Ángel Montes, da Banda Filharmónica de Vigo: “A banda xa non é a irmá pobre da orquestra, ten outro xeito de actuar”
"Somos profesionais, pero a banda non pretende ser unha banda profesional", din un dos promotores da Banda Filharmónica de Vigo
Ángel Montes, promotor da Banda de Filharmónica de Vigo, visitou o set de Atlántico TV para falar da dobre cita desta semana. Este venres, na sede da Deputación, organiza a chala sobre a música na diáspora a cargo do director Pascual Vilaplana, que o sábado dirixirá no Centro Veciñal de San Miguel de Oia.
A Filharmónica vén de nacer e xa ten a esa segunda convocatoria. Cumpre así a filosofía coa que se presentou hai seis meses?
Si. Comezamos a traballar hai aproximadamente un ano. A nosa idea é crear unha banda cos músicos, xa que temos unha contorna con grandísimos intérpretes. É unha banda para tocar a alto nivel, con todo o respecto ás bandas populares, que fan un labor esencial. Empezamos con este proxecto un grupo de sete tolos e fraguouse na presentación ao día 14 de decembro. Funcionou moi ben e decidimos tirar para adiante con tres concertos esta temporada: o primeiro, este sábado e os outros en setembro e en novembro.
É unha banda nun territorio de moitas bandas, onde hai moita afección e vocación musical. Que espazo ocupa?
O espazo que as bandas populares non poden abarcar pola súa configuración, pola súa filosofía. As bandas populares chegan ata un nivel moi considerable, pero estamos falando dunha banda na que tódolos músicos son de moi alto nivel. Son músicos con estudios superiores, ou facendo as carreiras superiores en España ou por suposto no estranxeiro tamén. Todos os músicos son de alto nivel que poida abordar certo repertorio.
Sería como unha banda municipal?
Si, aínda que a idea non é crear unha banda municipal, non nos compete a nós, nin temos a capacidade de facelo, pero a idea é crear unha banda de nivel profesional. Evidentemente, non podemos organizar iso, porque dependería das administracións, evidentemente.
Como foi a primeira experiencia no escenario?
Participaron 76 músicos e tivo moi boa acollida e moi boas críticas. O noso padriño do bautizo foi Óscar Navarro, tamén un compositor e director de prestixio máis que contrastado.
Neste segundo concerto cambiará o director, e os músicos?
Algúns repiten, outros non repiten. Cada concerto, a banda, organiza unha plantilla para cada concerto, dependendo sobre todo do repertorio. Aínda que os instrumentos da banda adoitan ser bastante estables, cada repertorio require un corpo ou outro. Neste caso, é un pouco máis pequena, seremos entre 55 ou 60 compoñentes no escenario. Imos tocar un programa baseado en danzas.
Con que orzamento conta unha banda de alto nivel?
Somos profesionais, pero a banda non pretende ser unha banda profesional. A nosa idea é, dentro ao medio posible, ter apoio económico para sufragar os gastos da banda. E, por suposto, no día de mañá, hoxe non podemos, axudar aos músicos economicamente cos desprazamentos. Agora, tódolos músicos e a organización participan de xeito altruísta. Cosa que é de agradecer e que dá a entender as enquedanzas musicais que hai en Vigo e tamén da necesidade deste proxecto. Temos colaboracións coa Xunta de Galicia e da Deputación. Queremos involucrar a máis institucionais e colaboracións privadas. Estamos nesa loita.
Será conquistar un territorio que xa desfrutan as orquestras?
Nesa estamos. Nós vivimos nun lugar onde as bandas teñen unha importancia musical, educativa, cultural de altísimo nivel, de gran nivel. Entón, aínda que os tempos por sorte cambiaron e a filosofía tamén, a banda xa non é a irmá pobre da orquestra. Realmente non é así, a banda ten o seu repertorio e outro xeito de actuar; as orquestras teñen o seu programa, é diferente, nin mellor, nin peor. Nós estamos tentando crear o que aquí non había. Así como temos orquestra 430 ou a Orquestra Clásica ou outro tipo de agrupacións orquestrais de corda, que funcionan moi ben, non había unha banda con ese perfil, aínda que si populares. Nós tentamos cubrir ese oco.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último