Redondela forma a cen persoas para inserción laboral
Rivas destacou os bos resultados acadados polo programa o ano pasado, no que 85 persoas acadaron un contrato
O auditorio da Xunqueira acolleu a presentación do Programa Integrado de Emprego do Concello de Redondela, no que participan un cento de desempregados. O obxectivo do plan é mellorar a formación destas persoas para que se incorporen ao mercado laboral. A alcaldesa, Digna Rivas, participou no acto xunto ao concelleiro de Emprego, Alberto Álvarez, e a responsable do programa Belén Oblanca. Entre os cen participantes no Programa Integrado de Emprego hai diferentes perfís de persoas desempregadas: menores de 30 anos, maiores de 52, parados de longa duración, persoas con discapacidade, mulleres e persoas en risco de exclusión social, entre outros.
A rexedora deulles a benvida e felicitounos por formar parte deste programa “porque todos e todas tedes un gran potencial e co voso esforzo e a formación que ides recibir será posible acadar o obxectivo de atopar un emprego”. Rivas recoñeceu que “non será doado”, pero amosouse convencida que “con gañas e esforzo será posible”. Como exemplo a alcaldesa lembrou os datos acadados no programa celebrado o ano pasado, no que “se superou amplamente o obxectivo de inserción laboral”. Foron un total de 85 as persoas que acadaron un contrato de traballo en sectores como a industria da automoción, loxística, servizos e comercio.
Os participantes reciben formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo, orientación laboral e tamén poden realizar prácticas en empresas. As accións teñen sempre en conta as demandas do mercado laboral da comarca, así como as características profesionais dos participantes. O programa deste ano inclúe tamén as tecnoloxías emerxentes e a IA, que se empregarán para analizar postos de traballo, buscar ofertas de emprego, crear curriculums profesionais ou preparar entrevistas de traballo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar