Ana Viéitez: “Sentínme moi cómoda escribindo novela negra, é o que me nace”

“Os personaxes teñen a súa voz, dá igual o que se planifique, eles mandan”, sinala a escritora debutante, autora de “Pacto de silencio”

Ana Viéitez: “Sentínme moi cómoda escribindo novela negra, é o que me nace” | Gonzalo Pamies

Ana Viéitez (Arbo, 1998) visitou o set de Atlántico TV para falar do seu debut na literatura con “Pacto de silencio” (Xerais). Graduada en Criminoloxía, declárase apaixonada dos thrillers e da natureza, ambos temas atópanse na súa novela.

Por que escolleu a novela negra como carta de presentación?

A verdade é que dende pequena sempre me gustou ler, dende novelas de misterio, ata calquera onde houbera unha investigación, aí ía eu. É un xénero que comencei a explorar escribindo y sentinme moi cómoda, gustoume moitísimo escribilo, goceino porque é o que me nace.

De feito ten estudos de criminoloxía, poderíamos dicir que hai un chisco de deformación profesional?

Non ten tanto que ver como me gustaría, pero si un pouco. A carreira vén por ese gusto por entender as condutas sociais e criminais, unha rama de criminoloxía adícase a iso. Logo dáme un pouco por fantasiar e facer que os personaxes teñan os seus problemas no presente, pero tamén que arrastren outros do pasado. Xogo un pouco con mesturar o ficticio e o real.

Na novela conviven dous asasinatos separados polo tempo que logran fiar unha trama chea de imprevistos.

Correcto. Hai un pasado, oito anos atrás, que ocorre entre un grupo de amigos y cando todo parece resolto e medio esquecido volve saír á luz e remexer nese pasado, porque todo ten unha relación.

Aposta por unha linguaxe clara fronte ao tecnicismo que moitas veces caracteriza a este xénero.

Tampouco me quixen meter moito na linguaxe profesional porque, como digo, é unha novela de ficción, para desfrutar. Tampouco é un ensaio. Entón usei unha escritura máis áxil, que me permitise ser máis sincera, que atrape a atención. Quería más que ensinar, enganchar.

Unha das peculiaridades de “Pacto de silencio” é que combina o mundo rural co ambiente urbano galego. É un contraste ou un equilibrio?

Como é unha novela coral que está narrada a varias voces, temos a Sofía, que está metida nesa aldea e por outra banda, están Irene e Iago, que son os xornalistas que están aquí, traballan dende Vigo. Mesturei ambos mundos un pouco, a min gústame tirar dende esta cidade cara ao o mundo rural.

Despois da túa primeira experiencia publicando. Atópase con ganas de continuar?

Si, completamente. Estou feliz, ilusionada por esta actividade. Polo camiño descubrín xente marabillosa, que me abriu un pouquiño este camiño, que é fascinante. Foi unha experiencia única.

Pensa seguir por esta liña, onde o deixou nesta novela?

Pois si que o teño pensado. Son personaxes que a min me calaron tamén moi fondo, collinlles moito cariño, e eles, en certa maneira, teñen a súa voz, dá igual o que se planifique, eles mandan. Non os quería deixar neste punto, estou pensando en darlles outro caso.

Son personaxes poliédricos con moitas caras que descubrir.

Gustaríame pensar que o son. Poden ser como un amigo o calquera persoa que nos atopemos na vida cotiá, cos seus brancos e cos seus grises.

Contenido patrocinado

stats