Brais Iriarte e Paula Fernández: “O primeiro ensaio da banda foi despois de comer un churrasco”
Baixo e percusión tradicional brasileira na banda Samba da Batea
O son do Brasil interpretado por ‘mexilóns’ galegos. Samba da Batea é unha banda viguesa que vén de adoptar, e tamén adaptar, os ritmos brasileiros, primeiro con versións de artistas reputados e agora xa facendo composicións propias.
Como nace Samba da Batea?
Paula Fernández: Xorde a través do estudo do pandeiro brasileiro, que é un instrumento de alí. Tiven a sorte de atopar unha enorme riqueza na música brasileira: distintos estilos como o choro, o pagode…Vimos que aquí había unha aproximación á música brasileira a través dos ritmos percutivos —batucadas, blocos de samba—, pero non tanto a música de raíz. Entón o que fixemos foi traer a grandes artistas como Cartola, Caetano Veloso e moitos outros, e achegalo ao que facemos aquí coa nosa música tradicional, creando unha fusión e buscando as similitudes e a riqueza de ambas músicas, tanto a brasileira como a galega.
Paula, es a percusionista da banda. Que formación previa tiñas?
P.F.: Na música tradicional galega si tiña experiencia. Ademais, teño a sorte de que o meu círculo está cheo de músicos. Cando trasladei esta idea de “escoitei isto, por que non facemos un grupo se non hai música deste tipo?”, Lois, Iago Ramilo, Carlos, Brais, Suso… dende o primeiro momento dixeron que si, que ían con todo. Como adoita pasar tamén na música brasileira, sobre todo no pagode, fan un churrasco, xúntanse arredor dunha mesa e póñense a tocar. Iso é moi galego tamén: unha boa sobremesa, unha botella de anís, tocar coas cunchas, co que haxa. Así que o primeiro ensaio foi así: despois de comer un churrasco.
Brais Iriarte: Foi unha maneira de enganchar a todo o mundo, porque é moi doado entrar nesta música de samba e música tradicional. Ao final, está moi vinculada ao baile, apetéceche moverte.
De feito, o outro día tivemos un concerto sentados porque estaba gravado, e a xente dicía: “Que pena, porque isto é para bailar”. Notábase esa necesidade primaria de moverse.
Como foi o proceso de empezar a tocar música brasileira?
B.I.: Ao principio comezamos tocando temas de alí para impregnarnos desa música, aprendela e ver como soaba, como se mestura. Agora estamos xa no proceso de fusión e de temas propios. Hai algo moi curioso no grupo: incorporamos gaita e pandeireta, instrumentos de aquí que tamén están vinculados a instrumentos de alí. Aquí temos a pandeireta, e alí o pandeiro, moi parecido, mesmo na forma de tocar. Tamén está a tixola: alí tócase e aquí tamén. Hai moitos vínculos e daste conta de que non somos tan diferentes e que temos esa necesidade primaria de facer música con calquera cousa, mesmo cun instrumento de cociña.
P.F.: E tamén o idioma: hai unha similitude moi grande. A proximidade lingüística e fonética facilita moito a conexión. Iso reflíctese tamén nos temas propios: usamos estrofas tradicionais galegas que fusionamos para conectar esas dúas culturas.
Sodes nove integrantes na banda, qué instrumentos se poden escoitar?
B.I: En ventos temos trompeta, saxo tenor e saxo barítono, que substitúe ao trombón. Despois batería, percusión variada: congas, rebolo, cuíca… tamén baixo, guitarra, cavaquinho e voz.
Onde pode escoitar o público a Samba da Batea?
B.I.: Estamos en redes sociais: Instagram, Facebook e tamén en YouTube. Temos varios vídeos subidos e en breve publicaremos un directo que gravamos con moito público.
P.F.: Si, no próximo mes estará publicado. Así que atentos ás redes.
Contenido patrocinado
También te puede interesar