Belén Ferreiro e Rebeca Carrera, de EnClave Morada: “Aínda hoxe sorprende facer un concerto só con compositoras”

"Facemos un montón de actividades para visibilizar as mulleres na música, dende compositoras, artistas ou intérpretes", din as integrantes de EnClave Morada do Conservatorio Profesional de Música

Publicado: 05 mar 2025 - 06:00 Actualizado: 05 mar 2025 - 09:19

Belén e Rebeca, de EnClave Morada: “Aínda hoxe sorprende facer un concerto só con compositoras” | Atlántico

Belén Ferreiro (BF), profesora de viola e Rebeca Carrera (RC), docente de gaita, visitaron o set de Atlántico TV para falar de EnClave Morada, unha iniciativa do equipo de igualdade do Conservatorio Profesional de Música do que forman parte. A través da mesma porán en marcha unha programación moi ambiciosa que comeza a vindeira semana pola conmemoración do 8-M.

Cal é o obxectivo final de toda esta batería de actividades?

RC- É a segunda edición desta semana. Facemos un montón de actividades para visibilizar as mulleres na música, dende compositoras, artistas ou intérpretes.

A programación comeza o vindeiro luns, pero xa dende hai días teñen unha instalación na recepción do centro como un preludio.

BF- Chamámola Tecendo Redes. É un xogo que se propón ao alumnado. Por todo o centro hai carteis con pistas sobre compositoras, se as descobren van á conserxería e reciben un pequeno agasallo, amais dun peixe co nome da compositora e un QR con información que teñen que pendurar da rede que temos na entrada. Esa rede, que ten uns cen anos, cedéunola Atalaia, a asociación de redeiras da Guarda. Esteticamente é moi bonito de ver, xa hai un montón de peixes pendurados. Foi un éxito, mesmo polo xeito en que o alumnado coñeceu a estas mulleres.

O certo é que nesta semana tamén hai actividades moi curiosas como o obradoiro para os alumnos sobre partituras estas raras. 

RC- Contamos con outra artistaza, a compositora Sonia Megías que tamén nos tocará a súa música. Temos a sorte de que vai traballar cos cativos para romper un pouco o estereotipo que temos tan pechado e ríxido na música clásica para achegarnos doutro xeito. Tamén temos un superproxecto de Fran Bouza, o profesor de piano, para o venres, 14 que pecha a semana. É un concerto coas mulleres como protagonistas, pero con música moderna.

BF. Con “Violoncellas”, o martes, Isabel Figueroa, a profesora de cello vai facer un monográfico con música escrita nos séculos XIX e XX por mulleres. Ela e as súas alumnas tocarán algunhas pezas. Non é habitual poder facer un concerto só con compositoras desta época. Aínda agora sorprende. Na instalación temos 92 compositoras, xa están colocadas 80 e os propios compañeiros lles abraia que haxa tantas. En realidade hai miles de mulleres en tódolos países e épocas, pero non se coñecen.

O nome de esta iniciativa, EnClave Morada, parece ter unha segunda lectura.

RC- Formámola tres profes do Conservatorio, un pouco tolas. Hoxe falta Susana, profe de piano. Empezou hai tres anos ao comprobar que nas audicións, incluso nas didácticas non había música de mulleres. O primeiro ano organizamos “Unha tarde entre mulleres”, onde nos propuxemos un concerto só con música de mulleres. Tiñamos medo de non ter unha duración mínima, pero fixemos case un maratón, cerca de cinco horas. 

Este ano tamén haberá un evento semellante?

BF- Será como o acto central. Ao ser o primeiro que fixemos collémoslle cariño e amais involucra a profesorado e alumnado, cada vez dende máis departamentos. Agora tamén contamos con pequenos vídeos biográficos feitos dende a aula de Historia ou pezas electroacústicas, dende Novas Tecnoloxías, cada ano baseadas en algo distinto. Este será arredor dunha copla tradicional das cantareiras. Estamos moi contentas pola resposta de todo o Conservatorio.

E como convidada especial terán a SÉS a actuar o xoves 13. Como xurdiu este concerto? 

RC- Somos superfans de SÉS, pero somos un centro público e non temos unha supercaixa para poder pagar os cachés a xente tan importante. Propuxemos que viñera porque lle apetecese a ela. O alumnado versionou os seus cunha estética moi diferente. Coa maioría das disciplinas de música clásica, as letras de SÉS cantadas por unha soprano acompañada por piano era realmente distinto. Convidámola a vir a escoitar o noso proxecto e a poder escoitala a ela. E gustoulle a proposta.

Estará aberto ao público?

BF- Todas as actividades que se fan no Conservatorio están abertas a quen queira asistir, tamén as audicións, aínda que non teñan tanta transcendencia como SÉS. A ela ímola escoitar cantar, pero tamén falar porque é unha muller moi implicada co feminismo e coa lingua, que son temas que nos interesan.

Contenido patrocinado

stats