Brais González: “Síntome moi agradecido á xente que asume riscos e aposta polas miñas tolemias”

"Levamos doce anos facendo cousas na musicalización do cinema mudo, os comezos foron algo máis complicados", sinala o compositor contemporáneo

Brais González: “Síntome moi agradecido á xente que asume riscos e aposta polas miñas tolemias” | Gonzalo Pamies

O pianista e compositor Brais González (Vigo, 1987) vén de ser elixido co seu grupo Caspervek representante español en Pordenone, o festival internacional de referencia no cinema mudo. Afronta un verán cheo de actividades e achegouse ata o set de Atlántico TV para falar das mesmas.

Vén de chegar de xira con Litore Quartet e a súa obra “Selkie”. Como foi a acollida?

É una obra moi especial que regresa agora cun novo concepto escénico, cun traballo tanto escenográfico como de iluminación. Vimos de estar traballando unhas semaniñas en terras valencianas cunha escenógrafa poñendo todo a punto.

Litore é un cuarteto de saxofóns que apostou por un proxecto no que tocan e actúan ao mesmo tempo. Como afecta isto ao compositor?

Afectou desde o mesmo comezo da conceptualización da obra. Foi unha encarga de Litore, usaron o termo ópera para saxofóns. Era algo sen precedentes. Pasei moito tempo máis aló da escritura do libreto, do guión, logo da parte musical. Toma referencias da ópera, tamén do teatro kabuki, do teatro non-xaponés para formar unha obra escénica. Tocan o saxofón, móvense pola escena, hai moito movemento escénico e declaman tamén. Nalgúns intres é teatro puro e duro. Eles mesmos fixeron as gravacións da súa propia voz. É un espectáculo moi orixinal, que está funcionando moi ben. Estou moi contento, pero foi arduo o labor de conceptualizar, como poñer iso que eles querían, traducilo en algo escenicamente que puidera funcionar.

Falando de ópera máis convencional, tamén estreou nesta disciplina con “Badlands”.

Démoslle unha voltiña de rosca máis. “Badlands” é unha ópera baseada nunha historia real que aconteceu en Sangay en 1937, representámola no Café Vitruvia. Queríamos que todo o local fora espazo escénico, romper esa cuarta parede, a dicotomía espacial que hai entre a platea, o público e o escenario. Todo sucedía en tódolos lados, transcorría entre a xente polo que aconteceron cousas máxicas. Foi un crebacabezas grande a nivel escenográfico para conseguir artellalo todo e que quedara unha cousa digna. Quedamos moi contentos co resultado e coa recepción do público, esgotamos entradas nos dous pases. Repetiremos despois do verán.

¿Os promotores arriscan cos compositores contemporáneos?

É complicado. Síntome moi agradecido de recibir encargas, sobre todo cando veñen de institucións ou de grupos máis pequenos. No caso de Litore contou unha pequena subvención do Igaem, pero eles puxeron a súa parte. O mesmo podo dicir neste caso de Javier, o dono de Vitruvia, que apostou por facer algo que non se sabía nin que era. Eu escribo, pero hai outros axentes implicados que teñen que poñer a súa parte. Son fundamentais para que os creadores podamos sacar o traballo adiante. En esa outra parte sería imposible. Síntome moi agradecido á xente que asume riscos e aposta polas miñas tolemias.

E con agosto chega unha nova edición de “Mu2” no xardín Sales.

Efectivamente, a cuarta edición xa do festival, que comezou con funcións espalladas no tempo e agora nos concentramos na última semana de agosto, do 26 ao 29 con moito éxito. Sales danos opcións a facer un montón de cousas, xa non só películas mudas con musicalización en directo. Este ano temos unha programación moi potente con “Metrópole”, “O maquinista da General”, de Buster Keaton, e unha rareza “Tabú”, que é unha peli tamén de Murnau, o mesmo director de “Nosferatu”. Amais imos facer escape rooms e temos un concepto para as familias o sábado para o mañá, cunha actividade na que os rapaces van poder incluso tocar connosco. Somos un equipo pequeno, Caspervek e tentamos forzar nosos límites.

Ese esforzo implicou un recoñecemento coa selección de Caspervek para o festival Pordenone

Levamos doce anos facendo cousas na musicalización do cinema mudo, os comezos foron algo máis complicados. Non había tampouco cultura, nin aquí en Galicia, ni en España. Era unha rareza. Pero pouco a pouco foi cambiando e agora estamos nunhas datas nas que se cumpren os centenarios das grandes películas. Hai máis grupos que se adican a isto. Tamén aumenta o volume de traballo e acaban de anunciarnos que en este outubro estaremos en Pordenone, que é o festival de cinema mudo máis importante do mundo, unha referencia para todos os que nos adicamos a esto. É moi complicado acceder, traballa sempre con filmotecas e con institucións, onde, ainda que soe raro, estréanse cousas. Neste caso Filmoteca Española ven de restaurar unha serie de curtas españolas de 1898 a 1902, é dicir, son os comezos do cinema en España e, por fortuna, encargáronme a min a composición para estas pezas e a Caspervek poñerlle música en Pordenone. Así que estamos pasados de revolución completamente moi contentos, porque é unha oportunidade única. É difícil non sentir que estes anos de traballo e de esforzo apenas vén ser recompensados nunha cousa así.

Contenido patrocinado

stats