An Alfaya: “Encántame recibir comentarios sobre a miña obra, os negativos danme moita forza”

Escritora, gañadora do Premio Laxeiro 2026

An Alfaya: “Encántame recibir comentarios sobre a miña obra, os negativos danme moita forza”

An Alfaya (Vigo, 1964) é escritora e recorda selo dende pequena. “A literatura sempre me serviu de vía de escape”, recorda durante a entrevista con Atlántico. A súa traxectoria, con 33 libros, a meirande parte de literatura infantil e xuvenil, e 20 galardóns pola súa tarefa literaria, ven respaldada polo Premio Laxeiro 2026.

Como recibiu a nova do Premio Laxeiro?

Con sorpresa, nunca sabes cal é a razón pola que outras persoas, que ti ademais non coñeces, deciden optar, escoller, poñer o teu nome nunha lista e que logo deciden que sexas ti a persoa que vai representar e poñer a cara para dar voz a Laxeiro. As sorpresas poden ser bonitas, agradables, desagradables… Neste caso, lóxicamente, foi unha agradable sorpresa e moi contenta por formar parte da listaxe de todas as persoas, tan importantes, que forman parte dela.

Na entrega do premio fixo unha reflexión moi fermosa, sobre as Humanidades como táboa de salvación…

Forma parte da miña traxectoria personal. As persoas que escribimos, creo eu, ou que nos dedicamos a actividades creativas, estamos cheas de eivas. Case todo mundo o está, pero a actividade creativa nos serve para liberar tensións que non hai outro modo de sacar. No meu caso, a literatura sempre me serviu como vía de escape de problemas internos e externos, de sentirme fóra do foco. Xa me ven dende a infancia, dende que eu era nena ou no instituto. Creo que é unha forma de dicir precisamente que, coa literatura e artes en xeral, é unha forma de estar e de contar, de sentir de forma especial e de que paga pena estar aquí e vivir.

É esaxerado decir que a literatura é a última esperanza?

Hai máis esperanzas, evidentemente. A esperanza sempre é a infancia, as nosas nenas, nenos e nenes. A esperanza sempre é poñer o foco no real, unha mirada con expectativa de que as xeracións novas o farán mellor do que o fixemos nós e que do fixeron nosos pais, avós…

Xa que fala de infancia, porque decidiu escribir para a rapazada?

Síntome cómoda. Non sei se eu escollín a literatura infantil e xuvenil ou me escolleu ela a min. Eu sei que empecei cando era unha cativa, xa escribía no cole. Lembro esa sensación de estar na escola, no patio, sentíndome ‘rarita’, diferente. Gustaba de ler un poema, de escribilos cando ainda non sabía moi ben que era iso. Logo che daba moita vergoña amosar estes sentimentos teus que non sabías moi ben que era, pero que che servía de liberación. Esto foi un fío condutor toda a miña vida.

Sempre presente esa pulsión por autoconstruirnos paseniño…

A vida é unha continua aprendizaxe, eu por suposto estou aprendendo continuamente, aínda agora. Cando vou aos centros escolares, aos institutos, encántame recibir os comentarios e máis os negativos, porque os comentarios negativos a mi dánme moita forza. Non para defenderme, senón para comprender a gran distancia que hai entre o que escribimos os adultos e o que lle interesa ós rapaces e ás rapazas actualmente. As historias que eu escribo, en xeral, non lle interesan a adolescencia. Eu sou consciente, porque están moi mediatizados por aventuras non emocionais. A maior parte dos meus libros tratan o interior e logo construo historias. Pero vou máis a como senten as personaxes que como se comportan. E quizáis os rapaces e as rapazas buscan historias moi vinculadas ao tecnolóxico, ás redes sociais, vinculadas ao mundo no que naceron e coñecen. Ainda así, non renego de escribir historias que avalan por como te sentes, como conduces a túa vida, cales son as túas relacións co mundo, cos teus pais, co entorno, coa escola. E como penso que tamén caben historias deste tipo, eu sigo facendo o que sei facer, que é escribir.

Aínda que non sexa o que lles interese, a rapazada ten sentimentos e emocións. Debe haber quen lles fale diso…

Sí, o que pretendo decir, é que ás veces, sobre todo cando recibes algún mail, algunha carta dalgún adolescente. Xustamente dunha clase de 30 óo mellor tres leron un libro. Para min xa vale. Ó mellor a xente di, “así non vendes”. Claro que non vendo, e non me importa. Chegou a tres, pero deses, quizáis recibo unha carta ou unha mensaxe. O contido desa carta, desa mensaxe, a min xa me vale. Porque sí que recibin algunha que é absolutamente estremecedora, cando teñen acoso escolar, problemas na casa, cando están recibindo violencia… Polo tanto, o feito de meterte na pel destes personaxes, para min é, as veces, incluso doloroso, pero é unha especie de dolor bonito.

Contenido patrocinado

stats