Redondela pecha as charlas sobre Castelao con Iria-Friné Rivera

O Concello celebra este venres a última das conferencias sobre o escritor e político de Rianxo, ás 19:40 horas na Oficina de Turismo

Na imaxe, a historiadora da arte e escritora Iria-Friné Rivera.
Na imaxe, a historiadora da arte e escritora Iria-Friné Rivera.

Galicia celebra este 2025 o Ano Castelao, co gallo do aniversario número setenta e cinco do pasamento do escritor e político de Rianxo. O Concello de Redondela súmase a esta conmemoración e está a organizar desde o pasado mes de xaneiro actividades desde o Servizo de Normalización Lingüistica, que dirixe a alcaldesa Digna Rivas. Trátase de actos para poñer en valor “o relevante papel de Castelao como político, intelectual, escritor e debuxante”, explicou a rexedora.

Nas conferencias teñen participado desde comezos de ano o catedrático de Historia, Ramón Villares, o escritor e profesor Emilio Ínsua e a investigadora Diana Vilas sobre “O álbum dos nenos de Castelao”. Este venres, día 30 de maio, celebraráse en Redondela a última das conferencias deste ciclo da man de Iria-Friné Rivera, Historiadora da Arte e escritora que falará sobre a cartelaría do Estatuto do 36 de Castelao baixo o título “A arte de abrir os ollos nos carteis do Estatuto de Galicia de Castelao”. A conferencia será ás 19:30 horas na Oficina de Turismo, situada na rúa Isidoro Queimaliños, con entrada libre ata completar o aforo.

Por outra banda, o 4 de xuño o Concello colaborará co CEIP Alexandre Bóveda (Angorén-Chapela), na celebración do aniversario de Alexandre Bóveda, coa participación das fundacións Castelao e Bóveda. O xoves, 5 de xuño, inaugúrase no Multiúsos da Xunqueira a exposición itinerante “Castelao Grafista” en colaboración con Afundación, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia.

Contenido patrocinado

stats