Os Bolechas viaxan da man de "Nadal en rede" ao Polo Norte
Sociedad
Os personaxes infantís máis famosos de Galicia levarán o seu espectáculo a nove localidades
Os irmáns animados máis famosos entre os cativos de Galicia, Os Bolechas, emprenden este sábado, 22 de decembro, unha nova viaxe da man do programa "Nadal en Rede", da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, na que levarán a súa actividade –que conta tamén coa colaboración de Gadis e mais da Compañía Radio-Televisión de Galicia (CRTVG)– ao Porriño, Viveiro, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo, Ourense, Muros, Ponteareas e Rianxo, ata o 7 de xaneiro.
Os coñecidos personaxes regresan ao programa de Nadal da RDL cunha proposta teatral para toda a familia a cargo dos muppets, tal como indicou onte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación da xira, á que asistiron máis de medio centenar de escolares do colexio compostelán Quiroga Palacios.
García Gómez recordoulles ás nenas e nenos que “Os Bolechas falan sempre en galego, que é a nosa lingua e por iso son un referente á hora de programar actividades infantís na nosa terra”. Acomparárono na rolda de prensa de presentación Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG; Antonio Cortés, director de Mercadotecnia de Gadis. e Teté Rocamonde, responsable de comunicación de Bolanda.
A historia deste ano transcorre, como non podía ser doutro xeito, no Nadal. Sonia quere facer un boneco de neve, pero non un calquera, quere un boneco que non se derreta. Propóñenlle facelo de algodón, para que sexa suave e branco como a neve, pero máis duradeiro. Pero Sonia quere neve de verdade e iso complica as cousas… A non ser que se faga no Polo Norte, porque alí sempre vai frío. E alá van os Bolechas, a vivir unha nova aventura con todas as nenas e nenos que os acompañen nesta xira.
Ademais do espectáculo, a xira conta cunha páxina web, www.osbolechas.gal/polonorte/, onde está dispoñible toda a información sobre a xira así como xogos e vídeos. Entre outras propostas, a web permite ver os capítulos de Nadal dos Bolechas emitidos na Televisión de Galicia. Toda a información e calendario de funcións no Portal da Lingua Galega e no enlace web www.lingua.gal/nadal-en-rede.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar