A Xunta dará 2,6 millóns aos centros educativos de Redondela
A alcaldesa insistiu na urxencia de dar resposta ás necesidades de transporte escolar dos institutos para o alumnado de Bacharelato
A Xunta levará a cabo, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, investimentos por máis de 2,6 millóns de euros en nove centros educativos de Primaria e Secundaria do Concello de Redondela.
A Dirección Territorial de Educación mantivo este onte unha reunión en Pontevedra coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Valles. A xuntanza contou cun clima de bo diálogo e disposición para informar das obras previstas nas infraestruturas situadas no municipio redondelán, algunhas das cales xa están en marcha.
As obras previstas son a reformas no EEI A Marisma por importe de 67.853 euros (fontanería, falsos teitos e luminarias), no CEIP Laredo por valor de 36.000 euros (luminarias), no CEIP Quintela por 48.000 euros (aseos) e no CEIP Reboreda por 310.579 euros (carpinterías e melloras varias). No referente a Educación Secundaria, os investimentos serán no IES Illa de San Simón por importe de 69.195 euros (illamento térmico e acústico e instalación solar fotovoltaica), no IES Mendiño por 242.436 euros (instalacións térmicas) e no IES Pedro Floriani por 1.888.821 euros para a súa ampliación.
Durante a reunión falouse tamén sobre o convenio cos institutos do Concello para uso dos pavillóns polideportivos, a través do acordo coa Federación Galega de Municipios (Fegamp), sobre as obras de reforma integral do CEIP Alexandre Bóveda. Desde o Concello de Redondela demándanse tamén obras de mellora para a eficiencia enerxética nos centros de Quintela e Cedeira.
A alcaldesa tamén insistiu na urxencia de dar resposta ás necesidades de transporte escolar dos institutos de Redondela, xa que son máis de 80 os alumnos que carecen de servizo de autobús para desprazarse. Desde a consellería trasladaron esta petición á Dirección Xeral de Mobilidade, responsable desta competencia, para manter unha reunión urxente coa nova directora territorial, Blanca García-Señoráns.
Contenido patrocinado
También te puede interesar