Milagre en Irlanda

¡Buene visione!

Simone Saibene

Publicado: 18 nov 2022 - 00:09

2022111722095613078
2022111722095613078

O cineasta chileno de Gloria e La mujer fantástica, Sebastián Leilo, volve aos cines – e a partir desta semana en Netflix - con El prodigio. Adaptación ambiciosa da novela negra de Emma Donughue, é unha longametraxe ambientada no 1862 na rexión irlandesa das Midlands e protagonizada pola actriz do momento, Florence Pugh. O filme conta sobre unha enfermeira inglesa encargada de investigar, paralelamente cunha monxa, o caso dunha nena de once anos (Kila Lord Cassidy). Na época da fame negra, a rapaza deixou de comer permanecendo milagrosamente viva e en bo estado. O pobo dela quere declarala santa xa, precísao coma o maná do ceo. Así, fai o posible para acelerar as investigacións. A enfermeira, debatida entre a emoción e a razón, intentará atopar unha saída para dar un sentido a esa experiencia fóra do ordinario.

En El prodigio, igual que a súa protagonista, o espectador oscilará durante as case dúas horas do filme, na indecisión. Terá que escoller se deixarse levar cegamente por unha crenza que parece real, ou seguir pescudando na dúbida. El prodigio é unha película que, a pesar de estar ambientada no rural irlandés do século XIX, conta temas moi actuais: o fanatismo relixioso, as enfermidades como a depresión e a anorexia, o abuso a menores, e o papel da prensa sensacionalista na transmisión dos feitos. Florence Pugh interpreta o papel dunha muller non convencional, unha figura moi característica no cine de Sebastián Leilo. É unha científica que se atopa nun lugar e nun tempo case ancestral, e que busca desesperadamente unha salvación fóra da sociedade e das crenzas establecidas. Ao igual que a súa protagonista, El prodigio é unha película que intenta saltar as convencións máis tradicionais do relato para desmarcaralo. Pero, como ela, non o conseguirá ao completo. A enfermeira terá que xerar outro sistema de crenzas, outro mito, para poder salvar unha vida inocente. Mesmo fai o director. Porque despois das premisas, da posta en escena do “íncipit” - que sorprenderá a máis dun espectador - manterase nas coordinadas dun cine bastante convencional.

El prodigio non deixa de ser unha boa película, cunha atmosfera singular, magnética, envolta nunha discreta dose de angustia. Moitos dos méritos téñenos a paisaxe irlandesa xunto cos decorados minuciosos dos interiores, a música minimalista de Matthew Herbert, e sobre todo o traballo de Ari Wegner, directora de fotografía que xa demostrou un excelente tratamento gótico e frío da luz en filmes como Lady Macbeth (2016) ou El poder del perro (2021).

No final “pirandelliano”, voltamos ás premisas do “íncipit”. O director cóntanos que El prodigio é, en realidade, un conto que trata sobre a fame de contos, no seu sentido mais político. A crenza tamén é un relato. E non hai que crer todo. Nunca. Nin sequera as boas películas. Así é, se así vos parece.

Contenido patrocinado

stats