Ángel Montes: “A Banda Filharmónica non sería posible sen a canteira das bandas populares”

 "A banda non aspira a ser unha banda profesional porque non dependen nós, dependen das institucións", sinala o directivo da Banda Filharmónica de Vigo

Ángel Montes: “A Banda Filharmónica non sería posible sen a canteira das bandas populares” | Atlántico

A Banda Filharmónica de Vigo ofrecerá mañá o seu sexto concerto no auditorio de San Miguel de Oia. O seu directivo Ángel Montes visitou o set de Atlántico TV para falar desta proposta musical.

En terra de bandas de música, nace a Filharmónica con obxectivo de ser referencia?

Iso tentamos. Esa era a idea. Nacemos a finais de 2014 e noso primeiro concerto foi en decembro. En toda a bisbarra hai moitísimas bandas populares de moi bo nivel, pero faltaba ese espazo dunha banda cun repertorio máis avanzado, adaptado a eses músicos de alto nivel que temos aquí na contorna. Xuntámonos sete compañeiros, sete amigos para poñer en marcha esta tolemia. E aquí estamos.

Xurde pois cunha vocación profesional?

Si. A formación varía segundo as necesidades de cada repertorio. Neste concerto son entre 60 e 65 músicos que van estar no escenario, todos moi profesionais. A banda non aspira a ser unha banda profesional porque non dependen nós, dependen das institucións. Pero funciona a un nivel moi alto.

En cada concerto contan con convidados especiais. Quen son os elixidos nesta ocasión?

Sempre hai un director convidado, en algúns tamén un solista convidado. Mañá temos a inmensísima sorte de contar con dous nomes propios da música non só en Galicia, senón en Europa. O mestre que vai dirixir é Salvador Brotóns, compositor, foi director titular da banda municipal de Barcelona. A súa obra prográmase en todo o mundo e é un grandísimo referente da música en España. Como solista temos Sergio Carolino, tubista portugués, no concerto para tuba de banda do propio Salvador Brotóns. É outro referente a nivel mundial. Vai ser todo un espectáculo.

É unha cita musical de primeira orde que se organiza en San Miguel de Oia, no rural vigués. Non é unha aposta un pouco arriscada?

Non, de feito, as bandas de música de Vigo son bandas do rural. Temos nove bandas e todas son do extrarradio, non hai bandas no centro de Vigo, pola razón que sea. Por cuestións culturais, por cuestións de infraestruturas, non sei, o caso é que é así. A banda de música de Oia ábrenos as súas portas, préstanos material e o auditorio. Estamos encantados de ter o noso recunchiño alí para facer o nosos eventos.

E esas bandas teñen as súas propias escolas. É importante na formación de canteira?

Agora mesmo non teño o dato, pero non sei se haberá en todo o Estado algún outro concello que conte con nove bandas de música. Cada unha conta coa súa propia escola de música, polo tanto non soamente fan un labor cultural e social importantísimo, senón que ademais cumpren cun labor formativo, educativo esencial. De feito, a Banda Filharmónica de Vigo non sería posible sen esa canteira das bandas populares de Vigo. Nós simplemente queremos subir un chanzo máis. As bandas populares teñen un nivel extraordinario, nelas conviven músicos de moita formación con outros amateur, e nós queremos dar oportunidade aos que teñen esa categoría profesional cun repertorio acorde ao demandante e motivante.

Por que as bandas parecen denostadas en comparación coas orquestras?

Durante moitísimos anos víuse a banda como a irmá menor, a irmá pobre das orquestras, cando realmente non é así. Son agrupacións distintas, é como comparar unha guitarra cun piano. Hai un repertorio orixinal para a banda e outra para orquestra. Durante moito tempo as bandas usaron o repertorio da orquestra. Foi un xeito de acercar a música clásica.

Que público move?

De todo, quizais pensamos que o público das bandas é un público máis clásico, pero temos público mozo e incluso rapaciños que veñen cos pais ou cos avós a ver o concerto.

Entón, a cita é mañá ás 19 horas. Quedan entradas?

Aínda quedan, pódense conseguir en Ópera Prima. Desta vez son a taquilla inversa, non teñen un prezo concreto. Consiste en que cada un achega segundo o que lle parece do concerto.

Contenido patrocinado

stats