A morte de 'Superpiñeiro' conmociona Galicia e revoluciona as redes

O funeral terá lugar esta tarde no tanatorio de Allariz, onde se achegaron amigos como Xosé Ramón Gayoso ou María do Ceo

Publicado: 22 ene 2025 - 19:43 Actualizado: 23 ene 2025 - 18:12
Gayoso llega al tanatorio de Allariz para despedir a Xosé Manuel Piñeiro.
Gayoso llega al tanatorio de Allariz para despedir a Xosé Manuel Piñeiro. | LR

María do Ceo foi un dos rostros coñecidos que se achegaron ata Allariz para dar o derradeiro adeus a Xosé Manuel Piñeiro, “Superpiñeiro”. Visiblemente afectada, asegurou que non deixará de estar mentres haxa quen o lembre: “Eu existo como artista grazas a el, confiou en min. Foi un grande amigo e unha boa persoa”, afirmou a cantante. O seu compañeiro na Televisión de Galicia, Xosé Ramón Gayoso, tamén presentou as súas condolencias no tanatorio, onde hoxe pola tarde terá lugar o funeral.

Comunicador, presentador de programas como “Supermartes” ou “Bamboleo” e colaborador de Atlántico, comezou a súa vida laboral na docencia como licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación. Pi (como o chaman os máis íntimos) faleceu aos 67 anos onte tras loitar contra o cancro dende 2018. A súa morte conmocionou a Galicia e foi un dos temas máis comentados nas redes sociais. En 2020 a Xunta outorgoulle a Medalla Castelao pola súa contribución profesional como comunicador en televisión, radio e prensa escrita.

Naceu en Allariz en 1957, pero afincou a súa residencia en Vigo e dende aquí, Francisco Castro, escritor e músico, recoñecía atoparse devastado coa nova, “como todos os que puidemos gozar da súa bondade. Eu queríao e el queríame a min. Fomos amigos durante máis de 30 anos”.

No ámbito da música foi onde maior pegada tivo. Os vigueses Eladio Santos ou Juan Castro Piñeiro tamén amosaron o seu pesar. Santos apuntou que era un día moi triste, “era un ser queridísimo por todos”, mentres o integrante de Maldito Murphy expresaba “unha tristeza moi grande, foi sempre tan amable. Gardarei o noso paso por Bamboleo con moito agarimo”. A Banda da Loba agradeceulle “por abrirnos sempre as portas, por entrevistarnos a conciencia, por tratarnos sempre con agarimo, por poñer en valor a nosa música. Estamos tristes porque nos deixou Piñeiro, Superpiñeiro”.

Uxía afirmou sentir calafríos cando soubo do seu pasamento. “Sempre tan agarimoso, tan xeneroso e amante da nosa terra e do país veciño. Teremos moitas saudades, mais sabemos que seguirás a brillar e onde haxa unha festa, estarás entre nós”, afirmou en redes.

Tonhito de Poi, cunha imaxe dun programa seu radio, sinálao: “Aquí está, un super ser humano, apuntando ao ceo, coma sempre”.

Máis tamén na interpretación deixou un grande oco. A actriz Diana Nogueira compartiu fotografías dende o seu paso por “Supermartes” como azafata: “No ceo brillarás como unha estrela, guiando os nosos camiños dende o alto”. O director do Festival de Cans, Alfonso Pato, desvelou a súa última conversa con el, hai máis dun ano, onde falaron da enfermidade, pero tamén riron e desfrutaron de reunirse. “Era excepcional no xeito de conectar co público e a calidez coa que chegaba aos espectadores”.

O debuxante, membro de Instituto de Estudios Vigueses, Evaristo Pereira, recoñeceu que “sempre o admirei como profesional e como persoa, comprometido co noso idioma. Compartimos xantar e grandes festas, desfrutando do ben estar dos amigos”.

Pero tamén os representantes políticos quixeron unirse á homenaxe en redes, comezando polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen o denominou referente da RTVG: “O seu carisma marcou xeracións nunha carreira de éxitos. Inesquecible”. O presidente do Parlamento, Miguel Santalices cualificou a súa morte “dunha gran perda humana e profesional que deixa unha pegada inesquecible na historia da televisión galega”. Para o conselleiro de Xustiza, Diego Calvo “vaise un emblema da comunicación en Galicia”.

O Bloque Nacionalista Galego tildouno de “figura relevante da televisión e radio do país, un comprometido coa nosa lingua”, nunha mensaxe na que enviou afecto aos seres queridos e amigos.

Xente anónima e colectivos como Fálalles en Galego, Orgullo Galego, Dígocho en Galego ou Rebulir Cultural Tradicional sumáronse á homenaxe en redes dun home que demostrou deixar unha pegada fonda no seu país.

Contenido patrocinado

stats