Soutomaior presenta un Entroido con ‘desfile silencioso’

A celebración, que comezará o 6 de febreiro e continuará ata o 18 co enterro da Sardiña, combinará baile e tradición con propostas inclusivas como un tramo sen ruído 

O alcalde Manu Lourenzo e a concelleira Rosana Comesaña, co programa do Entroido.
O alcalde Manu Lourenzo e a concelleira Rosana Comesaña, co programa do Entroido. | Atlántico

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Comercio e Hostalería, Rosana Comesaña, presentaron esta mañá o Entroido de Soutomaior. Un Entroido que chega pisando forte co seu desfile de comparsas que se celebrará o sábado 7 de febreiro.

Esta cita comezará ás 17:30h con saída dende o cruce do Viso. O primeiro tramo do desfile será o “tramo silencioso” para que todas as persoas poidan desfrutar en igualdade de condicións desta cita tan agardada, que irá dende o cruce do Viso ata o cruce de Cima de Vila.

Estará encabezado polo pregoerio, que será un ano máis, “Juan de Arcade”, un home popular e coñecido no concello, e chegará a Talo Río, onde a partir das 20 horas terá lugar a lectura do pregón, entrega de premios e logo seguirá a festa coa actuación do Trío Armonía.

O pregoeiro será ademais o encargado de animar as zonas comerciais do concello o venres 6 de febreiro, pola mañá en Soutomaior e pola tarde en Arcade.

A seguinte cita do Entroido será o venres 13 de febreiro, cando os pequenos do CEIP Manuel Padín Truiteiro desfilarán polas rúas de Arcade, comezando ás 10:30 horas dende o cruce de subida do colexio e finalizando na Alameda de Talo Río.

O sábado 14 de febreiro os pequenos seguirán sendo protagonistas co Entroido Infantil na Alameda de Talo Río, con inchables, obradoiros e a actuación da Peque Disco Moc MOc de Mere Clown, con música, circo, clown, máquina de fume, pompas de xabón, confeti, malabares con lume e moito humor.

O domingo 15 de febreiro, toda a actividade estará centrada na Praza do Val Sobral, onde terá lugar a Festa do Galo, o Encontro de Entroidos e a Fiada.

Para rematar o Entroido, o concello de Soutomaior recupera o enterro da sardiña, que se celebrará o 18 de febreiro, mércores de cinza, saíndo ás 19:30 horas da Praza de Cima de Vila. O percorrido pasará pola rúa Xosé Solla e finalizará en Cagazó, no campo da petanca, onde se despedirá á sardiña. Neste evento colaborarán a Banda de Música Artística de Arcade, a Asociación da Xesteira, a Asociación Moreira a Tope e a Asociación Cultural Miúdos.

Contenido patrocinado

stats