“Que luar na lubre leve máis de 30 anos facendo música é case un milagre”

Bieito Romero Líder e membro fundador de Luar na Lubre

CANDELA F. ROLDÁN

Publicado: 29 abr 2022 - 23:26

Bieito Romero, o líder de Luar na Lubre.
Bieito Romero, o líder de Luar na Lubre.

A lenda conta que o Vákner foi unha besta maligna coa que se atopou un obispo armenio no século XV na súa peregrinación ao pasar por Dumbría, na Costa da Morte. Seis séculos máis tarde, Luar na Lubre rinde homenaxe a esta criatura de orixe mitolóxico na primeira edición do Festival Vákner, un encontro que terá lugar o 28 de maio no concello de Dumbría. Víctor Manuel, Ismael Serrano e a artista local Alexandra Suárez uniranse a Luar na Lubre para poñer banda sonora á historia da comarca. O líder do grupo galego, Bieito Romero, con máis de 2.000 actuacións en 35 países do mundo ás súas costas, asegura que este concerto será “un dos máis especiais” para eles pola súa relación persoal con este territorio e pola vinculación co seu último disco, ”Vieiras e vieiros: Historias de peregrinos”, no que adican unha canción á figura do Vákner. “É a primeira vez que tocaremos aquí e é un auténtico privilexio para nós”, declara o gaiteiro.

Cal é a vinculación de Luar na Lubre coa Costa da Morte?

Cada un de nós ten unha relación afectiva moi próxima coa comarca dende hai moitos anos. Algúns membros do grupo viven na propia Costa da Morte e, eu mesmo, resido ás portas da comarca, concretamente en Arteixo. Son un amante absoluto desta terra pola súa historia e por todo o que significa para min dende que teño uso de razón. Ademais, nos nosos discos sempre hai referencias a esta comarca, xa sexa a través das letras, das imaxes ou de calquera outro elemento das nosas composicións musicais. Non o podemos evitar.

Que esperan deste encontro en Dumbría con Víctor Manuel e Ismael Serrano?

É un privilexio poder compartir escenario con artistas coma eles. Xa actuamos anteriormente con ambos e para nós son amigos máis que compañeiros. É moi fácil traballar con eles porque son moi bos profesionais cos que temos una irmandade musical e afectiva que fai que os concertos flúan por si sós. Para min é moi emotivo poder tocar por primeira vez en Dumbría porque é unha terra á que lle teño moito cariño e á que lle debo moito. Penso que vai ser un concerto memorable nun lugar fantástico.

No seu último disco adican unha canción enteira á figura do Vákner. A que se debe isto?

Ao facer unha criba de material para o állbum, esta historia foi unha das que máis nos fascinou a todos. O Vákner foi a besta, non se sabe con certeza se foi un lobishome ou un dragón, coa que se atopou un obispo armenio no século XV en Dumbría, e que desde entón deambula polos montes de alí. Hai uns anos fíxose un congreso sobre esta figura en Dumbría e determinouse que podería ser un lobishome de gran dimensión. Decidimos facer unha música que puidese acompañar a viaxe deste peregrino armenio, e a de calquera outro. A xente alucina con estas historias, pero non só en Galicia. Cando actuamos en cidades como Granada ou Valencia, a xente interésase moito pola nosa historia a través das letras das cancións.

Por que centraron a temática de “Vieiras e vieiros: Historia de peregrinos” no Camiño de Santiago?

Non é un disco sobre o Camiño en si mesmo, senón para os peregrinos, que son os que fan os camiños, xa que son os portadores das vieiras que chegan a Compostela e que continúan coa tradición ancestral noutras rutas, como Muxía e Fisterra. A nosa música sempre estivo impregnada do Camiño. Neste caso, decidimos crear un disco dobre. Por una banda reflictimos 14 cancións que contan algunhas das lendas e historias das rutas e, por outra parte, fixemos una recolección de sons. Fixémolo pola insistencia, porque moitos peregrinos acudiron a nós e, ao contarnos as súas experiencias, dixéronnos que a nosa música está en practicamente en todas as pousadas e as tendas do Camiño. Levan dicíndonos isto dende os anos 90, así que xa era hora.

Fixo algunha das rutas do Camiño de Santiago?

A verdade é que non, pero nunca é tarde. Aínda son novo e estou fisicamente ben, así que espero ter tempo e facelo nalgún momento. Gustaríame ir a Santiago e despois ata Fisterra e Muxía, polo agarimo que lle teño a esa terra, e para poder camiñar polas terras onde tiveron lugar todas as lendas que coñezo a día de hoxe.

Que podemos atopar neste álbum que non houbese nos anteriores?

Unha das particularidades é que gravamos sons directamente recollidos das rutas por onde pasa o Camiño de Santiago francés e misturamos todo isto coa nosa música. Luar na Lubre e a natureza dan lugar a un disco que se topou con varias pedras no camiño, como foron o confinamento e a pandemia de covid-19. Pero, a pesar de todo, logramos saír adiante.

Despois de 36 anos facendo música, de onde veñen “as musas” á hora de crear novos discos?

Somos un grupo moi prolífico, e, se lanzamos un disco cada dous anos é porque hai ideas e hai inspiración que vén de lugares como a natureza que nos rodea e do patrimonio material e inmaterial que temos en Galicia, que non é pouco. Hai tantos recursos que é imposible quedar en branco. Nós inspirámonos de moitas fontes. Investigamos e recollemos novas historias. O común de todos os discos é Galicia, que funciona de eixe central da nosa música.

Como ve o panorama musical galego actual?

A música xa non é o que era. Xa non hai practicamente tendas de música, a maior parte son de segunda man. A industria e a forma de consumir música cambiou completamente nos últimos 20 anos e, a subsistencia neste mundo, é cada vez máis complexa. E isto é paradóxico, porque xustamente estamos no momento de maior proliferación de música galega, pero non acaba de poder profesionalizarse porque non hai unha fonte de entrada económica para que os grupos poidan subsistir. Que nós levemos máis de 30 anos no mundo da música é case un milagre.

A que cre que se debe?

Non perdemos a ilusión e a esencia que nos caracteriza. Penso que fixemos un traballo coherente ao longo dos anos. Unha persoa que escoita a Luar na Lubre pode recoñecernos en todo momento, xa sexa nun disco de fai dez anos ou agora.

Teñen algún outro proxecto entre mans?

Algo estamos barallando, pero aínda non podemos adiantar nada. De calquera forma, a finais de ano estaremos xa no estudo para publicar o noso álbum número 20. O único que podo dicir polo de agora é que ao ser un número tan redondo tratarase de algo especial.

Contenido patrocinado

stats