Álex Mene: “Esta novela é un ‘pastiche’, unha especie de “Pulp Fiction” rural”
"Como novelista, ao ser un traballo individual, fágoo sen problema. Pero como profesor, cada vez é máis complicado facer proxectos comúns", explica o escritor Álex Mene
Profesor no IES Valadares, o escritor Álex Mene presenta estes días o seu noveno libro, “Reserva natural”.
Como nace este libro, "Reserva natural"?
O libro nace a partir dunha historia de cría de animais. Dende aí artello toda unha historia para crear unha novela que se sitúa nesa difusa fronteira entre a realidade e a ficción, un pouco como cotidianamente vivimos situacións que están nesa fronteira, non só entre realidade e ficción, senón tamén entre a locura e a cordura. Como cando ás veces non sabes se algo está ocorrendo de verdade ou non.
O libro fala dunha relación entre dúas persoas. Son feitos reais ou ficticios?
É todo ficticio, o que pasa é que en toda ficción o escritor nútrese de datos reais. Para escribir a novela investiguei un pouco sobre xente que cría animais, que neste caso son cans. Interesábame un pouco que fosen cans, primeiro porque son máis accesibles, e logo porque a novela tiña ese elemento canino, salvaxe: os cans ladrando todo o tempo, unha banda sonora que crea unha inquedanza constante.
Cal foi o que máis difícil lle resultou á hora de escribir esta novela?
A verdade é que nada me custou moito. Foi fluíndo con bastante comodidade. É a historia dunha relación, dun home e unha muller, que van á casa duns amigos del que forman parte do seu pasado e cando chega alí ela decátase que nese pasado ocorreron cousas moi importantes que aínda están condicionando o presente e o futuro e ela vese de súpeto no medio de algo que non sabía e ten que comezar a discernir a mentira da verdade.
É unha novela para adultos ou cun público máis xuvenil?
Para adultos, definitivamente. É unha relación a catro de adultos na que si que hai escenas propias das novelas de adultos: relacións amorosas e sexuais con ese compoñente dos cans e todo ese universo máis propios das novelas de terror e suspense.
É unha mestura de xéneros entón.
Si. É totalmente un 'pastiche', case unha "Pulp Fiction" rural e unha novela Serie B.
Ten xa unha dilatada carreira como escritor.
Si, é a miña novena novela que firmei individualmente e teño outras tres ou catro escritas de forma colectiva. E xusto esta foi unha das dez novelas que no ano 2023 foron finalistas do premio Gonzalo Torrente Ballester.
É "Reserva natural" moi diferente ás súas publicacións previas?
Cada novela é moi diferente, é un universio propio. Evidentemente o lector atopará puntos en común do universo que forma parte de min como escritor, pero non ten nada que ver. Cada novela para min é un proxecto diferente e unha historia distinta.
No seu traballo como profesor traballa con rapaces de instituto facendo historias no medio audiovisual. Canto diso acaba permeando no Álex Mene novelista?
Non podería dicilo exactamente, pero imaxino que se produce unha especie de capilarización e de permeabilidade constante dun lado cara a outro. A modo de reflexión, como novelista ao ser un traballo individual si que o fago sen problema; pero como profesor cada vez é máis complicado facer proxectos comúns. Non sei se é unha deriva da sociedade, pero hai anos había moito máis entusiasmo entre o alumnado e era máis doado traballar en equipo. Imaxino que a individualización que parece que nos está levando por diante a todos está un pouco detrás disto.
Xa ten algunha idea para a décima novela?
Si. En canto acabo un proxecto, xa comezo con outro. É o unico xeito de esquecer o proxecto anterior. Un escritor igual está seis meses ou un ano cunha historia que está na súa cabeza. Entón, sufres unha disociación e cando rematas é un período de dó por deixar atrás a esa xente que estivo contigo tanto tempo. Entón, a única forma de superalo é comezar a escribir outra novela.
Contenido patrocinado
También te puede interesar