Chus Álvarez e Santiago Veloso: "Xuntaremos ás radios nacionais de España e Portugal facendo unha emisión en Valença"

"A programación vai ser feita por alumnos de Primaria, Secundaria e das Universidades de Vigo e Santiago", din o director de Ponte... Nas Ondas

Chus Álvarez e Santiago Veloso no set.
Chus Álvarez e Santiago Veloso no set.

A asociación Ponte… Nas Ondas presentou onte en Vigo a programación do seu trixésimo aniversario. A súa secretaria, Chus Álvarez, e o seu presidente, Santiago Veloso, visitaron Atlántico TV para debullar esta celebración.

 En que consistirá o 30 aniversario?

Chus: Imos celebralo en oito puntos de Galicia e Portugal: Lisboa, Valença, Vimianzo, Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago. Imos facer radio en directo con alumnos de oito centros educativos da zona. Farano acompañados de artistas e portadores do patrimonio como artesáns, redeiras, carpinteiros, xente do mar... que van ser entrevistados en directo. Vaise retransmitir todo por streaming e poderá seguirse nas nosas páxinas web.

Cando será este programa especial?

Santiago: O mércores 26 desde as 10 da mañá nunha programación ininterrumpida ata as 14 ou 15 horas. Nalgúns casos tamén se estenderá ata pola tarde. A programación vai ser feita por alumnos de Primaria, Secundaria e das Universidades de Vigo e Santiago. En Vigo será no edificio Miralles. Valença vai ser o epicentro dos colexios de Portugal, faremos o programa dende a Alfándega, que é un edificio histórico que ten un significado moi especial, xa que foi a antiga aduana e por un día vai ser un punto de encontro porque imos coincidir alí catro emisións en simultáneo: Imos xuntar por primeira vez as dúas radios nacionais de España e Portugal facendo unha emisión desde aí para o Estado. Ademais, tamén estará emitindo a Radio Municipal de Tui e a programación de Ponte... Nas Ondas. Será un punto simbólico.

Xa contan cunha rede de escolas Ponte… Nas Ondas.

C: Desde que a Unesco recoñecera o noso modelo como de boas prácticas co patrimonio inmaterial, nós plantexámoslle á consellería a creación dunha rede de centros, xa que hai moitas escolas e institutos que levan anos utilizando este modelo. De feito, no 30 aniversario haberá centros que xa participaran no primeiro Ponte... Nas Ondas. A consellería foi receptiva e este ano xa vamos pola segunda convocatoria. O ano pasado sumáronse outros dez e o que pretendemos é que este modelo, que foi recoñecido pola Unesco e que están utilizando moitas escolas, reciba eses parabéns da consellería. E a resposta dos centros foi moi boa.

Como valoran estes dous anos de iniciativa?

S: É moi positiva porque a idea é consolidar un modelo. Un modelo que ten o aval dunha institución como a Unesco supón que os centros tamén conten con dito aval. Que un centro sexa modelo Ponte... Nas Ondas significa que ese centro está integrando o patrimonio inmaterial, a radio, a comunicación e as tecnoloxías. Esa é a fórmula. Ademais, cada vez hai un auxe maior da radio nos centros educativos, o cal constata que os que comezamos nos anos 90 con aquelas experiencias rudimentarias estabamos empoderando ao alumnado na comunicación e nas súas capacidades. 

O éxito do seu modelo está levándolles por congresos de toda a Península.

S: O recoñecemento da Unesco supón que este modelo pode ser replicado en calquera parte do mundo, polo que temos participado en moitos destes eventos. O derradeiro mes, de feito, estivemos nun encontro de xestores culturais en Murcia convocado polo Ministerio de Cultura. Sorprende moito cando a xente descubre este modelo porque non esperan que exista unha experiencia deste tipo entre escolas de dous países xuntando a persoas portadoras do patrimonio e facendo unha expereincia de comunicación que hoxe conta coas tecnoloxías da información e a comunicación.

Que é o seguinte para Ponte... Nas Ondas?

C: Este ano temos unha programación de actividades e estamos intentando preparar algo para o mes de maio, importante para nós porque as Letras Galegas están adicadas ás cantareiras. É importante porque recoñece a labor da transmisión das mulleres que foron depositarias das cantigas nosas e que foron transmitidas co seu cante ás novas xeracións. E por aí estamos argallando algo que por agora non se pode contar.

Contenido patrocinado

stats