Aser Álvarez: "Castelao, pese aos golpes que levou, tiña unha ética e un humor a proba de bombas”
Cineasta, xornalista e produtor
Celébrase o Ano de Castelao e o xornalista Aser Álvarez (Forxán, Quintela de Leirado, 1976), director de Arraianos Producións, presentou unha nova proposta a través de podcast para achegarse ao intelectual, ao político, ao artista, pero tamén ao seu ámbito máis persoal. Visitou Atlántico TV para falar desta e doutras iniciativas para traer á actualidade a este referente do pobo galego.
Queda algo por coñecer de Castelao?
Pois si. Penso que hai moito descoñecemento de Castelao. Todo o mundo sabe quen foi, todos escoitaron falar del, pero realmente poucos coñecemos a fondo a súa vida ou a súa obra. Eu, por exemplo, aprendín moitísimo facendo este programa de tres capítulos cunha relectura contemporánea da súa biografía. Con este formato de creación sonora tan de moda podemos achegarnos a Castelao. Por un momento pensei en facer algo máis actoral, máis experimental, cun punto vangardista tamén. Pero decidimos sacrificar esa idea inicial por tratar de facilitar o interese dos novos públicos.
Foi unha encarga do Consello da Cultura Galega?
Si e pódese escoitar na súa páxina web. “Castelao a carón de nós”, que é como se titula, tenta traer a Castelao ao século XXI e sobre todo propiciar novas lecturas e relecturas.
Quen pon voz a este proxecto?
Fixemos unha pequena escolma entre unha serie de persoas que máis ou menos saben sobre diferentes aspectos da vida de Castelao. Comezamos polo seu biógrafo e presidente da fundación, Miguel Anxo Seixas, pero tamén contamos con Xosé Manuel Núñez Seixas para falar máis da emigración; con Siro López Navarro que tocou a súa parte como humorista; con Ángeles Tilbe, a actual directora do Museo de Pontevedra, sobre a súa etapa na cidade do Lérez; con Noni Araújo, que é unha muller que tratou moito a Virxinia Pereira, a dona de Castelao, e un grupo de xente, Marilar Aleixandre ou Paula Carballeira, que axudan a desmitificalo, baixalo do pedestal e achegarnos a el sen medo, pero sobre todo con gana de volvelo a ler, de propiciar novas lecturas entre a mocidade. Iso é moi interesante.
Como presentaría a Castelao?
Castelao é un personaxe extraordinario que non colle nun podcast, nin nun documental. Posiblemente tampouco entre nunha biografía de tres tomos porque traballou tanto, que tiña un compromiso ético tan forte como férreo. Foi unha figura dunha importancia extraordinaria no seu momento, pero o que máis me alucina desta xeración que foi represaliada, que tivo que exiliarse e fuxir, é que aínda así nunca perderon o sentido do humor. Castelao, pese a tódolos golpes que lle dou a vida e tódolos fogonazos, tiña unha sensibilidade ética e unha sensibilidade humorística a proba de bombas. Mesmo cando se sabía que estaba mal, que iba a morrer, tivo un xeito de facelo como o grande home que foi. Impresiona que sempre se volvía erguer, a se por en pé. Ter como referente o seu compromiso inquebrantable no momento actual, co ascenso da extrema-dereita a nivel europeo, semella moi necesario.
Que ten Castelao que todos o queren como bandeira?
No seu tempo tamén. Era un intelectual. Facía viñetas nos xornais e era tan popular, que chegou a ser o deputado galego con máis apoio nas cortes. Espertaba moita simpatía, creo que a xente o vía como unha figura de consenso, incuestionable, referencial e así segue sendo. Cousa que me parece positiva, era moi conciliador e para el Galicia estaba por riba de todo. Se hoxe levantase a cabeza, diría “deixádevos de carralladas e comezade a traballar”. Relendo a Castelao, sorprende o moderno que era, como foron moitos outros da súa época. Castelao foi extraordinario, pero hai que mistificalo. Foi produto dun tempo, dun contexto social, onde hai moitísimas individualidades moi potentes, moitos deles amigos. Posiblemente no século XXI terá que xurdir outros Castelaos ou outras Rosalías. Foi moi pragmático e ao tempo visionario, unha das súas teimas no tema da lingua era as moitísimas posibilidades que esta tería no mundo da lusofonía. Os seus pensamentos teñen moito de actualidade.
E esa filosofía está no seu “Alba de Gloria” que recuperaron este ano co gallo do Día de Galicia.
Pois si. Foi un proxecto que xurde en paralelo ao podcast. É unha encomenda da Universidade de Santiago, da Cátedra Castelao. Posiblemente é o discurso máis brillante escrito nunca en lingua galega, pero é complicado. Foi un reto que quería facer dende hai moitos anos. Cando estaba comezando na radio, das primeiras cousas que fixen foi ler en antena “Alba de Gloria”, de Castelao. Quedou moi digno, potente, poderoso, grazas á axuda de Moises Quintas. Mesturamos a miña voz ca súa música e con efectos sonoros nos que escoitamos os pasos da Santa Compaña, os mortiños e as pantasmas que veñen visitarnos. Ese poder evocador da palabra que ten Castelao atópase nese discurso que realmente é un epitafio.
Onde se pode escoitar?
Na página web da Universidade de Santiago, no Cátedra Castelao, o discurso Alba de Gloria. Conta cunha introdución de Henrique Monteagudo. É un canto, bebendo, enchoupándose da memoria, pero tamén un canto polo país. Penso que a memoria é necesaria, sempre o canto nos sirva para proxectar e para traballar para o futuro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar