A 'tiktoker' que triunfa falando en galego
DÍA DE GALICIA
Fai tempo que as redes sociais deixaron de ser unicamente lugares de consumo. Os creadores de contido son cada vez máis populares e cambiaron por completo a nosa forma de empregar estas plataformas. O mercado está practicamente monopolizado por vídeos en castelán, aínda que as contas que producen no noso idioma son pouco a pouco máis populares
Os Millenials e a Xeración Z dominan por completo as redes sociais, empregándoas dunha forma bidireccional, como usuarios e como creadores de contido. Serven para compartir as cousas que nos gustan, as que nos emocionan e incluso as que nos incomodan. Entre toda esta amalgama de canles, aplicacións e plataformas resulta case imposible destacar sobre os demais, aínda que sempre hai alguén que consegue facelo.
Este é o caso de María Rúa Rodríguez, unha ourensá de 20 anos que se está a facer un oco nas redes sociais. TikTok é a plataforma na que é máis popular, a día de hoxe conta con máis de 4.000 seguidores, tamén está presente en Twitter, Instagram e Youtube. O seu contido é moi variado, podemos atopar dende vídeos humorísticos ata tutoriais nos que explica como coidar o pelo rizo. Polo medio, tropezamos con maquillaxe mesturada con historia, fotografía artística e, botando man da súa vocación, temáticas relacionadas coa educación e os cativos.
A lingua materna de María é o galego, pero iso non debería ser o que chame a atención dos seus vídeos: "Eu quero que se me xulgue polo contido que fago, non polo idioma no que o fago. Entendo que se poña aí o foco, pero non é o punto central". A isto, @pradorua -usuario que emprega en plataformas como TikTok ou Twitter- engade unha reflexión moi importante: "Normalizar está moi ben, pero para normalizar tamén hai que ter variedade de contido, non que se centre só en reivindicar o noso idioma". As redes sociais abren un abano inmenso de posibilidades no que teñen cabida milleiros de temáticas nas que, entre outras moitas, o galego ten cabida.
As intencións desta diversidade son tan distintas como os propios vídeos, cada un ten unha finalidade diferente. "Busco que a xente reflexione sobre diferentes temas dos que ao mellor non se fala tanto, como pode ser a nenofobia ou como tratamos coa infancia. Logo hai outros máis mainstream como a política ou o idioma", conta @pradorua.
A viralidade nas redes, especialmente en TikTok, é un misterio. Non existe ningunha receita que asegure que un vídeo acade unha gran cantidade de visitas. O funcionamento desta aplicación é diferente á das demais. Créanse trends -poderiámolo traducir como 'tendencias'- marcados polos audios que os usuarios soben á plataforma. Cada creador de contido emprega o son con liberdade, adecuándoo á mensaxe que queira transmitir, pero sempre mantendo unha unidade. "Eu adapto o audio ao meu contexto. O caso é que ti con esa idea e ese concepto crees o teu propio contido", explica Prado Rúa.
María non sabe se definiría o seu traballo en redes como un éxito, pero si que está moi orgullosa do que fai. Tampouco sabe cal será a clave da súa popularidade, aínda que cre que pode residir na súa naturalidade e espontaneidade: "Intento mostrarme o máis fiel a min mesma, unha persoa que lle gustaría construír un mundo mellor, que lle gusta moito rir... O meu está moi lonxe de ser unha personaxe".
@todomal.va, a representante da cultura pop
Todo Malva é outra das caras máis coñecidas de TikTok en Galicia. Condensa nos seus vídeos a personalidade da mocidade do século XXI. Crea contido de todo tipo para os seus máis de 9.000 seguidores, dende temáticas estreitamente relacionadas coa política e a lingua ata referencias case icomprensibles para os que non pertencen á Xeración Z, como o idioma que falarían os protagonistas de Crepúsculo se viviran en Galicia. @todomal.va está presente en case todas as redes sociais, especialmente en TikTok, Twitter e Youtube.
Incluso ten pública a súa conta de Spotify, recomendando listas de reproducción para momentos moi específicos, como música en galego para imaxinar toda unha vida co teu crush ou música en galego para reflexionar sobre a relación tóxica que tiñas cun ex.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último