Antonio Giráldez: “Estamos convencidos de que Vigo ten historia e de que algo pintamos nós nesa historia”
Vicepresidente do Instituto de Estudios Vigueses, organismo que celebra hoxe os 35 anos de traxectoria
O Instituto de Estudios Vigueses (IEV) cumpre 35 anos de traxectoria e hoxe celébrano ás 19:30 horas no Marco. O seu vicepresidente e membro fundador, Antonio Giráldez Lomba (Vigo, 1963) visitou Atlántico TV para falar da laboura realizada dende o organismo, integrado na Confederación Española de Centros de Estudios Locais e pertencente ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).
O Instituto de Estudios Vigueses rematou co mito de que esta cidade non ten historia?
Efectivamente. Estamos convencidos de que Vigo si ten historia e tamén que algo pintamos nós nesa historia, polo menos na parte de investigación e divulgación. Pasados estes 35 anos é difícil que os vigueses non saiban de nós, do que facemos. A proba é que hai libros que se esgotaron e houbo que reimprimilos.
Tras 35 anos, é difícil imaxinar un Vigo sen o Instituto.
Iso é bo. Significa que por unha parte hai unha demanda e iso aumenta a nosa esixencia para dar o mellor de nós mesmos; e por outra, que o coñecemento da propia historia a través de nós tamén chega á ciudadanía. Coñecernos significa tamén coñecer as cousas que facemos. E incluso cando convocamos actos, a parte boa é que lles interesa á xente e a parte mala é que quedan persoas fóra.
Vostede foi un dos dezanove membros fundadores. Que lles levou a dar o paso?
A min gústame pensar que hai unha historia a partir do 13 de maio de 1991 que comeza cando botamos a andar, pero tamén hai unha prehistoria. E hai que recoñecer aos compañeros que empurraron para que o instituto nacera. Iniciouse en 1978 co primeiro empuxón de Andrés Martínez Morás. Era o presidente do Colexio de titulados mercantís. Expresoulles aos alcaldes García Piché e a Emma González Bermello a necesidade de que Vigo tamén contara cun Instituto de Estudios Locais. Cinco anos máis tarde, en 1983, Gerardo González Martín deu outro empurrón dende un artigo na prensa. Tres anos despois, o director do Arquivo Municipal de Vigo e cronista da cidade, Lalo Vázquez Gil, apúntalle ao alcalde que habería que facer algo para que o instituto nacera. Xurdimos con ese alcalde, Manuel Soto, e coa concelleira de Cultura, María Xosé Porteiro.
Cal é a función do IEV?
Penso que a función é, como casi indica o nome, estudiar en distintas áreas de coñecemento de Vigo, dende a economía ao dereito, á arqueología, á historia, ao patrimonio ou ás artes plásticas, pero amais ten que divulgar. É unha dobre función. Para iso temos unha revista anual, “Glaucopis”, que existe desde 1995. Coa súa edición pechamos o ciclo das actividades e as publicacións de cada ano. O IEV é o Instituto de Estudios Local dunha cidade que non é capital de provincia que máis libros publica cada ano.
Moitos dos artigos que aparecen en “Glaucopis” abren a porta para unha investigación máis somera.
Os artigos son asinados por investigadores, por xente interesada no coñecemento. Moitos acaban sendo autores de libros de máis ampla extensión. Xunto aos libros e aos artigos, dende 2018 temos o fórum. É un formato diferente que tamén serve para espallar o coñecemento. Tamén organizamos conferencias, mesas redondas, paseos guiados, e comezamos a tempada cun concerto. Aí temos a Alejo Amoedo, que amais de ser membro do Instituto de Estudios Vigueses, é catedrático de Música, membro do Consello da Cultura Galega e un excelente pianista, acompáñao a mezzosoprano Nuria Lorenzo. Tódolos anos enchemos de música a biblioteca da Escola de Artes e Oficios. Este ano cambiamos o paseo en barco pola Ría por un percorrido por terra con dous autobuses. Tiñamos 55 prazas en cada coche e quedou moita xente sen poder subir.
No Instituto hai membros e colaboradores. Como traballan?
Non somos unha sociedade con socios que pagan unha cuota, senón membros que traballan nas distintas seccións ou ámbitos de coñecemento. A partir do orzamento que nos dá o Concello, aproveitámolo para as publicacións e as actividades. Colaboramos con outras institucións para poder chegar máis lonxe.
Nestes 35 anos houbo tempo para grandes desafíos. Cales destacaría?
Os momentos menos alegres sempre son cando desaparece algún membro. É unha das partes menos agradables que ten ser membro do Instituto, ver como outros deixan de estar contigo. A súa pegada queda en forma de libros, en forma do traballo que fixeron na nosa sede, e cada un deles forma parte do ADN do Instituto. Eso é a parte máis negativa, pero hai moitas cousas positivas que fixemos e outras que estamos a facer ou que faremos. Por exemplo, lembro a colaboración co Mercantil nos premios da Reconquista en relatos que facían os escolares, nós formabamos o xurado e propio Mercantil dotábao económicamente. O curioso é que a finais de maio, na mesma sede, agora da Fundación Celta, estabamos a facer un coloquio das orixes do deporte en Vigo, con varios membros dando á súa visión.
É chegar a tódolos ámbitos da cidade, non é?
Ten que ser así e colaborando con distintas institucións.Temos un fermoso proxecto que naceu este mesmo ano, “Tendendo pontes”. Buscamos traballar en cooperación con outras asociacións que tamén traballan pola cultura. En setembro abordamos o tema do mar, traballado directamente coa Autoridade Portuaria. Coa música, co deporte, cos empresarios, queremos traballar con distintas sedes e institucións. Cada vez faremos máis.
O IEV ten a sede en Cánovas del Castillo, pero houbo que andar moito.
Fomos dunha sede a outra. Comezamos nun acto en 1991 na Casa das Artes, alí se pensou que íamos a estar alí, pero ao pouco cambiamos para a Universidade Popular (Artes e Oficios). De seguido, como formabamos parte da Fundación Provigo, acabamos compartindo o local que tiña na plaza de Compostela, a Biblioteca de Jaime Solá. Alí estivemos un tempo, ata que no 2002 fomos ao Edificio Asefal compartindo con outras asociacións o seu uso, ata que como esas mesmas asociacións deixamos de estar alí no ano 2010. Entón tivemos unha especie de peregrinaxe por cafeterías nas que nos reuníamos ata topar mellor ubicación. Un ano despois o Concello cédenos a antiga Escola de Hostelería en Cánovas del Castillo 2 para gardar os libros e o arquivo. Nós reuníamos no Areal, no entón Reitorado. E xa dende 2012, o Concello entendeu que os libros debían estar coas persoas e ocupamos dous andares en Cánovas del Castillo. Somos moi ambiciosos e cada vez a xente nos trae máis legados que teñen que ver coa historia de Vigo, libros, documentos, o espazo quédanos pequeno, necesitamos crecer. Pedimos colaboración ao Concello para lograr un lugar de encontro e de traballo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar