O TSXG sinala a ilegalidade do posto de asesor de Digna Rivas

O Tribunal de Galicia rexeita o recurso presentado polo Concello contra a sentenza que daba a razón ao PP

Javier Bas, cara a cara con Digna Rivas no pleno.
Javier Bas, cara a cara con Digna Rivas no pleno.

A Sección 1ª da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditaminar e confirmar a ilegalidade do posto de asesor do BNG de Redondela proposto pola alcaldesa, Digna Rivas, e aprobado polas tres forzas de esquerda no pleno e que serviu para que, segundo dixo o PP, a candidata socialista “mercara” a súa investidura tras as eleccións municipais de 2023 ao abeiro do seu pacto co partido nacionalista. Este nomeamento dunha traballadora eventual de confianza para o Bloque adoptouse no pleno extraordinario de organización do 1 de agosto de 2023 e sobre o mesmo o PP de Redondela interpuxo un recurso de reposición que foi rexeitado polos 11 concelleiros das tres forzas de esquerda o 28 de setembro dese mesmo ano. Os populares presentaron un recurso xudicial que ditaminou a ilegalidade deste cargo a mans do BNG en sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo e que agora vén de ser confirmado polo TSXG, que tamén condena ao Concello ao pago das costas.

No pacto entre PSOE e BNG para a investidura de Digna Rivas foi decisiva a concesión dunha adicación parcial cunha remuneración do 60% cifrada en 16.200 euros brutos anuais a prol dunha persoa liberada para o BNG, polo que, para os populares, “esta situación revela como Digna Rivas e o PSOE, que perderon as eleccións, mercáronlle ao Bloque os votos que precisaban para acceder ao goberno local con diñeiro de todos os veciños de Redondela e, para máis inri, cun nomeamento ilegal”.

O PP sinala que, segundo o recollido na sentenza, a alcaldesa efectuou un nomeamento dunha persoa de confianza sobre a que non ten ese vínculo por moito que o BNG apoiara a súa investidura, xa que este grupo non pertence ao goberno municipal, e ademais dito cargo non obedece ao interese xeral en beneficio do Concello de Redondela, “senón exclusivamente a garantirse os votos da investidura tendo contento ao Bloque, o que demostra que estamos ante

unha práctica política totalmente noxenta”. Lembra que a alcaldesa acaba de cesar a esta asesora tras unha petición dos populares e, sobre todo, despois da ruptura de relacións e do forte enfrontamento PSOE-BNG das últimas semanas, considera que se produciu unha “compra espuria” do goberno local. Polo tanto, esixe que Digna Rivas dea explicacións sobre este caso e afronte a depuración de responsabilidades, comezando, polo menos, por devolver do seu propio peto a cantidade cobrada por esta asesora do BNG, así como os impostos e cotizacións á Seguridade Social, durante case dous anos e facer o propio cos gastos xudiciais deste proceso. Por último, a formación liderada por Javier Bas considera que esta sentenza agrava aínda máis a “forte crise política e institucional” que padece o goberno local e o Concello de Redondela tras a perda de confianza da alcaldesa pola maioría do pleno na sesión celebrada o luns 5 e insiste en que “a situación é totalmente insostible e ingobernable, algo que sucede desde que chegou ao poder no ano 2019".

Contenido patrocinado

stats