tempada. Despois, xa vai todo encamiñado ós ritmos de competición porque facemos 90 ou 100 segundos de intensidade a tope e todo vai enfocado a iso.

Como se traballa o equilibrio?

Iso son horas e máis horas. Sobre todo, de augas vivas. Tamén facemos algo de augas tranquilas, pero moito menos tempo. O motivo polo que estou en Pau son as augas bravas. Ó final, necesito moito tempo nestas condicións para poder mellorar o equilibrio e a coordinación.

Está vostede, Dani Pérez, Manu Ochoa e Ainhoa Lameiro. Como hai tanto galego no nivel internacional?

Somos cinco clubs en Galicia e a maioría no sur. Hai moitos palistas e o nivel nótase. Tamén levamos anos dicindo que de todos estes que formamos parte do equipo español ningún vive en Galicia pola falta de medios para adestrar aquí. Ó chegar a un alto nivel, hai que marchar porque aquí serve para empezar, pero non podes estar ó máximo. Eu marchei a Catalunya con 16 anos porque comprobas que aquí non podemos avanzar. Levamos anos pedindo que en Galicia exista unha instalación na que adestrar para non estar obrigados a marchar. Moitos dos que vivimos fóra, a realidade, é que non queremos vivir fóra.

En Galicia chove, hai ríos, monte… Non parece difícil facer un canal de slalom.

Outra cousa igual non, pero auga aquí sobra. Creo que é máis sinxelo do que parece. En Francia, por exemplo, en cada cidade adaptan o río para ter unha instalación. É dos países do mundo con máis canais. Alí é moi sinxelo e en Galicia a situación é moi complicado.

Esta semana ten o Campionato Galego que creo que é volver ás orixes.

Vai a ser estar por aí (é en Dumbría) e gozar da competición. Non é un obxectivo principal, é máis pasalo ben e desfrutar do día.

¿Pensa moito en estar nun Xogos Olímpicos?

A verdade é que estaría guay, estaría guay. É polo que estamos loitando tanto eu como Ainhoa e Manu. Que, por fin, poida representarnos un galego nos Xogos Olímpicos. É o soño e o obxectivo do vindeiro ano. En comparación con hai cinco ou seis anos, estamos preto. Moito máis preto. É cuestión se seguir adestrando e tentar dar o mellor no selectivo olímpico.

Que fai un piragüista de augas bravas para poder vivir?

É un pouco sobrevivir. Se entras na final dun Mundial, si que podes vivir diso. Pero tes unha única competición, ese Campionato do Mundo, para poder facelo. Así é complicado. No meu caso, cando teño tempo, tento buscar un traballo ou así. Pero é difícil. Eu estudiei e sigo estudando e a maioría estuda porque isto remata e hai pouca xente que chegue ós corenta anos a bo nivel.

Contenido patrocinado

stats