Unha homenaxe de Redondela á empresaria Ana Sánchez

Premiada na sexta edición do Foro de Muller Rural Galega celebrado onte no concello de Pazos de Borbén

Ana Sánchez Bouzón, coa alcaldesa Digna Rivas e Rita Pérez no foro onde recibiu o premio.
Ana Sánchez Bouzón, coa alcaldesa Digna Rivas e Rita Pérez no foro onde recibiu o premio. | Atlántico

O Concello de Redondela sumouse onte á conmemoración do Día Internacional da Muller Rural participando no VI Foro da Muller Rural Galega. O acto central incluíu a entrega do recoñecemento á veciña e empresaria destacada Ana Sánchez Bouzón, premiada nesta edición “polo seu liderado, capacidade e visión de futuro” á fronte da firma Sánchez Álvarez Sociedad Limitada.

O galardón foi entregado pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, dentro desta iniciativa promovida polo grupo de desenvolvemento local do territorio de Galicia Suroeste EU Rural.

Ana Sánchez Bouzón dirixe Demolicións Sánchez Álvarez desde 2022. A firma naceu hai case 50 anos en Cedeira da man do seu avó, e logo tomou o relevo seu pai. Trátase dun proxecto familiar caracterizado polo esforzo e o arraigo no que esta moza asumiu o mando con tan só 27 anos nun sector complexo e historicamente masculinizado.

Durante o acto, a alcaldesa Digna Rivas destacou a importancia de visibilizar que o talento non entende de xéneros nin de idades. "Ana é o vivo reflexo disto. Onde outros podían ver barreiras, ela viu responsabilidade e futuro", sinalou a rexedora, quen engadiu que "es o espello no que se poden mirar as nenas e mozas de Redondela para saber que non hai profesións de homes nin de mulleres; hai traballo, capacidade e liderado".

A sexta edición do foro da Muller Rural Galega, celebrado este ano no concello de Pazos de Borbén, amosou a realidade de 11 proxectos liderados por mulleres rurais da contorna. Xunto á redondelá Ana Sánchez, o certame recoñeceu o labor doutras dez mulleres e colectivos do territorio, na área metropolitana e comarca.

Contenido patrocinado

stats