Elba Pedrosa: “Precisábase atopar saídas trala pandemia, e aí a poesía foi relevante”
“En ”Onde imos agora? falo sobre o proceso do desamor e de que non aprendemos nada, seguimos facendo as cousas mal", di a poeta
Elba Pedrosa gañou o premio aRi[t]mar 2025 na categoría a Mellor Poesía Galega coa obra “Onde imos agora?”. Cun espírito multidisciplinar, Pedrosa atrévese coa novela, a poesía, como presentadora ou diante das cámaras. E todo o fai ben.
Premio a mellor poesía en galego do ano. ¿Esperado ou sorprendente?
Pilloume totalmente por sorpresa. O xurado fai unha escolma de poesías, tanto de Galicia como de Portugal, e tamén de músicas. Finalmente, selecciona tres, e o público elixe o gañador. Non era nada esperado, así que é moi emocionante para min. Da gusto ver como a xente elixiu este poema e faime unha ilusión tremenda.
¿Cal é a historia de “Onde imos agora”?
Este poema foi parte dun poemario que se chama “Desamor Ultrasónico”, que é un conxunto de poemas que falan sobre o proceso do desamor. Sobre todo desas segundas partes. Cando todo está desvencellado, onde imos? que facemos? Está tamén moi relacionado coas mortes na guerra e coas violencias psicolóxicas, que moitas veces estes procesos marcan o desamor. Falo sobre que non aprendemos nada. Non sacamos conclusións de todas as mortes, de todos os maltratos que hai no mundo e seguimos facendo as cousas mal. A poesía, ao final, vai un pouco a contracorrente. Obriga a parar e pensar as cousas de outro modo e faise moitos cuestionamentos. Non sei se co poema se pode atopar unha solución, pero sí unha reflexión na sociedade. Hai un dos poemas que di,"teño na cabeza unha morea de paxaros", porque chega un momento que non sabes diferenciar se estás tolo ou non cando pasas eses procesos tan psicolóxicos tan dolorosos. “Onde imos agora?” tenta que esa reflexión sexa entre todos, a ver se atopamos unha solución.
Escritora de poesía e tamén de novela. Cal é a diferencia no proceso de creación?
É totalmente distinto. Na atención e no pensamento crítico, mais a metodoloxía do traballo. Unha novela leva moitos anos escribila para ter unha trama moi predeterminada e facelo dunha forma consciente. A poesía tamén leva tempo, pero a cabeza funciona dunha forma distinta. Na novela podes agocharte moito mais con autora. De feito, é mellor que non se note a parte persoal. Na poesía utilizas un modo de cuestionamento, tes que poñer o foco no que queres amosar. É moito mais íntimo.
Premiada como a autora da mellor poesía en galego pero naceu en Tenerife.
Son galega, pero teño o corazón partido. Os meus pais son galegos pero foron traballar as Illas Canarias. Eu nacín alí, e voltamos cando eu tiña tres años. Teño moita afinidade coa xente das Canarias, é moi parecido a como vemos a vida os galegos. Eles tamén teñen moito vencellamento na terra.
Novelista, poeta e tamén actriz e presentadora. ¿Onde saca o tempo?
Supoño que dunha hiperactividade non diagnosticada, pero tamén pola miña condición de muller e artista. O final, vémonos obrigadas a facer moitísimas cousas, levamos esa carga ancestral. Pero xa estou afeita a este ritmo. E tamén que vivir da arte e ben complexo. Ou fas moitas cousas ou non chegas a fin de mes.
Como está de saúde a poesía agora?
Penso que está a gozar de boa saúde. Precisábase atopar saídas trala pandemia, e aí a poesía foi relevante. Estamos nuns tempos complicados, temos moitísimas crisis. Por iso, coa poesía, a sociedade empeza a preguntarse cousas, porque hai moitas dúbidas. Hai moitos poetas novos en Galicia que empezan a ter moita visibilidade e xa son premios nacionais de poesía, como Ismael Ramos, por exemplo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar