Os Bolechas achegan aos nenos a doazón de sangue

Sociedad

Unha guía amósalles a importancia que ten realizar este xesto solidario

redacción ourense

Publicado: 15 jun 2016 - 14:22

Emilio Guillín e Marisa López García, na presentación ante os nenos da nova historia dos Bolechas.
Emilio Guillín e Marisa López García, na presentación ante os nenos da nova historia dos Bolechas.

A popular familia galega de Os Bolechas son os protagonistas dunha nova historia que ten como finalidade a promoción entre os máis pequenos da importancia do xesto solidario da doazón de sangue. A unidade didáctica para estudantes de infantil e primaria titulada "Papá Bolechas doa sangue" foi presentada onte pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecicos nas instalacións do CEIP Quiroga Palacios de Santiago dentro dos actos de conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue que a Organización Mundial da Saúde (OMS) institucionalizou cada 14 de xuño.

A presentación correu a cargo da directora da Axencia, Marisa López García, acompañada polo xornalista Emilio Guillín, que foi o encargado de dar lectura á nova historia dos Bolechas. López García manifestou que esta xornada "pon en valor o xeneroso xesto da doazón de sangue" que permite que, cada día, miles de doentes poidan solucionar graves problemas de saúde. Neste sentido, amosou o seu convencemento de que "o futuro pasa pola concienciación dos máis pequenos e pequenas pero tamén pola implicación de todos os cidadáns nas campañas de doazón de sangue", polo que animou a todos a doar no transcurso dos meses de verán, un período especialmente delicado para a doazón xa que soen incrementarse as necesidades de compoñentes sanguíneos por parte dos hospitais por mor do aumento das urxencias derivadas dos accidentes de tráfico.

A pesares de que a doazón de sangue é un xesto que só é posible realizar a partires dos 18 anos de idade, é fundamental concienciar dende a infancia sobre a importancia vital deste xesto solidario, polo que dende a Consellería de Sanidade e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue impúlsanse iniciativas coma esta guía, que permite achegar este xesto solidario tanto ás nenas e nenos galegos como ás súas familias.n

Contenido patrocinado

stats