Redondela pon en marcha a segunda fase da Senda Verde

O novo tramo, de 2.300 metros cadrados, transformará o trazado ferroviario que está en desuso creando na zona un espazo dinámico co que se fomentará unha vida saudable

A alcaldesa Digna Rivas co concelleiro Antonio Cabaleiro na zona de skatepark da Senda Verde.
A alcaldesa Digna Rivas co concelleiro Antonio Cabaleiro na zona de skatepark da Senda Verde.

O Concello de Redondela dará continuidade á Senda Verde de Chapela para transformar a antiga vía férrea en desuso nun novo espazo público de lecer. Esta segunda fase, que se conecta co tramo inaugurado no anterior mandato, licitarase a finais do mes de setembro e empezará nas inmediacións do novo skatepark, inaugurado a finais do ano pasado. Este novo tramo irá en dirección a Redondela. O proxecto vai transformar esta céntrica zona da parroquia de Chapela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato hai case tres anos, e que é moi transitada pola veciñanza”.

O novo tramo transformará o trazado ferroviario que está en desuso. Na zona crearase “un espazo dinámico para fomentar a vida saudable no que a veciñanza poida gozar dun paseo por un medio natural lonxe do tráfico, e tamén mellorará a conexión coas rúas da contorna”. A segunda fase “contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía”. Crearase así un lugar de esparexemento, deporte e vida saudable, tanto para usos lúdicos como deportivos. “Trátase dun paso máis no empeño deste goberno por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”, sinalou Rivas.

O deseño será similar ao da primeira fase da senda, e nos puntos nos que o percorrido ten acceso dende as rúas perimetrais crearanse pequenas prazas con bancos que servirán como zona de descanso e de encontro para a veciñanza. Ao final do trazado colocarase unha pérgola que ofrecerá sombra nos días de sol. O proxecto ten un orzamento de 315.553,86 euros e un prazo de execución de seis meses. O financiamento corre a cargo do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.

Este novo proxecto súmase a outras melloras en Chapela. A primeira fase da Senda Verde inaugurouse a finais de 2021 e contou cun investimento de 778.000 euros. Anexo a esta senda construíse o skatpark, un recinto moi demandado pola mocidade que está en funcionamento desde decembro do ano pasado. En novembro do ano pasado tamén se remodelou o espazo do Campito.

Contenido patrocinado

stats