Venancio e María, o berce do emporio
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Os nomes de pía sós non lle din nada a ninguén, pero se lles engadimos os apelidos, Vázquez e Raña, a cousa muda de contado, xa que no seu casal de Barroso foi onde xermolou a saga dos magnates de Avión, con Mario e Olegario á fronte
Se un procura información na rede sobre a familia Vázquez Raña de Avión, a nada que escriba en Google os dous apelidos enfrontarase de súpeto cun atracón de entradas que superan as duascentas mil.
É certo que a maioría son reportaxes e entrevistas a Mario e Olegario, os máis coñecidos da saga, que outras son dossieres novas ou documentais corporativos da multitude de empresas que os Vazquez Raña e os seus descendentes xestionan desde México D.F., pero se nos queremos achegar á parte máis íntima ou familiar e mesmo ás orixes migratorias da mesma, o que transcende é unha información someira que se repite mimeticamente en tódalas entradas, a xeito de limiar.
Boa mostra é un estudo elaborado no marco da Universidade Autónoma Metropolitana por Jaime García Mendoza, no que se le que no ano 1928 Venancio Vázquez -o pai- sae de Avión coa súa dona María Raña Antas para trasladárense a Venezuela, onde residiron varios meses ata que decidiron viaxar a México, lugar “en donde tuvieron sus cuatro primeros hijos, Aurelio, Sara, Apolinar y Mario”.
Catro fillos que naqueles primeiros anos nos que Venancio se dedicaba ó único negocio que podían exercer os inmigrantes chegados ó país -o de vendedor ambulante polas rúas da cidade- resultaban unha carga económica insoportable “por lo que la madre y la ralea regresaron a Galicia”, volvendo a México pouco tempo despois, onde habían nacer Olegario e Abel e así completar o clan, co seu pai xa instalado nun localiño dunha barriada humilde da gran cidade, que resultou ser o xermolo dunha moblería de venta a crédito, que entre todos converterían nunha cadea de moblerías que chegarían a ter 70 mil metros cadrados, 1.500 empregados e que, convertida en 1970 na firma “Hermanos Vázquez”, constituíu a orixe dos coñecidos emporios económicos que finalmente lograrían levantar, sobre todo Mario e Olegario, cada quen por un camiño diferente.
Estes datos, que todo o mundo dá por bos e que eu non vou poñer en dúbida, contrastan, sen embargo, coa información que custodia o Arquivo de Movementos Migratorios Iberoamericanos (que pode ser libremente consultado no portal de arquivos españois “Pares”) no cal se conservan as tarxetas de identificación de emigración de case toda a familia Vázquez Raña.
Son as fichas de Venancio, María, Aurelio, Apolinar e Mario, que ofrecen datos sobre datas e circunstancias que arrodean a entrada de todos eles no país azteca.
Segundo estes documentos, Venancio aterra no aeroporto mexicano, procedente da Habana, o 13 de xaneiro de 1947 coa condición de “asilado político por un año”, declarando ter nacido en Barroso (Avión), de relixión “libre” e advertido -ironías do destino- de que “no podrá dedicarse a ningunha actividad remunerada o lucrativa”.
Procedente tamén da Habana, pero polo porto de Veracruz, entraría, o 28 de xullo de 1949, María Raña Antas, orixinaria así mesmo de Barroso, afirmando non profesar ningunha relixión e declarando que dependerá economicamente do seu home Venancio.
Mario e Olegario, as cabezas visibles dunha saga que puxo a Avión no mapa do mundo
Co mesmo carácter de “asilado político” que o pai e só medio ano despois del, procedente de Nova York, chegaría o primoxénito Aurelio, tamén sen relixión confesada e coa referencia domiciliaria de Venancio.
O seguinte en ser rexistrado polos servizos de migración mexicanos sería Apolinar. Neste caso faríao un ano despois de Aurelio e case un ano antes da súa nai, o 3 de outubro de 1948, e procedente de Lisboa.
O último dos irmáns que aparece no rexistro de migración é Mario, quen ó igual cá nai, faríao dende a Habana -tan só unha semana despois da chegada de María- o 4 de agosto de 1949, nacido tamén en Barroso e, con só 17 anos, declarando, así mesmo, non profesar “ninguna” relixión e abonando os 103 dólares ós que ascendía naquel momento o imposto migratorio.
Á vista desta documentación xorden varias incógnitas, como a ausencia de Sara (1928), así como o feito contraditorio que supón que as entradas oficiais no país fosen rexistradas entre 1947 e 1949 cando Olegario e Abel -nacidos en 1935 e en 1940- aparecen en tódalas informacións como nacidos en México.
Incógnitas que poderían ter unha explicación nun proceso administrativo destinado á regulación da situación da familia no país, ó fío das leis de asilo de Lázaro Cárdenas, o que lles permitiría acceder co tempo e en igualdade de condicións cós naturais do país, a infinidade de negocios ós que, sobre todo Mario e Olegario, foron accedendo a partir de mediados dos anos 70, cando Mario abandona a dirección da cadea de mobles Hermanos Vázquez e se lanza ó mercado dos medios de comunicación, á representación olímpica do país e a conseguir un emporio económico que incluso sería superado polo seu irmán Olegario, catro veces competidor olímpico de tiro por ese país e promotor de negocios no sector da sanidade privada, as finanzas, os hoteis e os medios de comunicación. Emporios que lle permitiron o luxo a Olegario de perder e recuperar un investimento de 1.700 millóns de dólares nun día e que hoxe superan con creces os 100 mil empregados. Emporios que tamén acabaron xerando friccións entre os dous, ata o punto de que nun restaurante no que estaba Olegario cuns amigos, chegou Mario con outros e cando un deles acudiu a saudar a Olegario, Mario mandou retirar o prato porque “ese señor ya no se sienta con nosotros a la mesa”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Fútbol | Primera división
Vallecas abre por su bien
OBRA DEL ESTADIO
Balaídos elevará el segundo tramo de la cubierta de Gol
MERCADO DE FICHAJES
El Fortuna cierra los fichajes de Hugo Cuenca y Alexis Olmedo